Início / Menu Diócesis / Noticias

Mons. Alfonso Carrasco: «A fe verdadeira conforma a vida, non subsiste se non é capaz de educar»


A Programación Pastoral deste curso 2023-2024 leva por lema "A fe é práctica". O noso Bispo, Mons. Alfonso Carrasco, desenvolve en varios puntos as liñas de acción pastoral. Don Alfonso adica un apartado á educación:

A Igrexa en España, por decisión da CEE, a iniciativa da súa “Comisión de educación e cultura”, celebrará este curso un congreso “A Igrexa na educación: presenza e compromiso”. Trátase dun proceso participativo ao que están convidadas todas as Dioceses, coordinadas cada unha pola súa correspondente Delegación.

O Congreso nace da conciencia da importancia da educación para a fe e a vida de nenos e novos, para o seu futuro, o das familias e a sociedade. Quere poñer de manifesto o inmenso traballo educativo que están a realizar xa as máis diversas iniciativas e institucións eclesiais. E busca contribuír a que se exprese máis e mellor, para nós mesmos e para toda a sociedade, a riqueza de experiencia, a proposta educativa cristiá, imprescindible para os propios fillos, pero tamén unha riqueza indubidable e moi grande para todo o sistema educativo dunha sociedade libre e plural. Será a ocasión para atoparse tamén os participantes, compartir boas prácticas e perspectivas, preocupacións e problemas; para axudarse a afrontar desafíos e a cumprir a propia misión.

Este labor educativo é imprescindible para o mesmo ser da Igrexa; pois a fe verdadeira conforma a vida, non subsiste se non é capaz de educar. Por iso, convén que aproveitemos esta ocasión, a posibilidade que se nos ofrece de afrontar dende a nosa Diocese esta dimensión da vida pastoral, con maior conciencia, coas riquezas do compartir recursos e do gozar da axuda mutua.

A participación será posible durante o próximo mes de outubro, nunha serie importante de encontros “en liña” que están xa programados e anunciados publicamente. A nosa Delegación ten tamén a información e pode lembrar estas datas e estas posibilidades a todos. É importante para colexios, e tamén para os que son profesores en calquera centro de ensino, para profesores de relixión, para a educación non formal e en tempo de lecer, para a formación profesional, para a educación especial; e igualmente para parroquias e familias, cuxa relación coa escola e a educación é absolutamente decisiva, e que é necesario reavivar e promover, así como tamén coordinar co conxunto do noso labor catequético.

A segunda data significativa do Congreso será a do día 24 de febreiro de 2024, en que terá lugar o encontro público en Madrid, ao que poderán participar tamén algúns representantes diocesanos.

En todo caso, é unha invitación clara a valorar a nosa presenza actual e o noso compromiso, non só en iniciativas e institucións educativas, senón no proceso educativo que inevitablemente ten lugar nas nosas familias e parroquias. Trátase dunha prioridade importante, decisiva na transmisión da fe, por suposto tamén na nosa Diocese.

Neste sentido, a celebración e a participación no Congreso sitúase en continuidade co camiño percorrido ata o de agora nos nosos Colexios diocesanos, coa opción pastoral de medrar en conciencia e en capacidade de afrontar o desafío educativo, e pode indicarnos tamén a conveniencia dalgúns novos pasos nesta tarefa.

Mons. Alfonso Carrasco