COMPARTE O QUE IMPORTA


Ante a 59ª campaña de Mans Unidas

Queridos irmáns,
O lema da campaña de Mans Unidas deste ano 2018 lémbranos en primeiro lugar que non habemos de compartir simplemente o superfluo, senón ante todo o que importa: o que levamos no corazón, a intelixencia da vida e da sociedade, o ímpeto do noso esforzo persoal.
Isto fan os membros de Mans Unidas coa súa campaña, comunicarnos o que lles preocupa e motiva, o que provoca que entreguen gratuitamente tempo das súas vidas e parte dos recursos que posúen.
Ao fío do seu testemuño e das súas reflexións, nós mesmos somos interpelados, lembramos as nosas conviccións de fe, somos motivados a compartir tamén preocupacións, tempo, recursos. Nesta campaña somos convidados, en particular, a ser máis conscientes dalgúns grandes principios morais da nosa doutrina social.
En efecto, “que os gobernos, institucións internacionais e sociedade civil dean prioridade ao ben común como obxectivo de toda actividade económica” (Manifesto de Mans Unidas, 2018) é unha demanda urxente no noso mundo, onde caeu case en desuso o termo mesmo de “ben común”; aínda que nel exprésase tanto a vitoria sobre o egoísmo e o endiosamento do diñeiro, como unha intelixencia madura das dinámicas sociais. Necesitamos recuperar a referencia ao ben común na organización da nosa vida política, económica e social.
Do mesmo xeito, é xusto tamén pedir que se promova o dereito á alimentación como “condición indispensable para que se poidan cumprir os demais dereitos” (Manifesto 2018).
O acceso á alimentación é expresión inmediata do dereito á vida e, por iso, debe ser protexido particularmente. A alimentación non pode ser abandonada simplemente ás forzas do mercado, e non debe converterse en mero obxecto de especulación. A responsabilidade política de gobernos ou outras institucións na defensa dos dereitos humanos fundamentais esixe un tratamento específico do mercado alimentario, destinado a asegurar a todos o acceso a un ben imprescindible para a subsistencia.
Na prioridade dada ao ben da persoa e ao ben común maniféstase para os cristiáns a caridade mesma, que non pode ser allea á verdade (Bieito XVI) e, por tanto, á comprensión da realidade segundo todos os seus factores, cunha consideración preferente das necesidades dos máis pobres. 
Así pois, tomar maior conciencia de que a alimentación é parte do dereito primario á vida e non permitir que se converta nun produto máis do mercado ou en obxecto de especulación é, sen dúbida, unha forma de exercer a caridade na verdade.
Por suposto, contribuamos tamén todos na medida das nosas posibilidades nos proxectos que nos propoñen nesta campaña, destinados aos varios aspectos da loita contra a fame, esa gran inxustiza que segue presente no noso mundo.
E agradezamos a Mans Unidas que nos axude a compartir o que importa, a intelixencia que nace da fe tamén en cuestións sociais, o compromiso vital e os nosos recursos materiais.
 

Nacimiento
12 de octubre de 1956
Villalba (Lugo)

Ordenación sacerdotal
1985

Ordenación episcopal
9 de febrero de 2008

Nombramientos
Obispo de Lugo

Presidente de la Comisión Episcopal para la Educación y Cultura

Miembro de la Comisión Permanente de la Conferencia Episcopal Española

Contactos

Dirección
Diócesis de Lugo – Obispado de Lugo
Praza Santa Maria, 1
27001 Lugo

Teléfono 
(+34) 982 231 143

Email
Envía correo