Reorganización Pastoral GAL

diocesis_lugo_church2-13


Falar hoxe día da parroquia no mundo rural é falar de grandes cambios, non só demográficos, senón tamén espirituais e culturais. Con todo, para nós, como cristiáns, o esencial, o máis valioso e querido da experiencia parroquial ten validez permanente e non queremos perdelo. Alégranos moito ademais poder ser fieis así á nosa tradición galega máis ancestral: hai algo máis antigo ou máis galego en Galicia que as nosas parroquias?

 

LA PARROQUIA NO MUNDO RURAL

Durante moitos séculos as parroquias foron para nós lugares de vida, de identidade e de pertenza. Non eran só froito da veciñanza física, senón que se caracterizaban por un compartir o marco máis fondo da propia existencia, a nosa forma de crer en Deus, de estar no mundo, de celebrar os momentos máis importantes, tristes e alegres, de aprender a convivencia, o respecto e a caridade; as nosas parroquias poñían límites á soidade, facían próxima a solidariedade, facían presente ao próximo.

As parroquias eran así lugar principal da nosa cultura, da xeración e da conservación dos seus trazos máis persoais; alcanzando, moitas veces, unha madurez humana e mesmo artística que segue sendo a nosa riqueza, o noso patrimonio hoxe –como pode verse na espléndida igrexa de San Xulián de Ventosa.

Nós non queremos entender hoxe as parroquias doutra maneira; aínda que cambiasen moitas circunstancias, crecendo as dificultades –pola crise demográfica, por exemplo, pero non menos pola crise cultural e de fe que estamos a vivir de feito– e tamén as facilidades –polas novas infraestruturas e medios de comunicación de que gozamos, pola xeneralización da educación e da sanidade, polos recursos da nosa sociedade do benestar.

Pois as circunstancias soas non definen por si mesmas ás persoas ou as comunidades. A nosa vida ten unha raíz propia no modo de afrontar a realidade, na liberdade que dá a conciencia clara da propia fe, da propia dignidade e destino, da propia comprensión do mundo. Esta é tamén a raíz verdadeira da vitalidade posible das nosas parroquias, de modo que non se reduzan a tradicións e costumes pasadas, a redes asociativas que perseguen algúns intereses propios de quen de feito son veciños, ou a manter unha certa memoria nostálxica moi limitada ao local.

Hoxe día, en moitas zonas rurais, os cristiáns que participan nas actividades eclesiais da súa parroquia seguen mantendo viva a propia fe, aínda cando ás veces xa en modo máis pasivo que creativo, máis capaz de conservar que de xerar sociedade e cultura. Aínda que, por outra banda, permanecen momentos de participación popular máis ampla, con ocasión de festas, de tradicións locais ou de celebracións familiares singulares.

Habemos de aprender a valorar con toda a nosa intelixencia e os nosos medios esta realidade boa. Pero sobre todo habemos de buscar realizar tamén hoxe, en novas formas, o que a parroquia foi sempre. Porque sen esta comunidade primeira, presente entre as nosas casas e campos, a Igrexa perdería o seu rostro propio, e as nosas terras galegas perderían a súa tradición, as súas raíces culturais vivas máis fondas.

 

Unha aposta pola presenza da Igrexa no rural

A comunidade eclesial nace da fe en Cristo; é dicir, da acollida da súa Palabra, anunciada e predicada, e da súa Presenza, da súa Persoa e da súa graza, que nos é outorgada nos sacramentos. Por iso, as nosas parroquias identifícanse cun templo, cun ser precisamente “parroquias” e estar referidas, por tanto, a un “párroco” –ao ministerio dun sacerdote enviado polo bispo–, cunha dinámica de pertenza e de familiaridade.

Ser cristián é pertencer ao Señor Xesús, ser membro da súa Igrexa e, por tanto, dunha comunidade particular e local ben concreta; e é gozar das riquezas desta experiencia –dunha vida de fe, de participación e de comuñón– tanto nos días de festa como nos traballos e alegrías cotiás.

Non podemos contentarnos con menos, con facer da parroquia un lugar de encontro ocasional. Habemos de buscar os modos de seguir vivindo plenamente a experiencia parroquial tamén no noso mundo rural. Que a memoria agradecida do pasado, na que se fundan trazos fondísimos da nosa identidade, non sexa un obstáculo, senón un aliciente para salvagardar hoxe día, nas nosas circunstancias, o esencial: vivir a nosa fe en Cristo, unidos como unha familia ao redor da mesa da Palabra e da Eucaristía, na nosa terra, cos nosos veciños e amigos, constituíndo unha comunidade que sexa para nós referencia real, que nos axude a afrontar todas as cousas con esperanza verdadeira e amor constante.

