Hoxe, 28 de xuño, a Catedral de Lugo acolleu a tradicional Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento dentro da Solemne Misa Pontificia da Oitava de Corpus.
Nesta ocasión presidiu a Eucaristía o arcebispo de Santiago de Compostela, Mons. Francisco Prieto, que recibíu a ofrenda da alcaldesa da cidade de Betanzos, María Barral .
Participaron tamén o bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco; o bispo de Ourense, Mons. Leonardo Lemos; o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín; o bispo de Mondoñedo Ferrol, Mons. Fernando García Cadiñanos; o arcebispo emérito de Santiago, Mons. Julián Barrio e o Bispo emérito de Tui-vigo, Mons. Luis Quinteiro; así como representantes das cidades do Antigo Reino e outras autoridades políticas e militares.
O arcebispo de Santiago comezou a súa homilía manifestando que “A celebración da Eucaristía, con motivo da Ofrenda ao Santísimo Sacramento, sitúanos no centro da nosa vocación cristiá: ser santos, ser cada un, unidos a Xesús, pan partido para a vida do mundo”.
E neste ano do Xubileo Romano da esperanza, Mosn. Prieto manifestou: “ante a realidade crúa e dramática da violencia e das discordias, nun mundo ferido e cheos de sombras [conflitos, guerras, mulleres maltratadas migrantes, nenos, casa común…], nun tempo no que a desesperanza nos asalta, necesitamos reavivar aquela a esperanza que non declina, a que nos vén do mesmo Cristo”.
A presenza real de Cristo na Eucaristía é un signo profético da esperanza: “É preciso lembrar que quen participa na Eucaristía ha de empeñarse en construír paz e denunciar as circunstancias que van contra a dignidade de todo home, pola cal Cristo derramou o seu sangue, afirmando así o valor tan alto de cada persoa. Se non tomamos conciencia disto, as nosas eucaristías aproxímanse á incoherencia”.
A adoración a Cristo na Eucaristía lévanos a recoñecer a Xesús no rostro do irmán: “A presenza real de Cristo na Eucaristía está a convidarnos a entrar no verdadeiro camiño do amén cristián, aquel que se verifica na entrega radical e integral a favor dos homes para que teñan vida abundante”.
E finalizou recordando que: “A nosa caridade non pode ser meramente paliativa ou asistencial, senón que debe ser preventiva, curativa e propositiva. Caridade é acompañar, abrir portas, ofrecer posibilidades que permitan vivir con xustiza e dignidade”
Rematada a Santa Misa tivo lugar a procesión co Santísimo polas rúas do centro da cidade de Lugo.
María José Campo