Início / Menu Diócesis / Noticias

Sen calar ante a inxustiza


Hai uns días lía no xornal unha tráxica noticia: o réxime sandinista que goberna Nicaragua con puño de ferro desde o ano 2018 confiscou os bens da Universidade Centroamericana de Managua, propiedade dos Xesuítas e referente académico na rexión. Non é o primeiro ataque do goberno contra a Igrexa Católica.

Os embates sucédense ininterrompidamente desde fai cinco anos, cando as protestas populares e estudantís contra o goberno sandinista foron violentamente reprimidas polas forzas gobernamentais. Houbo máis de 300 mortos e os bispos pronunciáronse valentemente en defensa dos oprimidos. Desde ese intre, a Igrexa estivo no punto de mira das autoridades.

En agosto do pasado ano decretouse a supresión das Misioneiras da Caridade, fundadas por Santa Teresa de Calcuta, cuxo único crime foi a atención aos pobres e aos desamparados. Pouco despois foi arrestado o bispo de Matagalpa, Mons. Rolando Álvarez, que se negou a fuxir do país para non abandonar ao seu pobo. A principios deste ano foi decretado o peche de Cáritas, a institución pertencente á Igrexa Católica que se encarga da asistencia aos máis necesitados, e que tanto ben fai en todo o mundo, incluída a nosa Diocese de Lugo. O seguinte paso foi o peche das universidades vinculadas á Igrexa, sendo a última a Universidade Centroamericana. O ensañamento é tal, que a S. S. o Papa Francisco, chegou a comparar publicamente o réxime nicaraguano co réxime nazi.

Que delito cometeu a Igrexa en Nicaragua? Denunciar a tiranía e protexer ao pobo que sofre, como fixo ao longo da historia. Seguindo o exemplo de Cristo nunca calou ante a inxustiza. Xa no século IV, San Ambrosio de Milán, arcebispo e doutor da Igrexa, fulminou a excomuñón contra o emperador Teodosio pola matanza perpetrada polas tropas imperiais na cidade de Tesalónica. Teodosio só foi readmitido na comunidade cristiá despois de moitos meses de pública penitencia. En tempos máis recentes a determinación da Igrexa en favor da xustiza non sufriu menoscabo. Exemplo diso foi o solemne pronunciamento da S. S. o Papa Pío XI na súa encíclica Mit brennender Sorge (Con ardente preocupación) contra o réxime nazi de Adolf Hitler. Cando o mundo calaba, o Vigairo de Cristo alzaba a voz. Como non lembrar tamén o arroxo de Mons. Clemens August Von Galen, bispo de Münster, en 1940? Ao chegar aos seus ouvidos noticias dos asasinatos masivos de persoas discapacitadas por parte dos nazis, subiu ao púlpito, e coa gallardía propia dun ministro de Cristo, denunciou tales crimes ante o pobo e esixiu que se lles puxese fin. A impresión que xeraron as súas homilías asustou ao réxime de Hitler e fíxolle merecedor do alcume de “O León de Münster”.

Este espírito é o que inspira ao clero de Nicaragua, e por iso é perseguido.

 

Ignacio Felpeto Criado

Sacerdote da Unidade pastoral de Castroverde