Início / Menu Diócesis / Noticias

A Igrexa e a educación (II)


Co inicio da Idade Moderna, a Igrexa católica mantén a súa aposta polo cultivo da ciencia e a educación dos pobos. Unha das súas principais preocupacións foi a de pór a instrución ao alcance dos máis pobres. Con este obxectivo nacen as Escolas Pías (os escolapios), fundadas polo sacerdote español San José de Calasanz. Eran centros de formación totalmente gratuítos, para facilitar o acceso á educación dos estamentos máis necesitados da sociedade. A universalización da educación recibe un novo impulso de mans da Compañía de Xesús (os xesuítas), que abren colexios por toda Europa e na América española. Neles cultívanse todas as ciencias coñecidas, desde a lóxica até a filosofía, pasando polas matemáticas e a astronomía.

Os méritos de homes de Igrexa en favor da ciencia por estes anos son incontables. Da man do frade dominico Francisco de Vitoria, catedrático de teoloxía na Universidade de Salamanca, nace o dereito internacional. O seu compañeiro de claustro, o tamén dominico Domingo de Soto formula, 60 anos antes que Galileo, con admirable precisión, a lei da caída dos corpos no seu comentario ao libro VII da Física de Aristóteles. No campo da astronomía, destaca o cóengo Nicolás Copérnico coa súa teoría heliocéntrica.

Xa no século XVIII xorden novas institucións educativas orientadas a facilitar a formación dos máis pobres. Exemplo delas é a Sociedade das Escolas Cristiás, fundada polo sacerdote francés San Juan Bautista de la Salle, autor da Guía das Escolas, magnífico manual de pedagoxía. Ademais destas fundacións, continúan os avances científicos. Proba diso son os estudos do sacerdote xesuíta Ruđer J. Bošković, que formula e desenvolve a teoría atómica. No campo das artes sobresae Antonio Vivaldi, sacerdote e un dos máis destacados compositores e músicos barrocos.

O século XIX, a pesar das continuas persecucións que padece a Igrexa en todo o mundo, é tamén testemuña do seu labor educativo. En Italia nacen os salesianos, fundados polo sacerdote San Juan Bosco, co fin de procurar formación aos nenos e mozos desamparados. En Francia, o tamén sacerdote San Marcelino Champagnat funda os Irmáns Maristas. Xunto a estas institucións educativas, nace a xenética, sendo o seu proxenitor o frade agostiño Gregor Mendel, que deu nome ás leis de Mendel, as regras que explican a herdanza xenética.

No século XX, San Pedro Poveda, sacerdote, funda a Institución Teresiana, cuxa primeira directora foi María Josefa Segovia. Pouco despois, o físico e sacerdote belga Georges Lemaître propón a teoría do Big Bang sobre a orixe do universo.

Como vemos, a Igrexa católica, lonxe de desprezar a educación e a ciencia, non deixou de desenvolvelas ao longo dos séculos. Até o punto de que moitos dos fitos científicos máis relevantes da historia viñeron da man dos seus ministros.

Contactos
Dirección

Plaza de Santa María 1
27001 Lugo Lugo

Teléfono

982231143

Correo electrónico

Envía Correo

March
Más