Unha Ofrenda na Caridade. En honor de Xesús Sacramentado

UNHA OFRENDA NA CARIDADE

En honor de Xesús Sacramentado, no Altar Maior da S.I.C. Basílica de Lugoe na persoa dos seus irmáns necesitados

    Queridos irmáns,

   por graza de Deus puidemos levar a cabo importantes traballos de restauración na nosa Catedral Basílica, na fachada principal, a cuberta do cruceiro e no conxunto da nosa Capela Maior, que, coa beleza que nos legaron os nosos pais, serve de marco solemne e festivo ao incomparable tesouro da Exposición do Santísimo Sacramento. Este privilexio secular da nosa Catedral deu á cidade e á Diocese o título honroso "do Sacramento" e, como antiquísima tradición, determinou os símbolos que representan a Galicia toda.

 É de xustiza dar as grazas de corazón a todos os que fixeron posible esta magna obra. Tivo o seu inicio no convenio asinado polo Ministerio de Fomento, dentro do capítulo do 1% cultural. Puido ser levada a cabo grazas á colaboración decidida de moitas persoas, en primeiro lugar do Cabido Catedral, cuxos membros seguiron a obra con dedicación e saber exemplar, e, a través da constitución dunha Fundación e dunha "Asociación de Amigos", conseguiron tamén importantes colaboracións financeiras. O apoio decisivo para culminar este esforzo foi, non obstante, o da Diocese mesma, polo camiño da comunicación de bens en que se expresa cotiamente o noso ser comuñón na Igrexa. Neste horizonte, non cabe esquecer que este financiamento diocesano é tamén expresión da solidariedade, da comuñón de todas as Igrexas particulares de España, de cuxa comunicación de bens gozamos moi directamente a través do "Fondo común interdiocesano".

 Con ocasión da renovación do culto eucarístico propio da nosa Capela Maior, tras os traballos de restauración, toda a Diocese a través dos seus arciprestados, quixo facer unha "Ofrenda ao Santísimo Sacramento" na persoa dos seus irmáns máis necesitados. Foi entregada polos señores arciprestes na colecta da Santa Misa do pasado 7 de xuño, coincidindo co traslado solemne do Santo Sacramento de novo ao noso Altar Maior. 

 Manifestamos con este xesto a verdade profunda da nosa conciencia crente, que non pode separar a comuñón con Cristo e cos irmáns, o amor a Deus e ao próximo, e tanto menos cando considera no misterio eucarístico a entrega plena do Señor por nós e por todos os homes.

 Como di o lema do Día Nacional da Caridade deste ano 2012, "os mellores regalos fanse coas mans". E isto puidémolo ver na restauración da nosa Catedral Basílica, na que tamén "obras son amores", neste caso ao noso Señor Xesucristo presente de modo tan singular entre nós, no corazón da cidade e da Diocese.

 Pero o Señor, cuxa presenza eucarística adoramos, encóntrase tamén no próximo, en cada persoa que sofre necesidade. Igualmente aquí, "obras son amores e non boas razóns"; obras que sexan expresión da caridade, que sabe recoñecer no pobre e o necesitado ao irmán, no que respecta a mesma dignidade e o mesmo destino, por máis que as circunstancias da vida sexan outras.

 Por iso, nada máis axeitado que unir a restauración do culto á Eucaristía coa ofrenda ao Señor Xesús nos seus irmáns máis pequenos. Ambas as dúas son unha única ofrenda, pois non se separa realmente o amor de Deus e o amor ao próximo, o Señor Xesús e os membros do seu Corpo.

 Apelar así á caridade non significa reducirse a afrontar unha pequena parte dos problemas reais, quedar á marxe das urxencias que habitan a nosa sociedade, en tan profunda crise. Sería unha errónea concepción da caridade, que é, en realidade, o principio de acción adecuado a cada home en todos os aspectos da súa existencia no mundo, e non simplemente un complemento de benevolencia para o caso dos que van quedando marxinados da marcha da sociedade.

