A Diocese de Lugo recibe con alegría a noticia de que a Xunta aprobou, este 23 de xuño, o decreto que recoñece a Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento como Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial.
Esta tradición, unha das máis antigas e significativas da nosa terra, afonda as súas raíces no século XVII e constitúe un símbolo de identidade, de memoria histórica e de celebración da fe secular do noso pobo.
A Ofrenda ao Santísimo Sacramento reúne en Lugo aos representantes das sete antigas capitais do Reino; polo que toda Galicia, urbana e rural, congrégase simbolicamente na cidade máis antiga do Reino, arredor do Santísimo Sacramento.
Este ben patrimonial ten a forma dunha Ofrenda ritual do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, que se realiza cada domingo posterior ao Corpus Christi. Expresa a contribución da fe cristiá á conformación da cultura da nosa terra, de modo que non perda as súas raíces e identidade no actual contexto pluricultural
A Ofrenda nace dunha realidade: o culto a Eucaristía na nosa Catedral lucense ao longo dos séculos. Por iso, debemos recoñecer o papel da Catedral e o seu Cabido, das confrarías, dos adoradores, das parroquias e de tantas e tantas persoas que mantiveron viva esta tradición ata os nosos días.
Queremos manifestar o noso recoñecemento as sete cidades do Antigo Reino que permanecen fieis a este compromiso coa nosa historia. Compre expresar tamén un recoñecemento á Xunta de Galicia, á Consellería de Cultura e á Dirección Xeral de Patrimonio, que acolleron a solicitude da Diocese e levaron a bo termo o expediente de declaración.