Homilía do Arcebispo de Santiago no día da Ofrenda

 

Queridos irmáns e irmás no Señor:

 
        “Cantade a Deus, tocade no seu honor. Alfombrade o camiño que avanza polo deserto; o seu nome é o Señor. Alegrádevos na súa presenza”. Seguindo unha tradición secular a comunidade cristiá galega se sinte convocada hoxe nesta Catedral de Lugo, tenda do Altísimo, ante a presenza real e verdadeira de Xesús Sacramentado para pregar a quen intercede por nós, postrarse en adoración humilde rexeitando as idolatrías e alabalo pola súa infinita misericordia, sentíndose pobo de Deus que peregrina fortalecido co Corpo e Sangue de Cristo. Vimos presentar a nosa ofrenda lembrando como a Eucaristía forma parte das raíces da nosa comunidade e da nosa vida; e pedindo que se vaia consolidando o proxeto de Deus na nosa historia. Esta solemnidade mantén vivo en nós o que Xoán Paulo II chamaba “estupor eucarístico”.

          A Santísima Eucaristía é prenda segura de eterna gloria que nos ensina a ser pacientes e perseverantes no medio das turbacións do mundo. “É o don que Xesús fai de si mesmo, revelándonos o amor infinito para cada home”, un amor “que o home necesita para atopar sentido á vida e vivila con esperanza”.

 
          É a afirmación da esperanza para toda a humanidade, especialmente para os máis pobres e marxinados nos que hai que recoñecer a Cristo. “Non seriamos discípulos de Xesús, nin a Igrexa podería presentarse coma a súa Igrexa, se non recoñeceramos no exercicio e no servizo da caridade a norma suprema da nosa vida”, que nos fai testemuñas da verdade e da bondade de Deus no mundo.

       Pisar as rúas da existencia humana é atoparnos coas cruces dos débiles, dos pobres, dos marxinados, dos esquecidos: homes e mulleres, nenos e mozos marcados pola utilización máis ferinte e nos que Cristo segue a padecer. Son cruces nun mundo doente que feren a nosa sensibilidade humana e cristiá e que denuncian o noso egoísmo, indiferenza e insolidariedade. Os dereitos humanos son universais e as oportunidades para exercelos deberían selo.

 

          Ante as corrientes culturais que excluen a Deus da vida do hombre, “a Eucaristía é o sacramento do Deus que non nos deixa sos no camiño, senón que se pon ó noso carón e nos indica a dirección. De feito, ¡non é suficiente avanzar, é necesario ver cara onde se vai! Non basta o “progreso”, se non hai criterios de referencia… Deus nos creou libres, pero non nos deixou sos: fíxose el mesmo “camiño” e veu camiñar xunto a nós para que a nosa liberdade teña o criterio para discernir o camiño xusto e recorrelo”, acaba de dicirnos o Papa.

           Estamos ante un misterio que nos desborda, por eso acudimos aos signos. E signo relevante é o pan que Xesús multiplica para o xentío, o pan da mesa do rico Epulón cuxas migallas non chegan á boca do mendigo Lázaro, o pan abundante na casa paterna que o fillo pródigo lembra. Xesús mesmo nos di: “Eu son o pan vivo que baixou do ceo. O que coma deste pan vivirá para sempre. E o pan que eu darei é a miña carne para a vida do mundo”. O alimento dos que formamos a Igrexa é a Eucaristía. Os israelitas necesitaron o maná no deserto.