 Noutros termos, non conseguimos realizar a xustiza e a solidariedade en modo estable na nosa sociedade, cando non temos como punto de partida a caridade. Pois a realización práctica da xustiza, de modo que determine realmente as formas da convivencia, non pode conseguirse pola forza, pola imposición; senón que esixe unha conciencia educada a amar a verdade, xunto coa fortaleza para non a traizoar por razóns de conveniencia.

 En efecto, contra o que poida dicirse dende un estendido relativismo moral, todos levamos no corazón unha percepción e un desexo inicial de xustiza; pero igualmente común a todos é a urxencia por defender o propio interese e moitas veces a propia vantaxe, tamén a costa de non recoñecer e dar a cada un o seu. Deixar o establecemento dunha sociedade xusta á contraposición das forzas e intereses de cada un e de todos, regulada polos pactos e os acordos legais, non poderá ter éxito; pois, significa poñer á base da convivencia precisamente aquela lóxica pola que o forte na sociedade sempre se impoñerá sobre o débil.

 Unha concepción en que cada un é un individuo soberano, atento só aos propios intereses e en competencia cos demais, afogará necesariamente o sentido da xustiza que é propio de todos, chegando a excluíla do ámbito xurídico e mesmo a negar a súa existencia; impediralle, polo tanto, o seu desenvolvemento social, substituíndoo por equilibrios de forzas, aínda que estes collan logo forma de pactos e leis. E non obstante esta concepción, na que, ao final, "o home é un lobo para o home" -homo homini lupus-, en boa medida foi acollida na nosa sociedade como camiño de progreso e de modernidade. Non é tal en modo ningún. Significa simplemente canonizar a situación dun home que, despois de ceder ao mal, se encontra sen esperanza e sen Deus no mundo (Ef 2,12), encérrase en si mesmo, concíbese e está só.

 Pero o home non pode ser considerado tan negativa e tristemente. Existe a posibilidade de vencer o mal e ao pecado, existe a posibilidade de non ter á soidade e á morte como único horizonte -o que quita importancia a calquera xesto moral pois por que habería que coidar os propios pasos, o propio camiñar humano, se non existe en realidade meta ningunha, máis alá de desaparecer?

 Existe no medio do mundo a posibilidade da caridade, da fe e a esperanza no corazón; de encontrar razóns para amar a vida de cada día e coidar o significado humano dos pasos que imos dando. Existe realmente esta posibilidade, máis alá de discusións teóricas de calquera especie. E faina palpable a caridade real cada día, que é particularmente visible en Cáritas. Á súa luz pode recuperarse e florecer o sentido da xustiza, intrínseco ao ser home de cada un. E, cando isto é o caso de todo un pobo, a solidariedade e a xustiza poden encontrar formas estables, que determinen a vida común, económica e política.

 Poderá vencerse entón o egoísmo, para o cal os intereses particulares pasan por enriba do ben común, polo que a mentira é aceptada como un instrumento de acción tan válido como a verdade; o egoísmo, que considera ilusorio e nega o máis nobre do compromiso na vida pública, a responsabilidade polos demais, desprestixiando socialmente a acción política, e para o cal calquera armazón legal ofrecerá sempre mil ocasións de aproveitamento propio -ou partidista-, aínda a costa de que se estenda a corrupción na convivencia de todos.

 Pois, como nos ensina Benedito XVI no seu Caritas in Veritate, "a caridade na verdade, da que Xesucristo se fixo testemuña…, é a principal forza impulsora do auténtico desenvolvemento de cada persoa e de toda a humanidade. O amor -caritas- é unha forza extraordinaria, que move as persoas a comprometerse con valentía e xenerosidade no campo da xustiza e da paz" (n.º 1).

 A caridade significa, polo tanto, a vitoria da xustiza na historia, en formas plenamente humanas, é dicir pacientes, mesturadas quizais de incoherencia, pero firmes e pacíficas, como as de quen camiña tranquilo, sabendo con certeza onde vai.

