Início / Menu Diócesis / Noticias

Mons. Alfonso Carrasco: «A nosa fe existe realmente; é sempre práctica, nunca é pura teoría»


A Programación Pastoral deste curso 2023-2024 leva por lema "A fe é práctica". O noso Bispo, Mons. Alfonso Carrasco, desenvolve en varios puntos as liñas de acción pastoral. O primeiro punto leva por título Compartir a fe na práctica:

Este novo curso é, unha vez máis, un tempo cheo de promesas de vida, no cal experimentar o encontro con Deus e cos irmáns, a entrega e o agradecemento, o traballo cotián e os moitos dons, grandes e pequenos, que embelecen e alentan o noso camiñar en parroquias e comunidades. Compartir como Igrexa a grandeza do noso cotián vivir é, sen dúbida, a tarefa pastoral primeira, a máis fundamental, vinculada á nosa persoa e a nosa vocación, á plenitude de sentido da nosa responsabilidade, ao don impagable da nosa compañía e da nosa misión no mundo. Pois a fe ten para nós o rostro de persoas moi queridas e próximas, que nola transmitiron; das nosas parroquias e da nosa terra, das súas festas e tradicións, da súa forma máis propia de vida nas casas e nos pobos.

Sempre é unha felicidade volver a mirada a estas presenzas boas, que son as nosas raíces e o noso fogar máis persoal. E será sempre a nosa alegría maior ver realizarse nelas a obra do Señor Xesús, o froito da fe nel, o crecer paulatino da semente do reino de Deus que El sementou e coida nos nosos corazóns. A ningunha outra cousa queremos que sirva todo o noso labor pastoral; non temos outra prioridade.

Gardemos un ano máis no corazón que o orgullo verdadeiro é ter ao Señor como amigo, promesa de ben para os que máis amamos, sostén e guía das nosas vidas, consolo nas dificultades, misericordia nas dores, esperanza certa que nin a morte poderá desmentir.

A nosa dita estriba en ser amados por El, do todo gratuíta e á vez radicalmente, e en ver florecer este Amor nos rostros dos nosos seres queridos, como perenne inicio dun mundo que se renova. Camiñamos xuntos, sen desesperar nunca pola mentira ou a dor, certos dun destino bo, da morada que o Señor nos prepara, en ceos e terra novos en que habita a xustiza.

E esta tradición boa, chea de vida, segue sendo a das nosas parroquias, a da nosa Igrexa diocesana, habitada tamén hoxe por rostros que nos falan de humanidade sinxela e verdadeira, de fe en Deus e de caridade. Nesta nosa casa, todos importamos, de calquera idade ou condición, a palabra ou o xesto de cada un.

Esta é a forma na que a nosa fe existe realmente; é sempre práctica, nunca é pura teoría. O que fose só froito das nosas mentes ou das nosas forzas non sería maior que nós, nunca sería consolo suficiente, non poderiamos chamarlle nunca “Deus”. En cambio, a nosa fe asegúranos que podemos atopar ao Señor, que se fixo home e habita entre nós, de forma real, aínda que sexa baixo signos sacramentais, a medida humana. Por iso a fe é sempre unha práctica, significa relacións e implica actos, non se explica nin queda recluída na propia subxectividade. De feito non somos cristiáns por unha idea (cf. BIEITO XVI, Deus caritas est 1), senón polo bautismo no nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo, segundo mandato do Señor; e celebrado nunha parroquia, ante a presenza concreta e visible dunha Igrexa coñecida, sacramento do encontro con Cristo. Esta referencia viva, e a propia liberdade, son imprescindibles para a fe.

A este compartir práctico e real chámanos, en particular, todo o “proceso sinodal”, no que participamos diocesanamente e que celebrará este curso unha primeira Asemblea en Roma, como etapa inicial, destinada a culminar nunha segunda Asemblea no outono de 2024. Máis aló das deliberacións que poidan ter lugar ou das reflexións que se susciten nestes momentos, é unha invitación insistente a poñer no centro a nosa vida como cristiáns, a compartir conscientemente o noso testemuño persoal e a escoitar o do irmán, a recoñecer que camiñamos xuntos como discípulos do Señor, alentados pola graza de Deus.

 

Mons. Alfonso Carrasco, Bispo de Lugo

Contactos
Dirección

Plaza de Santa María 1
27001 Lugo Lugo

Teléfono

982231143

Correo electrónico

Envía Correo

March
Más