A Catedral de Lugo celebrou unha nova edición da Suma Poética, un encontro que uniu poesía, música e fe arredor da invitación a “alzar a mirada”, en sintonía co chamamento do Papa. O recital converteuse nunha oportunidade para redescubrir a Catedral como casa da fe recibida dos nosos maiores e para volver ao esencial da vida cristiá: a Eucaristía, chamada a ser levada despois ao corazón do mundo.
O programa reuniu poemas marianos, relixiosos e eucarísticos de autores como Miguel Hernández, Ramón del Valle-Inclán e Gerardo Diego, combinados con voces contemporáneas e referencias ao Cancioneiro Popular Galego. A música acompañou os distintos momentos do acto con obras de Mozart, himnos eucarísticos e un emotivo Stabat Mater.
Como cada ano, a lectura dos textos contou coa participación de persoas moi diversas: colaboradores das parroquias, profesorado, profesionais da cidade, mozos, nenos e amantes da poesía, da música e da fe, que contribuíron a crear unha celebración coral da palabra e da tradición cristiá.
O acto concluíu cun momento especialmente emotivo. Abraham Sánchez interpretou a inédita Romanza á Virxe dos Ollos Grandes, de Moreno Fuentes, unha fermosa peza que emocionou ao público e puxo o broche final a unha nova celebración da palabra e da tradición eucarística na Catedral de Lugo.
María José Campo




















