Início / Menu Diócesis / Noticias

Monseñor Alfonso Carrasco: «Lvcensia é un encontro de xentes e de estudos diversos»


A revista que publica a biblioteca do Seminario Diocesano, Lvcensia, saiu á luz co número correspondente a este segundo semestre de 2023. O xoves 16 de novembro a Aula Magna do Seminario Diocesano de Lugo acolleu a presentación nun acto presidido polo Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco, e dirixido polo Reitor do Seminario, David Varela.

O primeiro en intervir foi o director da revista, Gonzalo Fraga, que deu a coñecer os contidos deste número 67 de Lvcensia.

A continuación tomou a palabra o historiador Felipe Arias, coautor do primeiro artigo quen afirmou que “a ara de Curbián é moi interesante porque presenta unha divindade prerromana, indíxena, e un dedicante, quen fai o voto, que ten uns nomes romanos. Ou sexa, é un símbolo, unha mostra moi clara e moi representativa do que supón a romanización." Ademáis, Arias asegurou que "se trata dun sincretismo entre o panteón indíxena prerromano e o mundo romano. É igual que hai a ara de Curbián, dedicada ao deus Bandua Balecco, por un señor que ten nomes romanos, tamén hai aras que están dedicadas por homes de xinea indíxena, prerromana, castrexa a deidades do panteón clásico. Prodúcese ese intercambio e a ara de Curbián, vén completar moi ben ese panorama."

Pola súa banda, a restauradora Uxía Aguiar, coautora do primeiro artigo, interviu para afirmar que "o proceso de restauración da ara de Curbián consistiu primeiro nunha diagnose para determinar cal era o estado real de conservación da ara toda vez que levaba tantos anos depositada en Curbián. Despois da diagnose deseñouse un tratamento específico para esta peza que consistiu en retirar todos os elementos que xeraban certo deterioro ou que enmascaraban as texturas, as inscricións, en definitiva, poñían en certo perigo a conservación da mesma. E fíxose o traslado ao depósito diocesano de bens culturais que foi o espazo onde se restaurou para logo pasar ao Museo Diocesano que está na catedral."

Clausurou o acto Mons. Alfonso Carrasco, que sinalou que "cando a identidade ten unha apertura profunda permite o encontro e o enriquecemento mutuo. E alégrome de ver que esta actitude, esta posibilidade, continúa na historia." Ademáis, o Bispo de Lugo dixo que "tamén hoxe a revista Lvcensia é un momento de encontro de xentes, de estudos diversos, de persoas que acudimos e reunímonos de novo. Esta apertura é moi importante nos tempos que vivimos. Creo que é propio da fe cristiá ter unha apertura a todo o que é humano e poder valorar calquera cosa boa."

Sumario do número 67 de Lvcensia. FOTO: Manolo Varela