7, 8 y 9 de febrero. Jornadas Abiertas de Teología

 

Jornadas Abiertas de Teología

Conferencia de Ángel Galindo

 O título da conferencia de D. Ángel Galindo débese ao feito de que no mundo occidental son recoñecidos os dereitos do home pero non tanto os dereitos da familia como institución. Por iso, apuntouse a necesidade dunha Declaración Universal de Dereitos da Familia. Ángel Galindo considerou a familia como máis importante cá sociedade, o Parlamento, a escola… Despois de facer unha introdución xeral ao tema dos dereitos humanos, o conferenciante centrouse no tratamento da familia nos textos legais e declaracións universais de dereitos do home. Noutro apartado da conferencia tratou dos dereitos humanos e o compromiso familiar:

  • Dereito á vida: procreación responsable e dereito a coidar da prole.
  • Dereito a unha vivenda digna, distinguindo entre os casos de ocupación de vivendas baleiras por motivos ideolóxicos e por necesidade.
  • Dereito ao traballo, sen esquecer o dereito a estar xuntos os membros da familia dun emigrante.
  • Dereito a participar na vida social: Parlamento, escola…
  • Dereito a saír da miseria, superando o egoísmo das nacións.

Finalmente, falou Ángel Galindo dos dereitos como compromiso cos valores. Así, por exemplo, se a familia é un ámbito de comuñón, créase unha sociedade en diálogo, en unión.

 

Conferencia de Elena Otero Novas

 A doutora Dª Elena Otero Novas comezou falando de dúas das filosofías existentes sobre o papel do Estado: o totalitarismo, contrario aos pronunciamentos do Evanxeo e da Igrexa, e o personalismo, para o cal o ser humano non está ao servizo das estruturas, senón estas ao servizo daquel.

Entrando xa no terreo específico da ensinanza, Elena Otero advertiu que en moitas das materias que se imparten non hai un límite claro entre o que serían instrución e educación. Problema que se agrava cando se usa a educación como un instrumento para neutralizar as ideas do contrario.

A conferenciante referiuse ao que teñen feito os gobernantes (a nivel estatal, autonómico…): promoven a igualación nos resultados en vez da igualdade real de oportunidades e sempre teñen a tentación de dominar alí onde subvencionan. O concerto é un modelo en que practicamente queda neutralizado o ideario propio de cada centro educativo. Elena Otero puxo de manifesto que o novo Ministro de Educación non fixo referencia a este modelo do concerto e que tampouco a sociedade española lle reclama nada sobre ese punto. Si hai unha decisión de cambiar a materia de Educación para a cidadanía, o que a relatora considerou digno de aplaudir, ao mesmo tempo que pediu manterse vixiantes cando se regule a nova materia.

Elena Otero lembrou que a Doutrina Social da Igrexa di explicitamente que os pais poderán escoller con liberdade absoluta, segundo a súa conciencia, o tipo de educación que recibirán os seus fillos.

 

Conferencia de Mons. Manuel Escribano

D. Carlos Manuel Escribano tivo un constante recordo da figura do beato Xoán Paulo II. Este pontífice, coñecido como o Papa das Familias, invita a descubrir a beleza da institución familiar, don de Deus á humanidade. É unha proposta de plenitude, unha gran aventura que Deus quere correr xuntamente co ser humano. O plan de Deus para co matrimonio e a familia é algo apaixonante. Ese plan pode ser visto negativamente na cultura actual, pero a Igrexa debe presentalo como signo de esperanza.

Tamén insistiu D. Carlos Manuel Escribano na vocación ao amor. Porque sen experimentar o amor, a persoa non é o que Deus quere que sexa. Os conceptos de vocación ao amor, amor donal, amor esponsal… deben ir sendo vistos nas distintas catequeses que reciben os cristiáns. Desta maneira, cando cheguen a facer cursos prematrimoniais, xa teñen unha mellor base.

Eses cursos non deben ser a única oferta da Igrexa para os matrimonios. D. Carlos Manuel Escribano falou da experiencia dalgunhas dioceses coas catequeses familiares. Son reunións (poden ser quincenais) cos pais nas que se preparan para ser catequistas dos fillos na casa. É unha maneira tamén de facer que os pais tomen conciencia de que a familia é suxeito de evanxelización. Nesas catequeses familiares os propios pais teñen unha oportunidade de enriquecer a súa propia vida cristiá. Por exemplo, suscitando neles preguntas e acompañándoos na busca de respostas. E tamén cultivando o afán porque haxa unha boa relación familiar. Porque iso -preocuparse cada familia de que a ela mesma lle vaia ben- é un signo de esperanza, un camiño de evanxelización que teñen as familias.