Pois a parroquia non se define en primeiro lugar polo templo e nin sequera polos seus límites xeográficos; senón ante todo por ser unha comunidade viva, un verdadeiro “pobo de Deus”, convocado e unido polo Señor, camiñando á luz da verdade e do amor –do Evanxeo–, na espera da resurrección, participando nunha historia moi grande na que temos á Virxe María como Nai, a tantos santos como compañeiros de fatiga, a tantísimos seres queridos xa na presenza do Pai, no fogar verdadeiro e definitivo. Non podemos perder esta inmensa riqueza, que salvagarda na verdade e na caridade a nosa vida, a das nosas familias e dos nosos seres queridos.

Por iso, habemos de manter vivas as parroquias no noso mundo rural, con intelixencia, con prudencia, pero tamén con tenacidade e con sacrificios, se fai falta. As nosas casas teñen que poder referirse a unha parroquia que existe en plenitude e para iso habemos de movernos –como sempre na vida– para “ir á Igrexa”, para participar da súa vida. Habemos de dar a prioridade para vivir como unha comunidade parroquial, aínda que teñamos que ampliar os límites xeográficos e superar fronteiras antigas.

 

Unha Comunidade Parroquial Estable

Aínda que nos guste celebrar no noso templo parroquial, á beira quizá do noso cemiterio, non deixemos de dar forma e de participar nunha vida parroquial plena, con todas as súas dimensións, cos seus ritmos fundamentais –todos os domingos!–, cos seus momentos de celebración e de encontro, que eduquen aos pequenos e nos garden a todos como cristiáns vivos, como irmáns.

Na nosa contorna próxima, coas nosas familias, con veciños e coñecidos, segue sendo posible hoxe vivir como comunidade parroquial estable, con familiaridade real, cun “párroco” propio. Alí daranse todos os aspectos da vida eclesial: a liturxia –co seu ritmo dominical e as súas grandes festas– e os sacramentos, pero tamén toda a dinámica educativa –desde a catequese infantil a todas as posibles iniciativas de formación que consideremos necesarias ou útiles para responder mellor aos desafíos da vida–, e as formas de expresión da unidade, da caridade, cos necesitados en primeiro lugar –que somos todos dalgunha maneira– e co irmán, co amigo, con todos os que o Señor nos pon á beira no camiño da vida.

Liturxia, educación na fe, vida na caridade, son como piares do edificio da Igrexa, de toda parroquia real; porque son os piares da vida do cristián, que sen eles vaise empobrecendo. Valen a pena todos os sacrificios que sexan necesarios para seguir gozando destes bens. É a riqueza da nosa esperanza, polo ben dos nosos fillos e pola resurrección prometida, polo presente que habemos de vivir con conciencia e liberdade, con fe no Deus verdadeiro –é dicir, na verdade e na caridade–, polo futuro das nosas familias e da nosa terra, polo ben definitivo dos nosos seres queridos.

 

Unidos como Igrexa no rural

Estamos en tempos de cambio. As nosas antigas parroquias envelleceron na súa maioría e foron modificando a súa función; aínda que sigan falando elocuentemente dos bens que nos trouxo vivir como Igrexa de xeración en xeración na nosa terra, e sigan espertando no noso corazón a memoria viva da nosa casa, da nosa historia, da nosa pertenza boa ao “pobo de Deus”, ao Señor creador do noso mundo e da nosa vida.

A pesar diso, non temos por que perder as parroquias das que somos; ao contrario, conservarémolas, se conseguimos seguir vivindo realmente como comunidade cristiá. Así, aínda que teñamos que movernos para seguir vivindo o mesmo, a mesma fe –necesaria e urxentísima– e a comuñón eclesial que nos axude a dar forma boa ás nosas vidas e as nosas casas, seremos capaces de seguir coidando tamén ás igrexas da nosa parroquia natal.

Se conservamos a vida cristiá, se damos a prioridade para permanecer unidos como Igrexa, conservaremos todo, incluso o máis particular de cada un. Se non damos os pasos necesarios para que sigan existindo na nosa contorna comunidades eclesiais reais –que sexan para nós tamén parroquia–, con todos os seus trazos esenciais, perderémolo todo, e tamén o particular da parroquia de cada un quedará cada vez máis abandonado.

Promovamos, pois, sen medo comunidades parroquiais nas zonas rurais que poidan ser referencia de vida, onde celebrar unidos a Eucaristía dominical, onde compartir a fe –e as dores– do corazón, onde acompañarse e crecer nunha experiencia cristiá madura. Que poidan ser lugar de encontro para quen busca resposta ás necesidades máis fondas; pero tamén lugar en que os nosos nenos e novos, as nosas familias, poidan adherirse ao Evanxeo e crecer nun cristianismo consciente, cargado de motivos e capaz de dar razón da propia esperanza a un mundo que o pon en cuestión continuamente.

Así, tamén hoxe, como desde hai moitos séculos en Galicia, as nosas parroquias, usando da creatividade adecuada ao noso tempo, serán capaces de xerar unha vida boa, renovada polo Evanxeo, e serán na nosa terra “un xerme moi seguro de unidade, de esperanza e de salvación” (LG 9).