Presentación novo número de Lucensia

Presentación do número 42 de Lucensia 
Presentación novo número de Lucensia
O luns, 30 de maio, ás  18:15 h. o Salón de actos da Fundación Caixa Galicia, praza de Santa María acolleu a presentación do número de primavera (nº 42) da revista de cultura e investigación Lucensia.

CONTIDO DO ÚLTIMO NÚMERO DE LUCENSIA

 

O primeiro artigo trata de dúas edificacións unidas polo mundo monástico benedictino: a igrexa de Santiago de Barbadelo (Sarria) e a torre de Pombeiro (Pantón). Seguindo coa temática monástica, dánsenos a coñecer as colaboracións de Maximino Arias e Victoriano González na revista dos anos 1930 Logos.

Outros dous artigos comparten o tema da vitivinicultura. Nun deles fálase da produción actual do viño en Galicia. E no outro da intervención da química, non como falsificación do viño senón na súa contribución positiva na colleita e na elaboración.

Con fotografía, plano e explicación histórica, coñecemos un sartego móbil de Santiago de Soengas; móbil porque non é un sartego escavado nunha rocha, senón feito nun bloque granítico que se pode cambiar de sitio. Non se abandona Portomarín no seguinte estudo, que nos informa dos priores e cabidos entre os séculos XV e XIX da Colexiata de San Nicolao. Agora si que se salta a outro Concello, o de Bóveda, do que podemos coñecer a orixe dos nomes das súas parroquias e lugares. Outro tema tratado é o parque Rosalía de Castro de Lugo: historia e actualidade. E o último estudo é sobre o pazo-museo de Tor (Monforte): as características do edificio e o seu proceso de conversión en museo.

Na sección “Comentarios”, ademais de facer unha presentación dun instrumento musical -o birimbao- e a historia dun nome -Raxoi-, infórmase de varias actividades: exposición de Luís Seoane, xornadas de Teloxía, apertura simbólica da porta de Odoario na Muralla e novas publicacións.