A Catedral de Lugo acolleu este domingo a celebración da Pascua do Enfermo, unha Eucaristía presidida polo bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, e retransmitida pola Televisión de Galicia (VER AQUÍ A RETRANSMISIÓN).
A celebración estivo dedicada especialmente ás persoas enfermas, ás súas familias, a quen as coida e a todos os que desenvolven a pastoral da saúde en hospitais, residencias e parroquias.
“A resurrección de Cristo é esperanza para todos”
Durante a súa homilía, Mons. Alfonso Carrasco Rouco lembrou que a Pascua do Enfermo é unha chamada a mirar a enfermidade desde a fe e a esperanza cristiá.
O bispo afirmou que “a resurrección do Señor Xesús é a boa noticia para todos”, porque ofrece a certeza da vitoria sobre a morte e a esperanza da vida eterna.
Mons. Carrasco explicou que esta fe “cambia as nosas mentes e corazóns” e permite mirar a cada persoa desde a dignidade e o amor con que Dios a contempla.
A enfermidade e a proximidade de Deus
Durante a súa reflexión, o bispo subliñou que a enfermidade supón “un desafío moi difícil”, especialmente cando o sufrimento ou a posibilidade da morte se fan presentes. Con todo, lembrou que Cristo comprende a dor humana porque tamén o experimentou ata o final.
“O Señor non nos abandona”, afirmou Mons. Carrasco Rouco, insistindo en que a fe axuda a soster a esperanza mesmo no medio da fraxilidade e do medo.

“A vida segue chea de significado”
O bispo alertou ademais sobre a tentación de considerar que a vida do enfermo perde valor por mor do sufrimento ou a dependencia.
Fronte a iso, lembrou que “a vida segue estando chea de significado” e destacou o valor do testemuño de tantos enfermos que viven a súa situación desde a confianza en Deus e a oración.
Mons. Carrasco animou tamén a acompañar ás persoas enfermas “con proximidade, coidados e cariño”, seguindo o exemplo do bo samaritano.
Unha oración á Virxe María
A homilía concluíu cunha oración á Virxe María, Saúde dos Enfermos, poñendo baixo a súa protección a todos os que sofren, ás súas familias e a quen os acompaña e coidan cada día.
María José Campo





