HOMILÍA EN RESPOSTA Á OFRENDA DO REINO DE GALICIA AO SANTÍSIMO SACRAMENTO


Excelentísima Sra. Oferente,
Queridos irmáns no Episcopado,
Ilustrísimo Cabido Catedral
Queridos irmáns sacerdotes e membros de institutos de vida consagrada
Excmas. e Ilmas. Autoridades,
Queridas irmás e irmáns no Señor,

Celebramos un ano máis a Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, continuando así unha tradición que alcanza xa os 351 anos. Agradezo as súas palabras á Sra. Oferente, Alcaldesa de Lugo, que asumiu esta responsabilidade nun ano tan extraordinario como este 2020, en que o mundo e tamén Galicia sofre as consecuencias da pandemia provocada polo covid-19. Neste lugar recobra alento o corazón ao poder dirixir xuntos as nosas peticións ao Señor, lembrando a súa presenza real entre nós e as súas palabras: quen come deste pan, vivirá para sempre.
Na orixe deste singular privilexio eucarístico, segundo vella tradición, houbo unha opción, un xesto de liberdade tamén en tempos difíciles: non chegan os nosos esforzos, a nosa organización ou mesmo unha diversa disciplina persoal, para superar a nosa fraxilidade; nin confiaremos no descubrimento de sabedorías que nos farían entrar na harmonía profunda da natureza para superar os medos e dificultades da vida. Así podían falar algúns nos inicios da antiga Gallaecia, cando caía o mundo do imperio romano, o novo apenas agromaba e a inseguridade era grande. E estes acentos, en formas renovadas, aínda poden resoar entre nós hoxe, que fixemos a experiencia do confinamento, baixo a ameaza deste virus mortal.
Non poderiamos pensar que a resposta é sinxelamente maior disciplina e organización das nosas forzas, ou que habemos de buscar os segredos dunha nova harmonía coa natureza que o solucionará todo? A pesar de ver como un virus, unha forza natural cega poñía en cuestión nun instante todos os nosos ritmos e formas de vida, as nosas relacións cos demais e coa nosa contorna, podemos seguir crendo: só é cuestión de tempo para que a nosa sabedoría –máis ecolóxica–, a nosa tecnoloxía, nos asegure unha vida harmoniosa libre de todo perigo.
Pero se os antigos podían soñar sistemas en que cada un podía deixar atrás as limitacións da carne e alcanzar unha vida divina, na nosa época a esperanza do progreso sitúa sempre no futuro o ben perfecto que desexamos.
E que é de nós hoxe? que é da nosa carne sufrinte, das nosas enfermidades, dos nosos seres queridos, de tantos rostros amados?
A opción que levou aos nosos pais a poñer un signo eucarístico no centro do Altar maior da súa Igrexa principal, foi recoñecer outro camiño: o do Fillo de Deus que se fixo carne, e na carne realizou a salvación, levouna á gloria e á resurrección. Entenderon que non se bastaban a si mesmos, que non era suficiente organizar ben as propias forzas, que a resposta ao enigma da vida viña dun don, dun amor.
Descubrían así unha dignidade singular da propia existencia, da propia persoa. Quen non era ninguén significativo para as forzas inmensas do universo, aquel cuxas dores non importaban realmente, cuxos anhelos e esperanzas eran irrelevantes para o mundo, era alguén, amado definitivamente por Deus; de modo que os seus actos, o seu corazón, a súa existencia, importaban, estaban ante os ollos do Señor do universo; tiña valor non a pesar, senón pola súa humanidade vivida na carne, aínda que fose máis débil que forte, máis sufrinte que aparentemente triunfante.
O Señor no Altar maior, no centro das miradas, é a afirmación do valor da nosa humanidade, da carne e do sangue en que se realizará a salvación. É a defensa do humilde, do que chora, do que busca a paz, do que é misericordioso e manso, do que non nega a fe do corazón, do que confía en Deus Pai. É a vitoria do humilde, do que recoñece que non pode darse a vida, que as súas forzas non bastan para asegurarlle o ben que desexa para si mesmo, para a súa familia e para a súa terra. É a vitoria dos sinxelos de corazón, que recoñecen a verdade manifesta tan humanamente en Xesús dun Deus que é Pai e é Amor.
E é, ao mesmo tempo, a afirmación definitiva da comuñón: vivimos na alegría da unidade, da comunidade plena de significado, que se manifesta especialmente no xesto da Eucaristía, de participar do mesmo Pan de vida á mesa do Señor. E nesta mesa aprendemos a vivir no agradecemento e a entrega, no sacrificio, o don e a fraternidade cotiá.
Así se irá conformando moito do mellor do pobo galego. Que pode afirmar sen medo a vida e a dignidade da propia existencia, no campo ou na cidade, a grandeza escondida da familia, do amor, do fogar. Que non teme o traballo e vive no medio da natureza con realismo, como na casa en que vai preparando o fogar mellor e definitivo. Que sabe compartir as penas e as alegrías, que sabe poñer a mesa e abrir a casa aos seus, aos veciños, aos invitados. Que non pecha a porta ao necesitado, senón que o entende e acolle. Que coida de pais e avós, que non abandona aos seus nas dificultades ou na enfermidade, e os honra con inmensa esperanza e oración solemne no momento da morte. Que se alegra polo esplendor da humanidade dos propios santos patróns, en quen ve a certeza das promesas cumpridas e unha axuda constante no camiño; que celebra a súa festa sen medos, lixeiros de corazón, compartindo a fe e a caridade, o agradecemento e a alegría de vivir.
Neste tempo noso, difícil tanto ou máis que outros, recollamos de novo o desafío que expresan as palabras con que os nosos antepasados acompañaron este signo eucarístico: aquí profesamos con firmeza este misterio da fe.
Todos os esforzos son benvidos, todos os traballos necesarios. Todas as colaboracións son causa de alegría e alixeiran o camiño. Cada xesto conta, cada palabra de consolo, cada momento de compañía. Nestes días aprendemos de novo, ás veces con dor, que decisivo é dicir sempre: cada un importa.
Que nada nos quite a esperanza, a fe do corazón, que celebramos ante o Santísimo unha vez máis. Os nosos devanceiros quixeron hai 351 anos establecer esta Ofrenda do Reino de Galicia. Continuando esta tradición, acudimos a esta Catedral para pedir hoxe, nas urxencias que nos rodean e ante os traballos que nos esperan, ser pobo de corazóns bos e xenerosos, alimentados por un único Pan, verdadeiramente bo e xeneroso.
Que Xesús Sacramentado bendiga neste día abondosamente a Vd. Sra. Oferente e a súa familia, a Lugo e todas as cidades e pobos do Reino de Galicia, e a cada un de nós. E que nestes tempos difíciles nos acompañe a intercesión dá súa Nai e a nosa Nai, a Santísima Virxe María dos Ollos Grandes.
Que así sexa.

Contactos
Dirección

Plaza de Santa María 1
27001 Lugo Lugo

Teléfono

982231143

Correo electrónico

Envía Correo

March