O domingo 29 de xuño ás 11h na Catedral terá lugar a Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento. Nesta ocasión correspóndelle a súa presentación ao alcalde de Betanzos, e será recibida polo Arcebispo de Santiago de Compostela, Mons. Francisco Prieto
Lugo é a Cidade do Sacramento, polo privilexio extraordinario da Exposición perenne do Santísimo no Altar Maior da nosa Catedral. E como consecuencia desta gran tradición, importante non só para Lugo senón tamén para o resto de Galicia, xurdirá a Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento
Este domingo (o seguinte á celebración do Corpus) todo o pobo de Galicia, por medio dos rexedores das provincias do reino, presenta esta gran ofrenda a Xesús Sacramentado, mantendo viva dese xeito a memoria da nosa identidade e da nosa cultura.
A Ofrenda do Reino de Galicia é o único acto institucional que, na actualidade, segue falando da nosa entidade como reino.
Achegarse neste día á Catedral de Lugo, non é soamente unha profesión de fe cristiá, tamén é un símbolo da historia do noso pobo e da esperanza dun futuro común.
Historia da Ofrenda
A historia da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento quedou salvagardada nos documentos dos arquivos galegos, por estar vinculada esta cerimonia ás principais cidades de Galicia a mediados do século XVII.
O 1 de marzo de 1669, asinouse na cidade de A Coruña a escritura dun donativo que o Reino de Galicia aprobou ao Cabido da Catedral de Lugo, para aumentar o culto ao Santísimo Sacramento, sendo este documento o fin dun proceso que se iniciou o 15 de febreiro dese mesmo ano, coa lectura polos representantes das sete capitais do Antigo Reino de Galicia dun memorial realizado polo insigne cóengo lucense Juan Pallares Gayoso, autor do libro Argos Divina.
A sétima condición, incluída no donativo que o Reino de Galicia facía ao Cabido, establecía que todos os anos “para que perpetue mas, y ferborice la deboçion, y se Reconozca ser echa dicha doctaçion por el Reyno, hes condiçion, que todos los años se ofrezcan los dichos mill y quinientos ducados en nombre del Reyno”. Os 30.000 ducados ofrecidos debían ser aprobados pola raíña rexente Mariana de Austria, feito que sucedeu ese mesmo ano de 1669.
A enorme cantidade de diñeiro ofrecida tiña como fin outorgar unha renda anual de 1.500 ducados, para cera que iluminase ao Santísimo Sacramento na Capela Maior da Catedral de Lugo. O 19 de xuño de 1672, tres anos despois da escritura do donativo, prodúcese a primeira cerimonia da Ofrenda, personificando ao Reino de Galicia o rexedor de Mondoñedo Juan Pardo Monzón, e sendo recollidos os 1.500 ducados polo bispo de Lugo Frei Juan Asensio.
Os 350 anos de historia desta emblemática cerimonia foron testemuñas da evolución do propio escenario Ofrenda, sendo a principal modificación a realizada en 1769, cando se cumpría un século da instauración do donativo, coa inauguración do novo tabernáculo de mármore colocado na reforma da Capela Maior de Carlos Lemaur, e coas espectaculares pinturas de José Terán como incomparable marco, que aínda hoxe en día impresionan pola súa grandiosidade.
O paso dos séculos contemplou a evolución da propia cerimonia, e de feitos históricos como o II Congreso Eucarístico Nacional, realizado en Lugo no verán de 1896, ou das inmensas peregrinacións eucarísticas que acudían o día da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento durante a primeira metade do século XX, o “século da Eucaristía”.
En 1969 celebrouse a nivel nacional o 300 aniversario desta cerimonia, co ministro Manuel Fraga Iribarne como protagonista pola parte civil, sendo conmemorado este evento coa emisión dun selo a nivel nacional, coa imaxe do pinxante coa representación da Última Cea da porta norte da Catedral de Lugo.
En 2019 celebrouse o 350 aniversario da Ofrenda de Galicia e colocouse unha placa conmemorativa na Catedral.
Maria José Campo