Celébrase este ano 2019 o décimo aniversario da existencia da Confraría da Virxe do Pedregal. É unha magnífica noticia, ante todo para Meira e as parroquias dos seus arredores. Porque as razóns da fundación da Confraría e os fins que persegue xeraron unha unidade, unha amizade que enriquece a vida de todos, en primeiro lugar dos seus membros e logo tamén das parroquias.
Enriquece a vida dos seus membros pola fraternidade que permite experimentar, polo traballo e as celebracións en común, por facer máis fácil a cada un crer no Señor e pedir o amparo da súa Nai, a Virxe, por ser unha invitación e unha axuda para vivir como comunidade e como Igrexa.
Pero a Confraría enriquece tamén a vida de Meira e das parroquias veciñas. Anima e xera actividades, tempos e momentos de encontro, propostas cheas de sentido espiritual e de cultura popular verdadeira. E fai presente á sociedade local unha voz, unha proposta cristiá, que fala de confianza en Deus, dunha compañía boa e de amor fraterno, e que, dalgún modo, é sempre unha invitación ao diálogo e unha chamada á esperanza.
En breve a Confraría reunirase de novo para a celebración máis importante, na Semana Santa, ao redor do misterio da nosa fe, que non é só unha suma de ideas ou ensinos, senón o recoñecemento de que existe Aquel que se sacrifica por nós cun amor moi real, que Deus quixo abaixarse humildemente para salvarnos, nacendo de María, morrendo na cruz e resucitando.
Do Señor Xesús e da intercesión e a presenza da súa Nai, a Virxe María, veu seguramente a inspiración de comezar a Confraría. E agora a Santísima Virxe é xa tamén Virxe do Pedregal, para honra desta terra, para que Ela a considere e a coide como cousa propia máis explícita e claramente.
Pero a obra non se fixo sen mediadores, sen obreiros que traballasen este campo. A eles quero agradecer todos os sacrificios aceptados con alegría, o tempo entregado aos irmáns, a fe coa que se moveron para facer posible a Confraría.
Sempre sucede así na Igrexa: por medio dalgúns –e, en realidade, de cada un no seu lugar e ao seu modo–, o Señor fai un ben a moitos. Que este segredo siga vivo e non se perda nunca en Meira! É o segredo mesmo da caridade e da vida, que brotan do corazón de Deus. E esta é tamén a misión da Confraría: servir aos seus membros, pero tamén a moitos máis, en Meira e noutros lugares, como puidemos experimentar na mesma Catedral Basílica de Lugo e desexo agradecer de novo.
Que o Señor vos pague con bendicións a vosa dedicación, a todos os membros da Confraría, a todos os que colaboran con ela e, por suposto, aos seus iniciadores e aos seus responsables, entre os que me alegra mencionar ao voso párroco, Don Miguel.
Que Deus volo pague a todos, facéndovos sentir o amparo e a protección da Santísima Virxe María do Pedregal, como Nai súa e Nai vosa, nas vosas casas, familias e parroquias, e sempre que a invoquedes nas necesidades.
Co meu afecto e bendición
+ Alfonso Carrasco Rouco
Bispo de Lugo