Bispos de Galicia – Carta ós mozos

COMA O APÓSTOLO SANTIAGO, AMIGOS do SEÑOR

CARTA AOS MOZOS

Queridos amigos:

Dous grandes eventos, o Ano Santo Compostelán 2010, no que tamén peregrinará a Santiago a Súa Santidade Benedito XVI, e a Xornada Mundial da Xuventude de Madrid do ano 2011, anímannos a escribirvos esta breve carta.

En momentos moi especiais xéranse expectativas e espértanse esperanzas; así sucede en primeiro lugar co Ano Santo. Non só polos actos festivos que o rodean, senón polo acontecemento extraordinario que o Apóstolo viviu e que cambiou o seu destino: o encontro con Xesucristo, que o conmoveu profundamente e o fixo capaz de ir no seu Nome ata o confín da terra. Santiago é alguén que trae ata nós esperanzas novas e grandes perdóns.

E realmente o que necesitan os nosos corazóns é unha novidade. Non só porque ás veces esteamos a vivir en circunstancias que nos parecen moi negativas, senón porque o que o mundo nos ofrece, por agradable ou interesante que sexa, non se corresponde nunca de todo cos nosos desexos e aspiracións. Nada parece suficiente para definirnos, para explicar o que cada un é no íntimo; nada é capaz de evitar que ao final de cada vivencia quede certo sentimento de insatisfacción, a espera de algo máis.

O Apóstolo Santiago fálanos por experiencia de algo grande e novo, que responde plenamente ao que espera o corazón; dun amor e unha compañía que fai posible estar no mundo no modo xusto, eliminando toda sensación de inutilidade ou de frustración.

Esta boa noticia, que resoa de modo especial nos que peregrinan este ano, é unha invitación a un camiño de vida, que é ademais factible e real. E aínda que é un camiño persoal, que se abre a cada un, é ao mesmo tempo un camiño en compañía e, no fondo, unha amizade. Xesucristo achéganos a verdade e a alegría invitándonos a unha relación profunda, feita de amor e entrega, a súa en primeiro lugar.

A nosa fe é crible porque ten a forza da amizade dos que camiñan unidos, sen exclusións nin fronteiras, guiados polo verdadeiro Mestre. Por iso, o camiño de Santiago ten na súa meta unha presenza e un abrazo de amigo, que o peregrino dá ao Apóstolo.

En particular, neste Ano Santo terá lugar unha especial Peregrinación e Encontro de Mozos (PEJ 2010) que se celebrará en Compostela do 5 ao 8 de agosto, baixo o lema: "Coma o Apóstolo Santiago, amigos do Señor", e no que participarán mozos de todas partes de España.

Durante os días previos miles deles pasarán polas nosas dioceses dirixíndose á tumba de Santiago co fin de acudir a este grande Encontro. Sería moi significativo que os mozos de Galicia fosen os protagonistas da acollida destes peregrinos nas diferentes etapas do camiño e, por suposto, na organización da PEJ, e que logo todos puidésemos participar unidos nos días da celebración en Santiago.

No ano 2011, a Xornada Mundial da Xuventude daranos a oportunidade de encontrarnos en Madrid co Papa Benedito XVI, principio e fundamento visible da unidade de toda a Igrexa; e de descubrir unha comunidade inmensa de mozos, que supera toda fronteira, unidos en liberdade e verdade, co desexo de arraigarse e de construír sobre rocha, non sobre mil areas, seguindo con fe ao Señor Xesús. Será unha ocasión única para ver cos propios ollos a presenza do Pobo xoven do Señor no medio do mundo, como grande esperanza para a propia vida.

Durante os días previos ao encontro de Madrid, moitos mozos de todo o mundo virán a Galicia para coñecernos e compartir a fe. Debemos acollelos nas nosas familias e comunidades. Animámosvos a que vos poñades en contacto coa vosa parroquia, a que preguntedes no voso centro escolar, a que contactedes coa Delegación de Pastoral de Xuventude da vosa Diocese. Será unha ocasión extraordinaria para todos nós, para as nosas parroquias, pobos e cidades.

Poucas veces coincidirán na nosa terra, en tan breve período de tempo, tantos acontecementos significativos: a Peregrinación e Encontro de Mozos (PEJ) este agosto, a visita do Papa a Santiago en novembro e a Xornada Mundial da Xuventude en Madrid, no verán de 2011. Trátase dunha oportunidade especial, providencial, para encontrar e renovar a experiencia da fe, para experimentar persoalmente o que é a Igrexa.

Queremos pedirvos que tomedes estas grandes ocasións, o Ano Santo e a Xornada Mundial, como un don especial do Amor divino a vós os mozos. É o Amor que deu o ser a todas as cousas, o Amor que sostén e explica a natureza e ao home. Este Amor de Deus, que coñecemos grazas a Xesucristo, de quen é testemuña o apóstolo Santiago, fortalecerá as vosas vidas e faravos protagonistas do futuro da nosa Igrexa e do noso mundo.

+ Julián Barrio, Arcebispo de Santiago

+ Manuel Sánchez, Bispo de Mondoñedo-Ferrol

+ Alfonso Carrasco, Bispo de Lugo

+ Luis Quinteiro, Bispo de Tui-Vigo e Administrador Apostólico de Ourense

+ José Diéguez, Bispo Emérito de Tui-Vigo

+ José Cerviño, Bispo Emérito de Tui-Vigo