CARTA PASTORAL CORPUS CHRISTI 2021


SEXAMOS MÁIS POBO
Día da Caridade 2021

Benqueridos irmáns, 
O próximo 6 de xuño celebramos a Festa de Corpus Christi, na que cada ano recoñecemos con solemnidade e publicamente, en parroquias, vilas e cidades,  a presenza connosco de Cristo no sacramento da Eucaristía. O pleno realismo desta afirmación mantén viva no noso corazón a memoria do Amor inmenso de Deus, manifestado visiblemente na caridade do Señor Xesús, que chega ata a morte no sacrificarse por nós, e a darnos o seu Corpo e Sangue en comuñón. Este realismo, que non queremos negar, da ao mesmo tempo razón cumprida ao recoñecemento da presenza do Señor en cada irmán, permitindo que a nosa persoa estea habitada e se guíe por aquel mesmo amor que recibe do que participa no sacramento da Eucaristía.
Non deixemos nunca de celebrar este misterio, do que viven a nosa fe –as nosas certezas e esperanzas máis queridas– e a nosa caridade, único alento verdadeiro do noso facer e padecer. Festexemos con toda alegría nas nosas casas e parroquias este día grande do Corpus Christi, dando grazas e pedindo poder mirar sempre a vida e afrontar as súas dificultades á súa luz.
Nesta época en que se perdeu a normalidade e cambiaron os marcos e as referencias da nosa vida cotiá, necesitamos especialmente celebrar o misterio da nosa fe. Porque é un tempo que está poñendo a proba a fe e a esperanza de cada un, que esixe de nos seriedade, responsabilidade e solidariedade.
Así, por exemplo, a pandemia fíxonos pensar na vinculación que existe entre todas as xentes e pobos, percibir mellor que o planeta é unha unidade habitada por unha sola humanidade, e que as fronteiras son só delimitacións relativas, máis ou menos avaladas por motivos xeográficos e históricos. A común loita contra o virus lémbranos aos máis de 7.000 millóns de habitantes do mundo unha verdade que tendemos a esquecer, “que todo o que ocorre nos importa e nos afecta” que “ninguén debería quedar fóra”, que todos compartimos destino común, chamados a ser Pobo de Deus. Fíxose claro que non podemos deixar de coidar ao noso irmán, nin tampouco tratar de calquera maneira este mundo creado, a casa común confiada por Deus a toda a humanidade.
Celebrar o misterio do Corpus neste tempo pódenos axudar tamén a percibir mellor a importancia da corporeidade para a nosa vida de crentes, pois sabemos que “a Palabra fíxose carne e puxo a súa tenda entre nós”, que se quedou na Eucaristía e que se nos ofrece como verdadeiro pan de vida: “tomade e comede todos…”. Isto esixe darlle importancia a corporeidade da persoa, recoñecer o valor do presencial, do contacto e do encontro para a existencia cristián e para toda a vida humana. Por iso as restricións ás liberdades de movementos, ás relacións interpersoais, ao contacto físico cos irmáns debidas ao covid-19 afectaron a nosa saúde e puxeron dificultades a nosa experiencia de fe, fixeron sufrir a moitos dun illamento que chegou ás veces ao abandono na enfermidade e ante a morte, agravaron as perdas de traballo e outras secuelas deste mal.
Esta situación non afectou igual a todos. Pois non é o mesmo ter traballo ca estar no paro, ter casa individual con horta ca vivir nun piso en menos de 60 m2 e sen balcón, sendo ao mellor familia numerosa, poder dispor dun coche individual ca correr riscos de contaxio nun transporte comunitario, traballar con moita xente e en lugares pechados ca facelo nun lugar individual ou teletraballar, etc. Non podemos esquecer que os máis pobres sofren máis as consecuencias da pandemia.
Toda esta experiencia fíxonos reconsiderar tamén o valor do traballo para a persoa e para a súa dignidade, feito moi visible en tarefas que antes podíamos infravalorar e agora resultaban imprescindibles como, por exemplo, os da limpeza, transporte, supermercados, atención domiciliaría e a maiores, acompañantes, etc. É unha chamada forte a cada un e a toda a sociedade a non entender o traballo como se fose unha mercancía máis, senón como parte esencial da vida humana, expresión do amor verdadeiro, servizo ao próximo e a toda a sociedade.
