HOMILÍA XI XORNADA DO VOLUNTARIADO DAS CARITAS GALEGAS

Lo último del obispo


[St 5,13-20; Mc 10,3-16]

Queridos irmáns,
especialmente todos os que sodes voluntarios das nosas Caritas parroquiais, das diferentes Dioceses de Galicia, con todos os que traballades nelas, cos vosos sacerdotes, coas comunidades que representades: sede benvidos. Sabedes que estades na vosa casa, ao pé do Santísimo, en quen está a fonte do amor e do compromiso, da nosa vida de cada día. Esta é a nosa fe, e quixera darvos as grazas polo testemuño que dades dela coa vosa presenza aquí, que nos damos así uns aos outros: pertencemos ao Señor, a nosa unidade manifesta a caridade que vén del, que vén do Pai.

Deteñámonos agora un momento para escoitar as súas palabras, o santo Evanxeo que a liturxia nos propón hoxe, antes de achegarnos á mesa da Eucaristía.
Naquel tempo leváronlle a Xesús uns nenos para que os tocase: Alguén había que os quería, e traíaos, pedía algo a Xesús para eles.
Os discípulos rifábanlles: Rifábanlles porque o vían algo inútil, un estorbo. Pero ninguén que queira achegarse a Xesús é un estorbo, ningún tipo de persoas está excluído.
Xesús indignouse : Xesús indignouse, porque excluír así a algúns, os máis incapaces ou menos útiles, contradí o movemento do seu corazón, do seu Espírito, e a súa misión.
De feito ese ía ser o seu propio destino persoal, como dicía o Salmo: a pedra que refugaron, que descartaron os construtores. Xesús atopábase aquí cun xesto desa cultura do descarte, que só ve razoable o utilitarismo, que non consegue apreciar á persoa humana como tal, débil e de carne e óso, intranscendente e substituíble no gran mecanismo do mundo. Xesús ía ser descartado, como se rexeitaba aquí aos nenos, que simplemente molestaban, como se esquece e descarta o corazón e a alma, o destino do próximo, de cada un de nós.
Esta era unha ocasión na que esta cultura do descarte se manifestaba e, aínda que para a xente podía ser o habitual, Xesús era consciente, tiña un criterio diferente, un discernimento propio sobre o valor das cousas. De feito, el ve aos nenos con outros ollos que os seus discípulos. Non só os acolle, senón que percibe neles calidades, actitudes decisivas, imprescindibles, que os discípulos non percibiran. 
Nada se di de quen os traía e pedía por eles, que probablemente calaban, ao non poder pretender nada; aínda que vemos que, para quen te quere, o teu ben e a túa persoa non é insignificante, por pequeno que sexas. Eles probablemente traíanos xa animados polas palabras e a actitude de Xesús, que non excluía a publicanos ou pecadores, atendía a enfermos e leprosos, mesmo a defuntos!
Deixade que os nenos se acheguen a min: Deixade que veñan, non llo impidades: aínda que humana ou socialmente a súa chegada pareza inútil. Veñen atraídos pola humanidade de Cristo, polo seu corazón, pola súa caridade, inexplicable, que excede os pensamentos, os cálculos e as ideoloxías.
Dalgún modo así segue sendo hoxe cos cristiáns, coa Igrexa: a esperanza de atopar unha humanidade diversa, a impresión que deixa a caridade, fan vir a quen non pensas, a quen pode parecer evidentemente un estorbo.
Pero o Señor dinos: deixade, non llo impidades. A presenza da caridade xera posibilidades de encontro inesperadas, impensadas, adiviñadas só polo Señor. Non as debemos impedir: Caritas é tamén este encontro.
Dos que son como eles é o Reino de Deus: O Señor non mira con criterio diverso do da súa misión, con mirada diversa da que El leva no seu corazón, onde habita o Amor e a unidade plena co Pai: o Reino de Deus. E así a súa acollida resulta aberta a todos, a súa comprensión ilumina a realidade de modo novo, percibe outras cousas que as que se derivarían da lóxica propia da vida social. Cantas veces falará nas súas parábolas do Pai, de como El nos trata e nos acolle en modos que descolocan o noso entendemento habitual.
Dos que son como eles é o Reino de Deus: naqueles nenos as forzas humanas son mínimas, as capacidades están todas en xerme, hoxe non son útiles por si mesmos, hai que atendelos. Pero son obedientes, dóciles, descansan nos brazos dos seus pais, saben que necesitan deles e que son queridos. Estas calidades non son todo neles, pero fan posible unha realidade fundamental: a sinxeleza con que reciben.
Esta actitude orixinal do corazón humano é imprescindible. Todos habemos de recibir o máis importante, como xa fixemos cando nenos: recibir o Reino de Deus como quen descansa nos brazos do Pai, e sabe intimamente que necesita do seu agarimo que sempre está aí. Nesta necesidade, nesta confianza, o neno é dócil, escoita e obedece.
Abrazounos, bendicíaos, mentres impoñía as mans sobre eles: Esta é a verdade máis profunda de todos nós: todos somos necesitados, non podemos prover o máis importante para a nosa vida; somos os que recibimos, un amor e unha graza moi grande, que sostén toda a vida. E este amor é, en boa medida, experiencia de acollida, de perdón, do abrazo cordial e firme do Pai.
Todos somos aqueles que recibimos, aqueles por quen o Señor sufriu para perdoarnos e darnos vida nova, nunha entrega perennemente presente, actualizada cada día no sacramento da Eucaristía. Somos os que recibimos o corpo e o sangue do Señor en comuñón, que alimenta a nosa fe e ensínanos a mirar ás persoas con criterio novo, que exclúe toda exclusión.
Mentres impoñía as mans sobre eles: Así é a caridade, o corazón da Igrexa, dos cristiáns. Isto expresa Caritas nas nosas dioceses e parroquias. E isto explica a existencia dos voluntarios, de cada un de nós, que participamos conmovidos nesta mirada, neste Espírito do Señor Xesús.
Logo, como El, facemos o xesto oportuno á persoa que vén á nosa casa, necesitada, atraída polo aroma da caridade, como nós ou como debería ser sempre en nós; que se achega así a Xesús, mesmo cando aínda non o coñece, cando apenas desexa ou intúe a súa existencia boa.
E facemos un xesto oportuno, tantos xestos ao longo do ano por parte de tantos voluntarios de Caritas. Non os minusvaloremos; é cada un como un tesouro, por quen teño diante, irmán pequeno do Señor, e pola súa orixe na caridade divina que alenta na Igrexa e que fixo entrar a luz nos nosos corazóns.
Todos os xestos son, sen dúbida, dalgún modo “ordinarios”, pero todos poden ser unha acollida, un abrazar á persoa, un signo dun amor extraordinario, que vén de Deus, e así unha fonte de esperanza.
Se logo, ademais, poñendo intelixencia e corazón no que facemos, os xestos se fan máis incisivos, chegan a cambiar situacións e a renovar incluso as relacións humanas, demos grazas a Deus! Del vén o desexo de xustiza, a vontade de que todos os homes cheguen á salvación e ao coñecemento da verdade.
E a verdade non deixará nunca de ser a que acaba de dicirnos o Señor Xesús:  quen non reciba o Reino de Deus como un neno, non entrará nel.
 

Contactos
Dirección

Plaza de Santa María 1
27001 Lugo Lugo

Teléfono

982231143

Correo electrónico

Envía Correo

March