Rastrillo de Mans Unidas

O día 27 de abril de 2011, a Delegación de Mans Unidas da Diocese de Lugo volve instalar o seu tradicional “rastrillo” na cidade de Lugo como vén facendo ininterrompidamente desde hai anos.

Nesta ocasión está situado na Praza Maior nº 27 – 29, dentro das Galerías que comunican esta praza coa do Campo Castelo, local contiguo ao despacho de Renfe. O horario de atención ao público é de 11:00 h. a 13:30 h. (mañás) e de 17:00 h. a 20:30 h. (tardes) de luns a venres laborables, e de 11:00 h. a 13:30 h. os sábados.

Todo o diñeiro recadado será destinado aos dous proxectos que se financian este ano por parte de Mans Unidas da Diocese de Lugo, un en Guatemala e outro en India.

O proxecto de Guatemala céntrase na promoción da saúde materno-infantil en comunidades rurais e ten como beneficiarios a 1.530 persoas. O seu importe é de 47.176 €. e Dna. Erika Ivonne Flores está á fronte do mesmo.

O proxecto de India consiste nun programa de xeración de ingresos para mulleres da zona de Karnataka e ten como beneficiarios a 6.000 persoas. O seu importe é de 60.460 €. e coordínao a señora Lilly Samuel.

O “rastrillo” de Mans Unidas estará aberto ata o 15 de maio.

As persoas interesadas en colaborar con esta iniciativa poden entregar no mesmo “rastrillo” todo tipo de obxectos e produtos durante as horas de apertura ao público sinaladas anteriormente, durante todo o período de tempo en que estará instalado unha vez inaugurado, ou ben porse en contacto coa Delegación lucense de Mans Unidas no teléfono 982 25 55 67 para coordinar a súa recollida noutro lugar.