Xornada mundial da vida consagrada. Carta Pastoral

 Mozos consagrados, un reto para o mundo

Queridos irmáns,

O próximo 2 de febreiro, día da Presentación do Señor no Templo, celebramos de novo a Xornada mundial da Vida Consagrada, situada este ano no marco da preparación e celebración da Xornada Mundial da Xuventude en Madrid, é dicir, no horizonte da fe e da vida dos nosos mozos.

Consagración e xuventude están profundamente unidas. Na consagración salvagárdase e resplandece o tesouro propio da xuventude, descrito por Benedito XVI con estas palabras: "… non queriamos perdernos na mediocridade… Queriamos o que era grande, novo… encontrar a vida mesma na súa inmensidade e beleza… Queriamos saír fóra para entrar na abundancia das posibilidades do ser home… Este impulso de ir máis alá do habitual está en cada xeración… O home está creado para o que é grande, para o infinito. Calquera outra cousa é insuficiente. " (Mensaxe para a XXVI Xornada Mundial da Xuventude 2011)

 

A consagración significa ter conseguido dar resposta a estas esixencias elementais, ter encontrado a forma en que a vida é máis verdadeira e é posible renovar o mundo. É ter deixado atrás as dúbidas e incertezas, e ter vencido o relativismo, que conduce só á inestabilidade e ao sometemento ás modas do momento. Significa ter recoñecido cal é o camiño da verdade e da vida, e terse adherido a el con toda a alma, porque é unha Persoa digna de todo amor, Xesucristo.

Sen Xesús, o que non foi vencido por todo o pecado, a mentira e a violencia do mundo, o que mantivo o si do seu corazón ao Pai e aos irmáns, e deu testemuño da verdade e do destino do universo contra a oposición dos poderes do mundo; sen o esplendor definitivo da súa humanidade, certificado na gloria da súa resurrección, parecerían cousa pasaxeira e soños irreais os anhelos da xuventude, non teriamos camiño cara Deus.

 

Da súa luz e a súa presenza, que renova a vida, dá testemuño toda vida consagrada, para que a nosa sociedade conserve o impulso, a xenerosidade e a alegría da xuventude, non se avellente falta de horizonte e de esperanza, falta de corazóns nos que as súas conviccións profundas –na que a súa fe- sexan firmes e conduzan ao amor.

O testemuño da vida consagrada é invitación á xuventude da alma, é anuncio de que esta pode alcanzar o que desexa, o que a manterá sempre nova: o coñecemento de Deus, a fonte da vida, que ilumina a súa dignidade, o seu camiño e o seu destino.

 

Cada vida consagrada testemuña que en Xesús "encontrou a forza para vencer a propia debilidade e superar toda adversidade" (Ib.) e unha nova capacidade de amar, xa neste mundo. Os consagrados son de moitas maneiras "artífices de paz, promotores de xustiza, animadores dun mundo máis humano, un mundo segundo Deus" (Ib.).

Así a vida consagrada fai manifesto a todos que Xesucristo é o ben máis precioso, que rexuvenece perpetuamente a vida de cada un e que estamos chamados a compartir cos demais.

Que a Virxe María, que asentiu en liberdade total e plena a Deus, e que xa dende a Presentación no Templo soubo ofrecer sen reservas ao seu fillo Xesús aos homes, sexa sempre modelo e amparo de todo corazón consagrado ao Señor.

E todos nós tamén, na nosa Catedral (ás 20 h.) e nas nosas parroquias, pidamos nesta Xornada con especial insistencia a Deus, Pai todopoderoso, polos nosos irmáns e irmás consagradas, pola súa misión no medio do mundo e da sociedade. Pidamos que El nos conserve sempre o testemuño da súa vida entregada no medio das nosas comunidades e da nosa Diocese.

Lugo, 21 de xaneiro de 2011

+ Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo