MUSEO DIOCESANO CATEDRALICIO (Gal)

Lo último del obispo


En 1918 unhas circunstancias “providenciais” deron orixe a este Museo: a decidida defensa da Muralla da cidade, hoxe Patrimonio da Humanidade, e as obras de mellora da actual Praza de Santa María e Campo da Feira, nas que ían saír á luz as pegadas milenarias das xentes que noutros tempos poboaron estas terras.

O MDCL naceu co apelativo de “Arqueolóxico” e, cos seus 100 anos de existencia, é o museo máis antigo de Galicia. Atesoura unha valiosa colección composta por mais de 3.000 fondos, que nos introduce á historia do noso pobo, ao seu mundo espiritual, fundamentalmente cristián, expresado en monumentos antigos e moi singulares, en pintura sacra e profana, en ourivaría litúrxica e obxectos devocionais, mesmo en edificios un día habitados e hoxe xa desaparecidos.

O MDCL está situado na Catedral de Lugo, Patrimonio da Humanidade, no seu claustro barroco (obra de Fernando de Casas) e principalmente no seu triforio, galería alta que circunvala a nave principal e que pola súa amplitude (é o triforio medieval máis ancho conservado en España) ofrece un lugar de exposición moi singular. Esta situación permite non só contemplar unha fermosa arquitectura medieval, senón tamén gozar dunha visión única da Catedral Basílica, especialmente da Nave e Capela Maior.

Por outra banda, é posible subir ás torres da fachada principal e gozar dunhas espectaculares vistas desta bimilenaria cidade coa súa impresionante muralla romana, no denominado Un paseo polas nubes.

O MDCL propón unha viaxe á orixe, o pasado e o presente da cultura galega a través dos seus testemuños na Diocese de Lugo, un itinerario que percorre sentimentos e expresións deste pobo cristián en sete seccións expositivas ou paradas obrigadas.

 

1 AS ORIXES: UN MUSEO ARQUEOLÓXICO

As culturas e as civilizacións pasadas enchen a primeira sección expositiva. Nomes propios como Altamira ou O Pendo, pezas en sílex e ósos convertidos en azagallas trasladarannos a tempos pretéritos. Por medio dos seus útiles líticos poderemos botar unha mirada retrospectiva á vida dos primeiros poboadores ata a irrupción do Imperio neste noroeste peninsular.

 

2 A OBRA DE DEUS: DOS SÍMBOLOS ÁS PALABRAS

 

La obra de Dios
La obra de Dios

O primeiro cristianismo e o seu mundo de imaxes reflíctese nesta nova parada do itinerario. Merece a pena deterse a contemplar o Crismón de Quiroga, orixe do patrimonio cristián galego, ou os enigmáticos relevos marmóreos de Santa Eulalia de Bóveda.

 

 

 

3 DO NOVO TEMPLO AO TEMPLO DO MEDIEVO

Del nuevo Templo
Del nuevo Templo

Os pequenos e grandes templos cristiáns lucenses, fitos na nosa memoria colectiva, centran esta nova sección. Fieis testemuñas do remoto pasado cristián, as inscricións de Soutomerille e a exquisita

Cancela de Saamasas, outro dos singulares elementos patrimoniais que alberga o Museo, darán paso ás grandes fábricas: Odoario e a súa restaurada catedral prerrománica e o taller do “Mestre dos capiteis dos Fénix”, introducirannos na cosmovisión simbólica do Medievo galego.

 

 

4 “DA QUE DEUS MAMOU LEITE DO SEU PEITO”

Rememorando a Cantiga 77 de Afonso X “O Sabio”, esta cuarta parada preséntanos un grupo de imaxes da Nai de Deus, na que está implícita a devoción pola patroa da Catedral e, ao mesmo tempo, as das pequenas e non tan pequenas parroquias rurais.

 

5 “HOC HIC MYSTERIUM”

A crenza na presenza real de Cristo na Eucaristía(“aquí profesamos firmemente este misterio de fe”) determina a identidade histórica da igrexa lucense, e así chegará a definir tamén as armas do antigo Reino de Galicia, que pervive no escudo actual. Esta nova sección presentará o mundo da ourivaría litúrxica: cálices, viñateiras, cruces, incensarios… Nomes propios como Giambologna, Montanos, Martínez ou Jacobo Pecoul, mestúranse co bo facer dos prateiros cordobeses ou salmantinos e tamén cos menos coñecidos, pero igual de interesantes, ourives locais.

 

6 AD SANCTOS

As imaxes de devoción sairán ao encontro de quen percorra esta nova parada ou sección expositiva. Tamén as reliquias dos santos e santas: San Froilán (patrón da cidade de Lugo e da Diocese), San Francisco, Santa Teresa de Jesús, San Antonio, San Brais, etc.: achegarannos ao sentir relixioso dun pobo. Cornielles de Holanda, Francisco de Moure, Nicola Fumo ou Andrade, así como outras importantes pezas de artistas anónimos, subliñan o interese da escultura atesourada no MDCL.

 

7 ARS PICTA

Coa pintura o ser humano soubo dar expresión a unha visión do mundo físico e espiritual. Zacarías González Velázquez, Vicente López, Asunción Crespo de Reigón e outros nomes destacados.

Director Museo Diocesano e Catedralicio

Prof. Dr. D. Marcos Calles Lombao

Contactos
Dirección

Plaza de Santa María 1
27001 Lugo Lugo

Teléfono

982231143

Correo electrónico

Envía Correo

March