Adquirimos igualmente conciencia renovada de que a solidariedade é unha necesidade básica de todos, que non é real a pretensión de bastarse a si mesmo para vivir. Todos volvemos a mirada aos nosos seres queridos e ás nosas familias, experimentámolas como decisivas para as nosas persoas, en contra de todo canto na nosa sociedade –e ata nas escolas, nos medios de comunicación ou nas mesmas leis– contribúe á súa disolución. Entendemos a falsidade dun individualismo que nos illa.
En particular, a unidade das nosas comunidades cristiás desvelouse un recurso extraordinario, expresado na cercanía, o acompañamento, a caridade nas necesidades que podían aparecer. Xuntos puidemos gardar a fe e a esperanza no corazón, tamén ante os desafíos mais grandes, incluída a morte. Cada xesto pequeno de caridade, cada momento de oración nas casas ou de participación litúrxica, aínda por internet, fixo alumear a esperanza, sostívonos no camiño, deu vida ao corazón. Vimos claro canto precisamos da Graza de Deus, que nos di “Vinde todos os que estades cansos e agoniados, que eu vos aliviarei”.
Por todos estes motivos podemos entender mellor o lema deste Día Nacional de Caridade: SEXAMOS MÁIS POBO. Esta é a primeira urxencia que nos pon de manifesto este tempo de pandemia. Sexamos máis pobo ante todo nas nosas comunidades e parroquias, pero tamén sabendo mirar a todas as xentes como membros dunha mesma familia humana, superando muros e divisións e procurando encontros. Como escribe o Papa Francisco falando de Carlos de Foucauld: “no profundo do deserto africano … expresaba os seus desexos de sentir a calquera ser humano como a un irmán, e pedía a un amigo: ‘Rogue a Deus para que eu sexa realmente o irmán de todos’. Quería ser, en definitiva, ‘o irmán universal’. Pero só identificándose cos últimos chegou a ser irmán de todos. Que Deus inspire ese soño en cada un de nós” (Fratelli Tutti, nº 287).
O sacramento da Eucaristía fainos Igrexa, e a Caridade é como o seu alento vivo. Celebrar este ano a festa do Corpus Christi invítanos en primeiro lugar a sabernos e a SER MÁIS POBO DE DEUS; e pídenos que vivamos unidos, que atendamos a levar os pesos os uns dos outros, que non deixemos de ver en toda persoa un irmán chamado a esta mesma comuñón católica, que pola súa natureza  non exclúe a ninguén, está destinada e aberta a todos.
Hoxe é un día para alegrarnos da caridade, da de Deus connosco agora e sempre, como manifesta Xesús Sacramentado; da caridade dos irmáns, que nos sostén nas dificultades, da esperanza e aleda profundamente o corazón; e daquela que, por graza, poidamos ofrecer nós a quen temos cerca ou atopamos no camiño.
Celebremos con fe e alegría esta festa de Corpus e sigamos unidos, nas nosas familias e como Igrexa, nas comunidades e parroquias. Coidemos e colaboremos con CARITAS e co proxecto diocesano SEMPRE XUNTOS –nacido como xesto solidario ante as especiais necesidades provocadas polo virus–, nos que se expresa intelixente e organizadamente aquela caridade coa que queremos vivir todos os días.
Que Cristo presente na Eucaristía nos bendiga a todos e sexa a nosa forza e guía no noso camiñar pola historia cara a morada definitiva.
Feliz festa de Corpus!

Nacimiento
12 de octubre de 1956
Villalba (Lugo)

Ordenación sacerdotal
1985

Ordenación episcopal
9 de febrero de 2008

Nombramientos
Obispo de Lugo

Presidente de la Comisión Episcopal para la Educación y Cultura

Miembro de la Comisión Permanente de la Conferencia Episcopal Española

Contactos

Dirección
Diócesis de Lugo – Obispado de Lugo
Praza Santa Maria, 1
27001 Lugo

Teléfono 
(+34) 982 231 143

Email
Envía correo