            Nós necesitamos de Cristo Eucaristía, “que baixou do ceo para superar as tentacións de volver á escravitude, de sumerxirnos no consumismo, de ceder ante o fácil, e de adorar e servir a outros poderes que nos separan de Deus”. San Pablo lémbranos: “O pan que partimos ¿non é comuñón no corpo de Cristo? O Pan é un, e así nós aínda que somos moitos, formamos un so Corpo, porque comemos todos do mesmo Pan”. A comuñón eucarística é comuñón con Cristo. Os que viven en comuñón con Cristo han facelo presente e operante no medio dos homes, traballando por construír unha cultura cristiá no diálogo e a comunicación, na solidariedade e a axuda mutua, no respecto e a comprensión e tratando de respostar ás profundas esperanzas das persoas que piden ser acompañadas nas súas búsquedas. Este compromiso nos chama a compartir tamén as posibilidades materiais. “Tíñano todo en común”, se nos di da primitiva comunidade. En todo caso, “na comunidade dos crentes non debe haber unha forma de pobreza na que se negue a alguén os bens necesarios para unha vida decorosa”.

          Unha vida cristiá xenerosa en obras e testemuños de caridade so é posible se se alimenta da Eucaristía. Non podemos separar a comuñón con Cristo da caridade cos homes. Sen vitalidade eucarística constante non pode haber senón apariencias ou convencionalismos de vida cristiá e quen participa na Eucaristía está chamado a irradiar o amor de Cristo na Igrexa e na sociedade. “Este amor non brinda aos homes soamente axuda material, senón tamén acougo e coidado da alma, unha axuda a miúdo máis necesaria que o sustento material”. A Eucaristía, vivida e celebrada, nos esixe un compromiso de fraternidade, seguindo a Cristo que sendo rico se fixo pobre e entregou a súa vida pola nosa salvación. Esto “se traduce inevitablemente en xestos e signos de esperanza”, como é a nosa acción a favor da xustiza e dos pobres, lembrando que o home non vive de so pan pois esquecer esto é humillalo e “ignorar precisamente o que é máis especificamente humano”. A dimensión trascendente ha estar presente na formación da conciencia e non debe quedar certamente excluida da tarefa educativa verdadeiramente integral que ha referirse tamén á verdade do ser humano coma norma e horizonte de vida. Os cristiáns podemos ser os artífices do proxeto dun mundo que corresponda verdadeiramente á dignidade da persoa humana e a súa vocación trascendente. Esto é ser moderno.

             O misterio eucarístico, expresión suprema do amor de Cristo aos homes, sitúa ao cristián no corazón mesmo da historia e comprométeo a asumir a responsabilidade de construír un mundo novo a través da civilización do amor que nos esixe austeridade e xenerosidade, sentido da xustiza e conciencia solidaria a favor dos que sofren. A forza da historia atópase sempre no home que ama e sirve. Reafirmar a nosa opción por Cristo é impregnar a nosa sociedade dos valores cristiáns cunha ollada positiva a toda persoa. Canto máis se vacía o mundo de Deus, máis necesidade hai de consumismo más facilmente se cae no fanatismo, e máis se baleira o mundo de alegría. A participación na Eucaristía contribúe a motivar a sinceira xenerosidade ata o don da vida polos outros, comprométenos a construír un mundo que reflexe a bondade do creador, e non consente que ignoremos aos nosos irmáns, sobre todo cando se atopan en necesidade. “A inxustiza da historia non é en absoluto a derradeira palabra”. A derradeira palabra é de Deus, Xuíz e Salvador. “O noso modo de vivir non é irrelevante, pero a nosa inmundicia non nos ensucia eternamente, alomenos se permañecemos orientados cara Cristo, a verdade e o amor”.

             Renovemos a nosa devoción ó Santísimo Sacramento, garantía da nosa renovación humana e cristiá. A carón do Pan e do Viño que serán transformados no Corpo e no Sangue de Cristo poño a ofrenda das nosas xentes de Galicia coas súas esperanzas e preocupacións, , tendo en conta de maneira especial nestes momentos as inquedanzas das nosas xentes do mar. Pido pola Familia Real, polos nosos gobernantes, polas nosas Dioceses, por Vostede Señor Oferente e a súa familia, e polos que están a colaborar con vostede, e por todos os santiagueses para que o Señor Sacramentado lles colme de bendicións.

 

Amén.

 

+ Xulián Barrio Barrio

Arcebispo de Compostela