CARTA PASTORAL CORPUS CHRISTI 2011 GAL


Queridos irmáns,

Na gran solemnidade do Corpus Christi, o próximo domingo, 26 de xuño, a Igrexa invítanos a celebrar de novo o "Día da Caridade", este ano baixo o lema, as cousas importantes fanse co corazón.
    Con iso non se quere reducir de novo a caridade a un simple sentimento, a unha dimensión complementaria, cando non marxinal, da propia vida. Sabemos ben que "sen verdade, a caridade cae nun mero sentimentalismo. O amor convértese nun envoltorio baleiro que se enche arbitrariamente”. (Benedito XVI, Caritas in veritate, 3).
En realidade, o corazón é a sede do máis persoal, onde se xuntan as esixencias profundas de verdade, de xustiza e de ben, onde reside a nosa liberdade. Falar do corazón é interpelar a persoa como tal, para que sexa protagonista da propia existencia e non se reduza a un xogo de intereses, ao puro pragmatismo das conveniencias.
A urxencia da interpelación é ilustrada pola crise que vivimos, xurdida sen dúbida, no máis fondo, da entronización persoal e social do hedonismo e a avaricia, dunha intelixencia en que se sacrificou o propiamente humano, negando a verdade e a conciencia, e, con iso, a posibilidade de relacións auténticas, a amizade e ata a familia.
Pois, en efecto, o corazón é o que fai posible a unidade entre as persoas, que os meros intereses e o contacto superficial non poden xerar. Sufrimos, de feito, neste tempo, non só de carencias económicas e de traballo, senón tamén de individualismos profundos, de rupturas familiares e moitas veces dunha gran soidade. Todo vai unido, pois todo está vinculado e depende do que sucede no fondo da nosa conciencia e liberdade. O esquecemento da verdade do humano, a ausencia da responsabilidade persoal, non contribúe a solucionar problema ou crise ningunha, senón a xeralas.
A festa do Corpus Christi é o "Día da Caridade", porque é o día en que celebramos o corazón mesmo da Igrexa, o santo sacramento da Eucaristía, a Presenza real de Xesucristo, Deus e home, que se nos comunica con todo o seu ser. No don permanente do seu Corpo e do seu Sangue maniféstase o Corazón de Xesús, ofrecendo a unidade, a comuñón plena con El a cada un de nós.
Este é o camiño que ilumina o propio corazón e o sanea, aliméntao e confórtao. Así poderemos dicir "eu" con plenitude nova, espertar ás propias esixencias de verdade, de xustiza e de ben, libres do medo e cheos de esperanza. Grazas á Presenza do Señor tamén nós estamos máis presentes no mundo e atentos ao noso propio corazón.
Dende fai moitos séculos, confesamos este mysterium fidei con firmeza e alegría, aquí e agora, confiados en que a proximidade de Xesús sacramentado nos asegura un futuro e un destino bos.
Pois, se a caridade de Cristo habita nos nosos corazóns, poderemos construír de novo relacións verdadeiras, dar forma ao amor matrimonial e aceptar os desafíos da fecundidade e da vida nas nosas familias; teremos a enerxía para o traballo e o sacrificio, a liberdade para obrar e para compartir, para superar o egoísmo. E "mediante obras de xustiza, paz e desenvolvemento" daremos testemuño do Evanxeo (Benedito XVI, CiV 15).
A manifestación paradigmática do amor do Señor será a nosa mirada sobre os pobres, os que non encontran apoio na sociedade. Estes poden ser as persoas encerradas na soidade, as nais ás que ninguén axuda a traer os seus fillos ao mundo, ou os que sofren a enfermidade. Pode ser o compañeiro necesitado dunha axuda xenerosa, dun apoio no traballo. E serán, sen dúbida, tantos necesitados que están a noso arredor, a miúdo procedentes doutros países e máis indefensos. Porque, en palabras do Beato Xoán Paulo II, "non" se pode recibir o Corpo de Cristo e sentirse lonxe dos que teñen fame e sede, son explotados ou estranxeiros, están en prisión ou encóntranse enfermos”. (Congreso eucarístico de Sevilla, 1993).
Participando na gran solemnidade do Corpus Christi afirmamos todas as razóns da nosa esperanza, o infinito amor do Señor, que revela a dignidade da nosa persoa, do noso propio corazón, como presenza imprescindible na construción de toda a vida e da nosa sociedade.
E pedímoslle as súas bendicións abundantes sobre os nosos seres queridos e as nosas familias, e en primeiro lugar para os que máis o necesitan. Pedímoslle que protexa as nosas comunidades parroquiais, especialmente aquelas que este ano celebran en Lugo o 50º aniversario da súa erección; que faga de todas elas sempre un signo vivo e eficaz do seu amor, atento a todas as necesidades no medio da nosa cidade.
E que a Súa Presenza, que adoramos cada día na nosa Catedral Basílica, ilumine sempre as nosas conciencias, nos dea a paz e a alegría que ninguén pode quitar, e nos faga a todos capaces dunha caridade infatigable.

Nacimiento
12 de octubre de 1956
Villalba (Lugo)

Ordenación sacerdotal
1985

Ordenación episcopal
9 de febrero de 2008

Nombramientos
Obispo de Lugo

Presidente de la Comisión Episcopal para la Educación y Cultura

Miembro de la Comisión Permanente de la Conferencia Episcopal Española

Contactos

Dirección
Diócesis de Lugo – Obispado de Lugo
Praza Santa Maria, 1
27001 Lugo

Teléfono 
(+34) 982 231 143

Email
Envía correo