HOMILÍA MISA CRISMAL (GAL)

Lo último del obispo


Queridos irmáns,
Acabamos de escoitar como o noso ser sacerdotes e cristiáns provén de Xesús, o Señor, en quen se realizou  a misión anunciada polo profeta e querida por Deus: hoxe cúmprese esta Escritura que acabades de oír.
A súa misión é, pois, a gran noticia, a Boa Noticia da liberdade para cautivos e oprimidos, da luz para os cegos, do tempo de gracia para a vida no mundo. É boa noticia para os pobres: para os que saben das súas escravitudes –e quen non, se o que comete pecado é escravo do pecado?; para os que piden ver, comprender, e non pensan ter por si mesmos luces máis que suficientes para dar razón do vivir e do morrer; para os que desexan que o seu tempo na terra teña sentido bo, estea abrazado por unha  misericordia que o alente, non quede ao final en po e nada.
Cumprindo a súa misión, para desvelar a vontade do Pai, Cristo amounos. Por iso, deu a súa vida para liberarnos dos nosos pecados, do mal que destrúe a vida e corrompe o mundo, e afirmou para sempre a nosa dignidade, a de cada ser humano, concreto, débil e pobre; porque nos amou ata o extremo a nós, que tantas veces non seriamos nin tomados en conta no medio dos grandes afáns e negocios deste mundo.
Pero así o Señor non só se uniu a nós, liberándonos do horizonte insuficiente e negativo da nosa incredulidade e egoísmo, de divinizar as forzas e riquezas deste mundo, senón que nos uniu tamén a nós con El, fíxonos partícipes do seu amor, converteunos nun reino e fíxonos sacerdotes de Deus. Movido por unha misericordia divina, o Señor fixo seu todo o noso, as pobrezas da vida e as miserias do corazón, e deunos o seu, a plenitude de amor e de verdade do seu corazón, a súa vida vitoriosa..
Este é o pacto perpetuo que anunciaba o profeta, a alianza nova e eterna de Deus cos homes. Xesús testemuña así definitivamente o amor de Deus neste mundo, que non o cre e négao, que exalta a forza e sométese á morte.
Desta alianza de Deus cos homes vimos nós. Veñen as nosas parroquias e a Igrexa na nosa terra. Desta Boa Noticia viviron os nosos pais, á luz da palabra e do Espírito de Cristo construíron familias e pobos, atravesaron as crises da vida, atoparon perdón e esperanza, amaron con entrega e sacrificio.
Desta historia boa, deste ano de gracia do Señor é froito tamén a nosa específica vocación sacerdotal. Por iso non podemos deixar de amar este pobo, as nosas parroquias, a nosa Igrexa. Nin podemos esquecer o amor do Señor, que así nos alcanzou e fixo connosco persoalmente un pacto perpetuo.
Somos sacerdotes porque Cristo dános selo con El e nel, ao servizo do seu Pobo, dos seus irmáns, que son xa os nosos irmáns. Dóanos participar do seu Espírito –da súa Unción–, para que tamén nós sexamos testemuñas fieis do amor de Deus, da súa vitoria sobre toda inimizade e, por iso, dunha fraternidade nova, que non coñece fronteiras, que non depende da carne e o sangue nin teme a morte, e que vivimos como sacerdotes en cada lugar ao que somos enviados..
Compréndese así tamén que no centro do noso ministerio atópase a Santísima Eucaristía. Celebrándoa xunto co noso Pobo, cada domingo, facemos memoria, anunciamos ao Señor Jesús e o modo en que realizou a súa misión, triunfando sobre a morte e traendo o seu amor aos nosos corazóns, que é xerme poderoso de vida resucitada.
Este Evanxeo é hoxe, nos novos tempos que vivimos, tan necesario coma sempre, máis necesario que nunca, xa que tanto o negan e se esquece.
É necesaria a vida deste pobo de fieis cristiáns, o testemuño da súa fe e a súa alegría, da súa esperanza e da súa fraternidade. É necesaria a vida das nosas comunidades parroquiais, das nosas familias crentes. Necesitamos mirar aos nenos coa esperanza de vida imperecedeira que brilla no bautismo; e que os nosos mozos casen cun amor que non termina nunca e vence toda dificultade, coa gracia de Deus, ou tamén que saiban entregar a súa vida no servizo a Deus e aos seus irmáns. Necesitamos poder mirar aos nosos seres queridos con paz, cando crecen os anos, poder vivir o sufrimento e ver a morte sen medo, confiados no Señor. Nada pode substituír a este pobo singular, presente durante tantas xeracións e case evidente na nosa terra.
Hoxe é necesario amalo e servilo máis que nunca. Por iso segue sendo indispensable e urxente o servizo dos sacerdotes, que fan presente realmente ao Señor, que consola e reconcilia, afasta a soidade e dá luz aos corazóns, entréganos na Eucaristía toda a súa Persoa. Así quixo El que permanecesen os seus na historia, vivindo unidos, no amor fraterno, na paz de saberse fillos de Deus.
A misión sacerdotal está, pois, de novo, coma sempre, no corazón da historia, tamén na da nosa terra. Porque a Boa Noticia que se celebra no misterio da Eucaristía encerra o noso ben e resume as nosas esperanzas, as nosas certezas de ser amados e de poder realmente amar, a razón verdadeira da nosa dignidade e da nosa fe en Deus, nunha vida destinada a ser eterna. E porque segue sendo imprescindible, e o servizo máis valioso, convocar a todos os fieis a permanecer unidos ao Señor –como o sarmiento á vide–, a acoller a súa entrega no amor e a forza da súa resurrección na comuñón eucarística, na que nos reúne e constitúe como Pobo de Deus todos os días, ata o fin do mundo..
Pidamos ao Señor que envíe obreiros á súa mies, sacerdotes á súa Igrexa. Que nos bendiga a cada un de nós e nos garde na fidelidade á nosa vocación, ao Amor que nos chamou e nos convenceu, aos irmáns e ao pobo ao que nos enviou. Que nos de a gracia de realizar e de terminar ben a nosa carreira.
E pidámoslle que mire ao seu Pobo nesta terra, na nosa Diocese, que bendiga a todos os seus fieis. Que a Santísima Virxe interceda para que, como ela, cada un poida alegrarse polo amor do Señor, pola súa bondade, e responder de corazón que sí á propia misión no matrimonio, na vida consagrada e no ministerio sacerdotal. 

Contactos
Dirección

Plaza de Santa María 1
27001 Lugo Lugo

Teléfono

982231143

Correo electrónico

Envía Correo

March