Culto Eucarístico (Gal)

Lo último del obispo


“Hoc hic Mysterium Fidei Firmiter Profitemur”

O Culto Eucarístico na S. I. Catedral Basílica de Santa María de Lugo

            A bimilenaria cidade de Lugo foi distinguida tradicionalmente co moi honroso título de “Cidade do Sacramento”, debido ao culto eucarístico que caracterizou a súa Catedral desde moi antigo e que hoxe se continúa no secular privilexio da exposición permanente do Santísimo Sacramento no seu Altar Maior. Esta tradición adoita facerse remontar en Lugo a “tiempos de Theodomyro Rey de los suevos”, cando se tomou nun concilio lucense a decisión de situar un signo eucarístico no centro da igrexa máis importante de Galicia –naquel momento, a nosa Catedral– como expresión da verdadeira fe en Xesucristo.

Aínda que carecemos de documentación sobre a vida eucarística en Lugo nos séculos seguintes, é de pensar que acolleu docilmente os progresos teolóxicos e as novas formas de devoción eucarística que se estenderon na Igrexa universal. Isto pode constatarse, de feito, durante a Idade Moderna, na que esta Diocese manifestou e viviu en formas renovadas este trazo tan característico da fe e da piedade dos lucenses. Na actualidade, se é relevante o feito mesmo da Exposición permanente, tan recoñecido ou máis foi o ardente amor que os fieis de Lugo mostran na súa visita e adoración diaria a Xesús Sacramentado, o que é sen dúbida unha das causas principais pola que a nosa cidade recibiu o seu sobrenome. A todo iso engadiuse o privilexio dunha “indulxencia plenaria” que se pode lucrar na nosa Catedral de modo “cotián e perpetuo”, outorgado no seu día por Pio IX e renovado recentemente polo Papa Francisco, vinculado a este extraordinario e secular culto.

            Os restos conservados do antigo retablo maior[1] , realizado na primeira metade do XVI, hoxe nas frontes dos testeiros da catedral, permítennos entrever como era antes o lugar de exposición da Sacra Forma: un humilde óculo custodiado polas imaxes de San Pedro e San Paulo, hoxe recolocado sobre a porta da Sancristía Maior, baixo a escena da Natividade do Señor. A entrada norte, presidida por un Pantocrátor medieval cun pinxante eucarístico aos seus pés, presentaba ademais nese século XVI un emblema que rezaba “Domus Panis”, todo iso acorde a un templo que mostra unha clara identidade eucarística en todo o seu interior.

Durante a primeira metade do século XVII prodúcese nesta basílica unha feito clave na evolución do culto eucarístico: a exposición do Santísimo Sacramento sae do conxunto do retablo da Capela Maior a unha custodia-expositor tipo fornelo. Corría o ano 1636 e esta iniciativa foi tomada polo prelado don Diego Castejón e Fonseca, podendo actualmente contemplarse esa custodia, obsequio do bispo madrileño, no Museo Diocesano Catedralicio de Lugo. A revisión dos documentos deses días iniciais da nova forma de exposición da Santa Hostia mostran como o prelado don Juan Vélez de Valdivieso, tras mostrar a Xesús Sacramentado aos fieis e volvelo a colocar na custodia, pronunciou unha “oración do Sacramento” que seguimos rezando do mesmo xeito tamén hoxe:

“Deus, qui nobis sub Sacramento mirabili Passionis tuæ memoriam reliquisti; tribue, quæsumus, ita nos Corporis et Sanguinis tui sacra mysteria venerari, ut redemptionis tuæ fructum in nobis iugiter sentiamus: Qui vivis et regnas in sæcula sæculorum.”

A vontade de coidar adecuadamente a presenza do misterio eucarístico no Altar maior exprésase nun feito histórico destacado na segunda metade do século XVII: a instauración da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento o 1 de marzo de 1669. Desde esa data, ano tras ano, a devoción de toda Galicia pola Eucaristía, presente no seu propio escudo desde tempo inmemorial, móstrase de forma manifesta. O 350 aniversario desta cerimonia, celebrado en 2019, mostrou que esta veneración está aínda moi viva, como tamén o levan manifestando en especial os membros da Adoración Nocturna Española desde que en 1885 se fundou o Consello Diocesano de Lugo.

O celo das xentes desta cidade por aumentar o culto ao Santísimo Sacramento continuou no século XVIII coa reforma da Capela Maior. As impresionantes pinturas da bóveda realizadas por José Terán serviron de acubillo ao novo tabernáculo, executado por José de Elejalde cos mellores mármores de España, que albergou unha nova custodia-expositor, obsequio do Arcebispo de Zaragoza don Juan Sáenz de Buruaga, que en 1772 nunha carta ao Cabido confirmaba que, tras idear facer un tabernáculo novo, era necesaria unha custodia de maiores dimensións que servise de “Trono al Augusto Sacramento”.

O século XIX foi notable para a Catedral de Lugo na súa vontade de coidado do culto eucarístico. O fervor dos adoradores púxose de manifesto na profusión de agrupacións que xurdiron durante a segunda metade século, destacando entre elas a fundación do Consello Diocesano de Lugo da Adoración Nocturna Española en 1885, impulsada por Luís de Trelles, que segue activo na actualidade, onde as diferentes Quendas de Vela manteñen viva a fe en Xesús Sacramentado que sempre resplandeceu nesta cidade. A segunda metade do século XIX tamén foi testemuña en Lugo da orixe das Camareiras de Xesús Sacramentado, a Garda de Honra do Sacro Corazón de Xesús ou o Alumeado e Vela Continua do Santísimo Sacramento Reservado nos Santos Sagrarios.

Con todo, tamén durante este século produciuse un feito insólito: a noite do 8 ao 9 de decembro de 1856 a parte superior da custodia foi subtraída. Tal acto xeou o corazón da comunidade local de fieis, provocando ademais o peche a divinis do culto na Catedral de Lugo por primeira vez na historia coñecida. A resposta da comunidade cristiá local estivo á altura de tal situación, participando de forma masiva no acto de desagravio organizado para o 21 de decembro polo prelado don Santiago Rodríguez Gil e o Cabido da catedral, ao que asistiron todas as autoridades locais, membros de confrarías e fieis de toda Galicia, os cales deron tal cantidade de donativos que sobrou para construír de novo a parte superior da custodia, que se encargou aos talleres “Ramírez de Arellano” de Madrid.

O século culminou coa elevación desta Igrexa Catedral ao rango de Basílica o ano 1896, no que se celebrará ademais en Lugo o II Congreso Eucarístico Español, realizándose o primeiro na cidade de Valencia. A longa vinculación da comunidade de fieis lucenses co culto e a adoración eucarística tivo o seu recoñecemento con esta designación. Traemos á memoria aquí as palabras do entón bispo de Lugo, don Benito Murúa, que son a voz dun sentir xeral:

“Los Reverendísimos Obispos de España presentes al primer Congreso Eucarístico de Valencia determinaron que el segundo se celebrase en esta ciudad de Lugo…[..]…La causa de tan unánime parecer en la elección de esta ciudad antiquísima, sin duda no fue otra que el singular privilegio de que goza esta S. I. C. en tener manifiesto día y noche y desde tiempo inmemorial a Jesús Sacramentado. De aquí que Lugo no tanto se gloríe de que se la llame La Ciudad del Santísimo Sacramento, de que todos los años sea presentada por un delegado de toda Galicia solemne ofrenda a la Hostia Santa aquí expuesta, y de que el escudo de este Municipio ostente los emblemas de la Sagrada Eucaristía, cuanto en el amor ardentísimo de los corazones con que sus hijos visitan y adoran a Dios rodeando incesantemente su trono.”

O texto enviado polo Papa León XIII expoñía de forma elocuente esta percepción global da cidade de Lugo: “Tan constante y común es la devoción del pueblo Lucense al Sacramento de la Eucaristía que no sin razón su ciudad es llamada con el nombre del Sacramento Augusto, y hasta decoran su escudo los emblemas Eucarísticos”.

            O século XX é coñecido como “O século da Eucaristía” e en Lugo isto quedou patente durante o seu primeiro terzo, cando miles de galegos acudiron á chamada do sacerdote Alfredo Lorenzo López, secretario do Centro Eucarístico Lucense. Foi 1923 o ano inicial desas enormes peregrinacións de adoradores que desde todos os puntos de Galicia chegaban a Lugo o día da Ofrenda, sempre celebrada o domingo posterior á festividade de Corpus Christi. Esta nova iniciativa tivo a súa repercusión no propio aspecto da cidade, que cos seus balcóns e rúas engalanadas lembraba ao xa mostrado durante o II Congreso Eucarístico Español, sendo testemuña disto as elocuentes palabras dos xornais daqueles tempos: “Hermoso, por más de un concepto, fue el golpe de vista que presentaba la ciudad con la profusión de colgaduras y banderas nacionales en todas las casas particulares y edificios públicos, ofreciendo religioso aspecto el repique de campanas y los acordes melodiosos de las nutridas banda municipal y militar”. Xorden tamén entón os grupos das Marías dos Sagrarios Abandonados, a Adoración Real Perpetua e Universal ao Santísimo Sacramento ou, xa na segunda metade do século, a Confraría Sacramental da Santa Cea.

            O 1 de xullo de 2021 conmemoráronse os 130 anos do falecemento de Luis de Trelles y Noguerol, cuxo corpo descansa na Catedral de Zamora. En 2015, o mesmo ano en que a Catedral de Lugo era incluída no Patrimonio Mundial pola UNESCO, este viveirense era declarado Venerable polo Papa Francisco, xusto recoñecemento para este fiel, que coa súa promoción de agrupacións como a Adoración Nocturna Española ou as Camareiras de Xesús Sacramentado, puxo unha pedra firme no secular culto eucarístico da Catedral de Lugo.

            “Hoc hic Mysterium Fidei Firmiter Profitemur” loce orgullosamente o escudo de “a Cidade do Sacramento”, e ese mesmo emblema localízase aos pés da Asunción da Virxe María no coroamento do tabernáculo da Capela Maior da Catedral de Lugo. Que pola graza de Deus e a intercesión daquela en quen tomou carne o divino Fillo, permaneza sempre viva a verdadeira fe e a devoción a Xesús Sacramentado nesta terra. Que a adoración á súa Presenza real na Sacra Forma sexa unha bendición para as nosas familias e para todo o Pobo de Deus. Que a comuñón no Pan eucarístico, único e partido, sexa alimento do camiño, fonte perenne de vida e caridade. E que nunca deixe de escoitarse na nosa Catedral Basílica o saúdo humilde e agradecido do fiel cristián: loado sexa o Santísimo Sacramento do Altar!

+ Alfonso Carrasco
Bispo de Lugo

 

[1] Agradezo a presentación sintética dos datos históricos ao labor do historiador lucense Marcos Gerardo Calles Lombao

Contactos
Dirección

Plaza de Santa María 1
27001 Lugo Lugo

Teléfono

982231143

Correo electrónico

Envía Correo

March