CONTAXIA SOLIDARIDADE PARA ACABAR COA FAME


Campaña de Mans Unidas 2021

Neste ano 2021, tan marcado en todo o mundo e tamén entre nós polas limitacións, os sufrimentos e as dificultades de todo xénero provocadas pola pandemia do Covid-19, ten lugar de novo a Campaña de Mans Unidas, co lema “contaxia solidariedade para acabar coa fame”.
Resulta evidente, se o pensamos un momento, que as angustias e os problemas que nós experimentamos están presentes igualmente nos países do noso mundo que sofren non só unha maior pobreza económica, senón tamén a falta de desenvolvemento de todas as formas de servizos sociais e sanitarios dos que aquí dispoñemos. Se nós vivimos dificultades e problemas grandes, maiores son certamente as urxencias nestes países.
A Campaña invítanos a contaxiar solidariedade; porque este ano séntese agudamente non só a necesidade do noso apoio material, senón tamén a de que poidan desenvolverse nestas sociedades máis empobrecidas formas eficaces de procura do ben común. Vivimos circunstancias que piden este protagonismo dunha solidariedade real e efectiva, indispensable para facer posible a vida de todos; e a nosa axuda este ano está destinada a fomentalo alí onde máis se experimentan agora pobreza, abandono e fame.
Mans Unidas invítanos así a facer nós mesmos os primeiros un exercicio de responsabilidade fraterna, de preocupación polo ben común, no horizonte grande do noso mundo; en palabras da última encíclica papal, a lembrar e a poñer en práctica que somos todos irmáns, “fratelli tutti”.
Tamén nós creceremos entón na conciencia de que estamos necesitados deste “espírito solidario”, para vivir as actuais circunstancias xa no contexto das nosas casas, pobos e cidades. E poderemos redescubrir así a importancia do noso propio corazón, da nosa fe e a nosa solidariedade persoal, da nosa caridade, que se exerce no próximo, na realidade de cada día.
Necesitamos axudarnos todos, para que non se embote a nosa mente nin se paralice a nosa alma debido ás consecuencias da pandemia, ao illamento que xera o confinamento, aos temores ante a enfermidade ou as dificultades económicas, á distancia imposta cos nosos seres queridos e que se introduce en todas as relacións sociais, ás dificultades para participar con normalidade na vida das nosas parroquias e comunidades.
Úrxenos volver ás fontes da nosa vida persoal, á nosa fe, á relación con Deus e á pertenza ao seu Pobo, a saber do Señor, en quen todos somos irmáns e de quen esperamos sempre a luz da graza e da vida.
A campaña de Mans Unidas convídanos a iso, pedíndonos que espertemos o noso sentido solidario, que o vivamos e realicemos aquí e agora, co próximo, que permitamos que sexa “contaxioso”, facéndoo presente cos máis necesitados sen importar a distancia xeográfica. Será entón a expresión e o anuncio dunha vida diversa, fraterna, que non pon fronteiras á unidade e á caridade, audaz nas certezas e na esperanza, porque nace da fe no Pai e no noso Señor Xesucristo. E quizá logremos así promover tamén o protagonismo na solidariedade de quen vive en lugares e situacións onde é especialmente necesario.
Por iso, nestes tempos de pandemia, a interpelación de Mans Unidas é un ben para nós, para a nosa experiencia de fe e de fraternidade. Axúdanos a abrir a nosa vida cotiá aos seus horizontes máis grandes e verdadeiros, ao dun “ben común” que é o de cada un, o dos nosos países e o de toda a humanidade.
Estas son as medidas ás que aspira o noso corazón, e que se fan posibles cando se deixa iluminar pola fe no Señor, polo testemuño da caridade que vén Del, que é paciente, que non se pon límites e que non acaba nunca.
Exercer hoxe esta solidariedade, agradecer a invitación para contaxiala á nosa contorna e ata os confíns do mundo, é un ben grande, é unha gran riqueza que recibimos de novo participando na vida da Igrexa, na que resoa un ano máis a proposta de Mans Unidas.
Demos grazas a todas as persoas que colaboran na delegación de Lugo por esta Campaña e pola súa entrega incansable. E pidamos para todos os membros desta asociación, orixinalmente “mulleres de Acción católica”, e para todos os seus proxectos e tarefas, a bendición abundante do Señor, fonte para nós de toda caridade.
 

Nacimiento
12 de octubre de 1956
Villalba (Lugo)

Ordenación sacerdotal
1985

Ordenación episcopal
9 de febrero de 2008

Nombramientos
Obispo de Lugo

Presidente de la Comisión Episcopal para la Educación y Cultura

Miembro de la Comisión Permanente de la Conferencia Episcopal Española

Contactos

Dirección
Diócesis de Lugo – Obispado de Lugo
Praza Santa Maria, 1
27001 Lugo

Teléfono 
(+34) 982 231 143

Email
Envía correo