Início / Menu Diócesis / Noticias

Só o amor ilumina todo


Un ano máis chega o Nadal, ese tempo especial e diferente no que celebramos o nacemento de Xesús, punto de arranque da nosa fe cristiá.

Deus vén ao noso encontro nun neno acabado de nacer, pequeno e dependente, para facerse humanidade e fraxilidade. Vén e recórdanos que o Amor é o que fai que poidamos poñernos no lugar dos demais, como El mesmo ao encarnarse no alento e o pranto dun neno acabado de nacer nunha manxadoira, nun lugar perdido e pobre que pasa desapercibido para a maioría da xente do seu tempo, agás para aqueles pastores cegados pola maxia dunha estrela e o murmurio dunhas voces que lles din algo incrible que non poden comprender: “Hoxe en Belén de Xudá, naceuvos un Salvador”.

Hoxe o nacemento do Fillo de Deus está máis preto dos pobres e vulnerables que nunca. Hoxe, e a pesar da debilidade da nosa fe, tamén nos parece incrible que Deus se faga “Un” coa nosa humanidade fráxil, ás veces mesquiña e incoherente, e que elixa pór a súa casa no medio dos pobres. Mentres poñemos as luces nos nosos beléns e vestimos de bólas de cores as nosas árbores, seguimos camuflando as vidas dos que máis sofren en informes e estatísticas, alimentando as sombras do esquecemento da súa dignidade, da súa soidade e da súa propia humanidade.

En Cáritas sabemos que cada informe que realizamos, cada cifra ou cada dato conta a historia de persoas reais con voz e alma, persoas que loitan por recuperar a súa dignidade, os seus dereitos, o seu lugar na sociedade.

 

 

Os informes son como as estrelas, sinais no camiño que nos permiten ver a realidade, para interpretala e discernir que facer con ela.

 

 

 

UN ADVENTO PARA HUMANIZARNOS

A humanización é un camiño onde crecemos como persoas e como cristiáns. O amor aos demais é unha proposta de vida. Humanizámonos cando as nosas vidas persoais, comunitarias e eclesiais se enfocan en e desde o Amor.

Como cristiás e cristiáns estamos chamados a vivir un Nadal diferente no que non só enchamos as nosas casas de luces, risas e encontros, senón de humanidade para contaxiar e para compartir en cada lugar e espazo onde somos e vivimos.

Deus que se fai home, humano, porque nos ama, invítanos a deixarnos amar e sentir, a facernos pequenos e fráxiles, necesitados e dependentes para recibir o seu Amor, esa chispa de enerxía poderosa que é capaz de mobilizar e recrear a vida ao longo dos séculos, e que nos pode transformar en pastores para crer sen certezas e anunciar boas novas.

Estes días de Advento que nos preparan para o Nadal non son días de espera en balde, senón días para humanizarnos e humanizar cos nosos xestos e a nosa mirada os lugares que habitamos. Nisto consiste a esperanza que ás veces buscamos con desesperación.

A esperanza non vive fóra de nós, non está nunha experiencia ou nun acontecemento, senón que vive no noso interior, en cada corazón humano capaz de deixarse sorprender, capaz de admirar e de agradecer, capaz de dar e de recibir e capaz de saír ao mundo a conquistar algo mellor non só para si mesmo senón para o ben común.

Anhelar a esperanza axúdanos a superar a tristeza, a crer no que os nosos cálculos e a nosa racionalidade determinan como fracaso. A pobreza existe e a inxustiza e a dor que provocan camiñan da man da nosa historia humana. Porén, Deus segue nacendo para humanizarnos e plantar en nós o desexo de bondade que fai posible esperar algo novo capaz de trastornar e cambiar as nosas sombras en penumbras que deixen espazo á luz.