 Na caridade evitaremos o individualismo radical e o egoísmo na edificación da existencia. En primeiro lugar nas relacións máis persoais, na forma de construír o matrimonio e a familia, na apertura á vida, aos fillos, aos enfermos e aos anciáns. Amar a vida será tarefa quizais ardua, pero tamén posibilidade e recompensa imprescindible para cada un. E poderase comezar a responder a unha das raíces máis significativas da crise da nosa sociedade, a crise demográfica, que afecta especialmente ás nosas casas e pobos na diocese de Lugo.

 Sen este fortalecemento do sentido da xustiza e da solidariedade, xunto coa capacidade de sacrificio, que veñen da caridade, será igualmente ben difícil deixar atrás o perigoso terreo en que se internaron a nosa vida pública e a nosa economía. Tanto no ámbito político, como no especificamente económico, é imprescindible poder librarse da mentira e do establecemento do egoísmo como único criterio de acción, que declara o correcto -que xa non "o bo" – aquilo que sirva ao interese dominante, sen ter en conta os bens e dereitos fundamentais das persoas e as sociedades. O diñeiro e o poder, como tales, non poden ser a última razón e a xustificación de toda acción; non poden ser "divinizados", sen que iso destrúa os homes e os pobos, como amosa tamén a actual crise económica.

 É importante recordar, pois, ante a magnitude do reto, que é posible vivir doutro xeito, comprendendo ao home e á sociedade de modo máis acorde á súa dignidade, facendo experiencia de caridade e de xustiza, conservando o sentido da esperanza e da solidariedade.

 Esta positividade, representada por Cáritas, é ofrecida en realidade pola presenza de todo un pobo que vive segundo esta fe, con estas certezas, con este alento no corazón, a pesar de todos os tropezos da historia de cada un. A Igrexa, comunidade estendida capilarmente na nosa terra, é este pobo, que camiña movido por este Espírito, recibido do Señor. Por iso, podería dicirse que a Igrexa é ela mesma o signo e o instrumento maior desta caridade, que se expresa non só en palabras, senón nas obras de toda unha vida: no modo de construír a propia casa, de educar os fillos e tratar os amigos, de estar ao lado do pobre e do necesitado, e tamén de ser responsable ante o propio traballo e a sociedade.

 A presenza entre nós desta "caridade", que humaniza o home, provén do noso Señor Xesucristo, que a enraizou para sempre no medio da historia, vivíndoa ata a entrega de si, vencendo todas as formas en que é rexeitada e negada no mundo -todo mal-, e comunicándoa aos seus discípulos para sempre.

 A exposición do Santísimo na nosa Catedral é a nosa declaración pública, aquí en Lugo, desta fe no Deus que é Amor, que nos fixo á súa imaxe e semellanza, non masa de individuos sós e inimigos entre si, senón persoas libres, esencialmente relacionadas, cargadas de esperanza e chamadas a vivir en comuñón. É a nosa declaración de que esta humanidade verdadeira, realizada unha vez para sempre polo noso Señor Xesucristo, non deixará xa de estar presente como pobo seu no medio do mundo. E de que a comunidade eclesial, tamén aquí na nosa terra, na diocese de Lugo, aínda que "moitas veces pareza un pequeno rabaño, non obstante, é un xerme moi seguro de unidade, de esperanza e de salvación para todo o xénero humano" (LG 9).

 Pidamos á Virxe María, a cuxos ollos misericordiosos nos encomendamos xeración tras xeración, que nos axude a seguir contemplando con fe ao seu Fillo, a Xesús Sacramentado, de modo que a caridade verdadeira dea forma ao noso comportamento, a todas as nosas accións, e nos faga atentos ao sufrimento e as necesidades dos demais. E pidámoslle que nos ampare como Igrexa, aquí en Lugo, para que sexamos verdadeiramente aquela "comuñón de vida, de amor e de unidade" que o Señor envía "a todo o universo como luz do mundo e sal da terra" (LG 9).

Lugo, 18 de xuño de 2012

 + Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo