Ritual do Día da Ofrenda 2011

Recepcións no Concello.

      Ás 11.30 da mañá ten lugar a xuntanza das autoridades locais na casa consistorial. Un tenente de alcalde da corporación de Lugo acompaña ao delegado rexio ata o consistorio. Diante deste é recibido polo alcalde lucense recibe ao delegado ante a casa consistorial. Introdúcense no edificio do Concello, onde reciben aos rexedores das outras cinco capitais do antigo Reino de Galicia, así como ás autoridades provinciais e autonómicas. Soen vestir de chaqué ou traxe escuro.

Na praza ante a casa consistorial forman a banda de música de Lugo, o grupo Azougue, (da escola municipal de folclore de Betanzos), a escuadra do Rexemento Provincial coruñés. Tamén están presentes a policía municipal en uniforme de gala e os alguacís de ambas as dúas cidades (Lugo e Betanzos).

Saída dos acompañantes

      Os acompañantes das diferentes autoridades son conducidos, á marxe da comitiva oferente, cara ao seu lugar reservado na Catedral.

Formación da comitiva

      Ás 11.40 horas a comitiva de oferentes forma ante o concello, segundo a disposición que gardará durante o desprazamento:

  1. Abre a marcha a banda de música municipal, seguida polos Lanceiros de Lugo.
  2. Autoridades provinciais: xefes dos corpos de seguridade; directores provinciais, delegados das consellerías da Xunta de Galicia. deputados e parlamentarios provinciais, subdelegado do Goberno en Lugo, fiscal xefe da Audiencia Provincial e vicerreitor da Universidade.
  3. Autoridades autonómicas: conselleiro de contas, valedor do pobo, xefe militar; membros do goberno da Xunta de Galicia, presidente do Tribunal Superior de Xustiza e representante do Parlamento Galego.
  4. Presidentes das deputacións.
  5. Corpos locais uniformados da cidade oferente.
  6. Alcaldes das cidades do antigo Reino de Galicia.
  7. Secretarios, maceiros, síndicos e cronista.
  8. Corporacións municipais da cidade oferente e da cidade de Lugo.
  9. Uxieres e alguacís (gardas de gala).
  10. Delegado rexio acompañado dun neno.
  11. Encargados de protocolo e ordenanzas da cidade oferente e de Lugo.
  12. O grupo folclórico Azougue de Betanzos.

 

Percorrido e recepción eclesiástica

      Entre as 11.45 e as 11.55 a comitiva pasa pola Praza Maior, até chegar á Catedral. Na porta son recibidos, aos acordes do himno do antigo Reino de Galicia, por unha comisión representativa do cabido catedralicio.

Preliminares da Misa

      As autoridades civís ocupan os escanos reservados. O delegado queda de fronte ao altar rodeado polo restantes seis alcaldes. Esta disposición representaría aquela que no escudo de Galicia teñen as sete cruces en torno ao cáliz: unha, destacada e as outras seis polos lados. Ás 12 horas, partindo da sacristía, comeza a cerimonio co canto procesional de entrada mentres se forma unha comitiva formada por:

  • Episcopado galego
  • Abade da Colexiata da Coruña
  • Prior de Samos
  • Cabido
  • Sacerdotes diocesanos e extradiocesanos

      Pola parte interior da Vía Sacra van os maceiros da cidade oferente cos mazos de Lugo. E pola parte exterior da Vía Sacra:

  • os maceiros de Lugo cos mazos da cidade oferente.
  • os portadores dos pendóns tamén os levan intercambiados
  • a Garda de Gala do concello de Lugo (leva unha capa branca)

      A concelebración da solemne misa pontificial é presidida pola autoridade eclesiástica da Diocese á que pertence a cidade que presenta a Ofrenda. Este  ano 2011, o arcebispo de Santiago. Este prelado será o encargado de dar a resposta ao voto pronunciado polo delegado.

Acto da Ofrenda

A Ofrenda realízase tras o credo litúrxico.

     A unha indicación do prefecto de cerimonias, achéganse:

 

  • o delegado rexio, que se axeonllará na grada inferior,
  • os capitulares eclesiásticos,
  • un neno con traxe de Primeira Comuñón (antes era un paxe) que sostén unha bandeixa cunha arqueta,
  • os alcaldes, que rodean ó delegado rexio.

A Ofrenda é unha alocución solemne de temática sociopolítica e devocional, pronunciada polo delegado oferente, en nome dos edís das sete antigas capitais.

      A estrutura do discurso é flexible, pero soe incluír os seguintes elementos:

  • Invocación ao Soberano Señor Sacramentado, prostrándose «el e toda Galicia» para o renovado cumprimento da tradición.
  • O delegado preséntase como delegado rexio e como alcalde da cidade oferente. Destácanse algúns valores da súa urbe e invoca ao ceo axuda para Galicia.
  • Presentación da cidade, toda Galicia e todos os galegos.
  • Súplicas ao Altísimo. Peticións xerais: grandes valores, expectativas. Peticións concretas: preocupacións de actualidade, de toda a sociedade galega, ou de interese máis local.
  • Soe finalizarse cun voto de carácter expresamente devocional, onde se solicita o amparo divino. Nalgún caso, o oferente roga, ao peche, por Xoán Carlos I.

     A Ofrenda é contestada o Bispo oficiante, que o é da mesma Diocese da cidade cuxo alcalde se encarga da delegación real. Trátase dunha homilía, de natureza litúrxica por suposto, e que inclúe cuestións sociais.

Bendición papal

     Terminada a concelebración, o Bispo da Diocese lucense imparte a bendición papal. Ao remate dos actos, as autoridades van á sancristía para saudar aos bispos e ao clero e facer entrega das cantidades da doazón. A continuación, os congregados saen cara ao exterior en comitiva procesional. Soan os acordes do himno do antigo Reino de Galicia.

 

Procesión

A comitiva procesional acompaña ao Santísimo Sacramento en dúas ringleiras paralelas:

  • membros do cabido e do episcopado galego, vestidos con túnicas brancas;
  • membros de asociacións relixiosas, engalanados coas súas túnicas e emblemas, e portando cirios ou estandartes distintivos (Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo, a Confraría Sacramental, a Adoración Nocturna de Galicia, a Orde dos Cabaleiros do Santo Sepulcro);
  • bispos e autoridades eclesiásticas;
  • autoridades civís e militares;
  • garda uniformada;
  • músicos;
  • público en xeral.

      As campás repenican ao longo de todo o traxecto. Hai varios tipos de ornato: a «choiva de pétalos» protagonizada voluntariamente por parte do público, bandeiras e tapices nas xanelas e balcóns. Este ano hai alfombras florais.