Início / Menu Diócesis / Noticias

Exposición de prataría no Museo Diocesano Catedralicio

Foto: MDCL.


O xoves 16 de xuño, ás 18.30 h., no Museo Diocesano Catedralicio de Lugo (MDCL), inaugúrase a exposición temporal Adoro te Devote na que se presentan un total de 25 custodias, ostensorios ou virís pertencentes a diversas parroquias da Diocese de Lugo e á propia Catedral. No acto ofrecerase aos asistentes un percorrido guiado a cargo do delegado episcopal de Liturxia, Relixiosidade Popular e Patrimonio Histórico Artístico, José Antonio Ferreiro, e do director do Museo, Marcos Calles.

O conxunto da mostra representa un percorrido temporal da evolución destas pezas litúrxicas ao longo do últimos cinco séculos. Destaca a custodia de asento regalo do bispo don Diego Castejón Fonseca, regalada na primeira metade do século XVII e que foi a utilizada na primeira Ofrenda do Reino de Galicia, no ano 1672. Esta iniciativa complétase coa utilización dos medios audiovisuais do MDCL, incluíndo diapositivas referentes á investigación sobre as custodias e sobre a localización das pezas.

A exposición, promovida pola Diocese de Lugo, estará aberta do 16 de xuño ao 31 de xullo, no horario de apertura do museo (de luns a sábado de 10:00 a 19:00 h. e os domingos de 13:00 a 18:00 h.). En canto ás visitas guiadas, haberá unha primeira visita o 20 de xuño ás 17:00 hAs vindeiras serán anunciadas na conta de Twitter do Museo.