A CUSTODIA DE SÁENZ DE BURUAGA

As custodias en forma dun radiante sol a partir do século XVII. 1600. Non se debe esquecer a vivencial sintonía, desde o mesmo comezo do cristianismo, entre a persoa de Xesús, o Deus-Home Salvador que nos deu a verdadeira vida, o invicto sol, sen o cal non hai vida na terra.

Desde polo menos a metade do século XVII en diante, case podemos dicir que non hai unha igrexa algo importante que non teña unha custodia en forma de radiante sol para nela expor a Xesús Sacramentado en especiais liturxias eucarísticas. Entre elas non poucas son preciosas xoias dun gran valor artístico e material.

A partir da metade do século XVII, proliferan custodias esculpidas nas portas dos sagrarios. Sucede algo así como se os deseñadores desas portas tentasen facernos ver mentalmente exposto na porta ao Xesús Sacramentado oculto no sagrario.

A actual custodia en que está exposto o Señor na Capela Maior da Catedral de Lugo, foi doada en 1772 polo entón Arcebispo de Zaragoza, Juan Sáenz de Buruaga, antes xa Bispo de Lugo (1762-1768). Así está confirmado no seu pé onde aparece o escudo do doante e esta inscrición: Votum Ilmi. D. D. Joannis Saenz a Buruaga, episcop. lucens. dein archiepiscop. caesaraugni. ann. 1772

Débese precisar que esta actual custodia xa non é máis que parte daquela de Sáenz de Buruaga. Segundo consta nas Actas Capitulares (L. 35, fol. 223), o día 8 de decembro de 1854, tanto o sol radiante como o cáliz que nel se enmarca, foron roubados.

Inmediatamente tratouse de repor o roubado imitando ao orixinal. A obra "foi realizado en Madrid, nos talleres de Ramírez Arellano, valorándose entón nun millón de pesetas". (Mª Amalia Fernández)

Tres especiais elementos ten esta preciosa e riquísima custodia.

  • Un pé orixinal. O seu fuste, tamén aínda o orixinal, está composto por unha figura xa neoclásica feminina, que personifica a Fe. Aos seus pés, como sobre un montículo, tombados amontonadamente no chan, aparecen tres personaxes de rostros enrabiados e suxeitando cada un con ambas as mans unha serpe que tenta acometerlles o rostro.
  • A Fe, coa súa man dereita no alto, suxeita o cáliz posto sobre a súa cabeza. Coa esquerda sostén unha alta e fina cruz repleta de pedrería.
  • A parte renovada está composta polo cáliz, o céntrico viril en que se encaixa a Hostia Santa, como núcleo do sol ao que circunda a súa insinuante luz radial. Sobre esta simbólica luz radiante aparece unha circular coroa de nubes con rostros anxélicos asomando entre elas.
  • Ao rico engaste orixinal de esmeraldas, brillantes e pedrería, ademais dos nobilísimos metais de que está feito todo o conxunto, as constantes doazóns de moi valiosas xoias, tamén engastadas en todo o conxunto, foron enriquecendo máis e máis esta tan extraordinaria custodia.

Jaime Delgado Gómez