LIBERDADE RELIXIOSA. Por Antón Negro

“Urxe pois descubrir de novo a existencia de valores humanos e morais esenciais e orixinarios, que derivan da verdade mesma do ser humano e expresan e tutelan a dignidade da persoa. Son valores, por tanto, que ningún individuo, ningunha maioría e ningún Estado nunca poden crear, modificar ou destruír, senón que deben só recoñecer, respectar e promover” (Evangelium Vitae, nº 71).

 

Sorprendeume ter encontrado cregos da nosa diocese e de outras partes de España que tiveron que ir á Mesa Electoral nas pasadas eleccións e deixar, por tanto, ós seus fregueses sen misa ese domingo. A min paréceme oportuno que saibamos que hai razóns para que un crego non vaia un domingo a unha mesa electoral. Non só coñecer que hai razóns para non ir, senón que incluso pode ser un deber non ir para colaborar a crear espacios de liberdade para os cidadáns e para potenciar a liberdade relixiosa e de conciencia que a todo cidadán se lle presupón.

Por iso penso que pode ser adecuado que se coñeza como eu lle argumentei á Xunta Electoral de Zona o dereito que teñen os cidadáns católicos de Monforte a que eu non fose á mesa electoral e así eles poidan exercer liberdades básicas. O caso é que por terceira vez me aceptaron a renuncia. Finalmente engadirei unhas reflexións sobre o que considero que está en xogo.

Este é o escrito que mandei:

 

Señor/Señora Presidente.

Yo, Antonio Negro Expósito con D.N.I. nº… , censado en ….. y que he sido nombrado presidente de la mesa electoral nº C  para las eleciones del 9 de Marzo de 2008, tengo que comunicarle que NO PUEDO ACEPTAR ESE NOMBRAMIENTO PORQUE:

Se da exactamente la misma situación que en las pasadas elecciones del 14 de Marzo de 2004 y del referéndum del 20 de Febrero de 2005, que es:

1.- Soy sacerdote de la Iglesia Católica en la diócesis de Lugo y tengo nombramiento de párroco en varias parroquias de la zona de Monforte y los domingos son días de culto para los católicos.

2.- Si yo no fuera a celebrar las Eucaristías que tengo que celebrar ese día, a esos católicos no se les garantizaría el derecho constitucional a la práctica religiosa y de culto que está reconocida en el artículo 16 apartado 1 de nuestra Constitución. Este derecho a la práctica religiosa y de culto está también amparada por el artículo 18 de la Declaración Universal de los Derechos del Hombre de la Naciones Unidas del 10 de Diciembre de 1948.

Por ello, y según el apartado 3 del citado artículo 16 de nuestra Constitución, SUPLICO QUE se actualicen las resoluciones acordadas en el JUZGADO DE 1ª INSTANCIA E INSTRUCCIÓN de CHANTADA el 6 de marzo de 2004 y del 11 de Febrero de 2005, que consistieron en:

Exonerarme del nombramiento efectuado (“SU EXCUSA HA SIDO ADMITIDIDA, NO DEBERÁ COMPARECER EN LA MESA”)

En Antas de Ulla a 18 de Febrero de 2008

                                      Fdo.

SEÑOR/SEÑORA PRESIDENTE DE LA JUNTA ELECTORAL DE ZONA DE CHANTADA.

 

O feito de plantealo nestes termos é porque considero que se están xogando dereitos democráticos básicos e liberdades fundamentais da persoa. Asistimos a un endeusamento do Estado e hai persoas que lle outorgan un poder absoluto, especialmente entre funcionarios da administración do Estado e membros de partidos políticos, pero sempre hai que ter claro que un poder absoluto é antidemocrático. Debe ser un presuposto evidente que non hai Democracia sen Estado de Dereito e sen que se respecten os Dereitos Humanos.

En Democracia os cidadáns e os grupos sociais teñen dereitos que os Estados e os Gobernos non poden asoballar senón que teñen a obriga de respectar. Un deses dereitos básicos para que poida haber Democracia é o da liberdade de conciencia, da liberdade relixiosa e da práctica de culto.

A absolutización do Estado non pode ser un ben para a sociedade. Por iso coido que temos a obriga moral de loitar contra un estado absoluto por un dobre motivo:

a) por esixencia da nosa propia fe,

b) por defensa dunha verdadeira democracia para tódolos cidadáns.

Non se trata só dos dereitos individuais senón tamén dos dereitos dos grupos humanos. Un Estado Democrático e de Dereito non pode limitar os dereitos das asociacións, sexan estas deportivas, culturais, filosóficas, sindicais, políticas ou relixiosas. Aínda máis, ten que facilitar positivamente o libre exercicio dos seus dereitos. Se isto non fose así, xa non falamos dun Estado Democrático, senón dun Estado Totalitario. Neste caso habería a obriga democrática de combatelo.

Pode ser clarificador neste contexto recordar o que dicía Xoán Paulo II:

“O Estado totalitario tende, ademais, a absorber en si mesmo á nación, á sociedade, á familia, ás comunidades relixiosas e ás mesmas persoas. Defendendo a propia liberdade, a Igrexa defende á persoa, que debe obedecer a Deus antes que ós homes (Feitos 5,29); defende á familia, ás diversas organizacións sociais e ás nacións, realidades todas que gozan dun ámbito propio de autonomía e soberanía” (Centesimus Annus, nº 45).

Dicíamos antes que non hai democracia sen Estado de Dereito, e isto está claramente recollido tanto no art. 1 parágrafo 1º da Constitución Española de 1978 coma na encíclica Centésimus Annus de Xoán Paulo II, nº 46. Por iso neste intre considero adecuado lembrar brevemente as principais características dun Estado de Dereito, que se define como aquel estado que limita a acción estatal mediante o sometemento a:

1. Ó dereito co seu principio de legalidade, é dicir, non á arbitrariedade estatal.

2. Á separación entre os poderes: executivo, lexislativo e xudicial,

3. Á xerarquía normativa,

4. Sometemento ós dereitos dos individuos e dos grupos (partidos políticos, sindicatos…) que teñen que estar garantidos, e

5. Sometemento dos gobernantes ós gobernados, de xeito que as actuacións do estado son recurribles ante os tribunais, e que hai que cumprir as súas sentencias cando xa son firmes.

 

O prezo da liberdade:

Vivir a vida en liberdade esixe estar disposto a pelexar por ela dende a responsabilidade persoal coa propia conciencia. Para ser autenticamente libre un ten que estar disposto a afrontar persecución de calquera modo que veña, tal como mostra a propia historia dos cristiáns.

En segundo lugar hai que estar disposto a pelexalo tamén dende a legalidade e nos tribunais. Neste campo da liberdade relixiosa o horizonte final no ámbito xudicial non está no Tribunal Supremo nin no Constitucional de España, senón no Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo.