Corpus 2009 (Galego)

 

Benqueridos irmáns,

O próximo domingo, día 14 de Xuño, a Igrexa proponnos volver de novo a nosa mirada ao grande misterio do Pan Eucarístico, para que, adorando a presenza real de Xesucristo neste Santísimo Sacramento, teñamos certeza plena de que Deus é Caridade.

Celebrar o Corpus Christi reaviva en nós a lembranza do día en que nos enxertamos en Cristo polo Bautismo, como nos di S. Paulo: “pois se fomos participes na semellanza da súa morte, tamén o seremos na súa resurrección” (Rm 6,5). Dende entón participamos todos dun mesmo pan e dun mesmo cáliz na celebración da Eucaristía, e compartimos unha mesma vida nova que nos ven do Señor.

Paulo insiste en describir esta novidade de vida coma unha unidade profunda que xorde entre aqueles que se incorporan a Cristo: “Todos vós sodes fillos de Deus pola fe en Cristo Xesús; pois todos os que vos bautizastes en Cristo, revestistesvos de Cristo. Xa non hai xudeo ou grego, escravo ou libre, home ou muller, pois todos vós sodes un en Cristo Xesús” (Ga 3,26-28); “porque nun só Espírito a todos nos bautizaron, para ser un só corpo” (1Co 12,13).

Esta unidade, vivida no amor, está chamada a ser principio e anuncio dunha sociedade aberta á fraternidade con todos, pois todos son chamados por Xesucristo a unha vida nova de fillos e irmáns. Tamén nós hoxe debemos gardar a unidade co vínculo da paz (Ef 4,3), formando unha comunidade fraterna na que a comuñón cristiá de bens sexa unha realidade cada día máis visible no medio da sociedade.

Neste sentido podemos comprender o lema escollido este ano por Cáritas para o día de Corpus: “Se non queres formar parte dunha sociedade limitada, facilita a participación de todos”, que ven a ser unha chamada á acollida e ó recoñecemento xeneroso do noso proximo, á defensa da vida de todos, xa dende o seo da sua nai, e á colaboración de cada un para eliminar a marxinación e a exclusión social.

Para todos nós é especialmente preocupante este ano a situación dos parados, moitos deles irmáns nosos e membros do mesmo Corpo de Cristo. Son bastantes mais que fai un ano e o futuro seguese presentando escuro, tanto no campo coma na cidade. Por iso, xunto coa oración ao Señor Sacramentado, estamos chamados con máis urxencia a vivir a comunicación cristiá de bens, á que serve en especial a colecta de Cáritas deste día. Hoxe é importante ademais que saibamos compartir o traballo, e apoiar e promover actividades e iniciativas económicas que xeren traballo entre nós.

A nosa presenza fraterna debe servir para facer posible unha vida social máis xusta e máis libre, máis respetuosa da dignidade e dos dereitos fundamentais de toda persoa, que promova a solidariedade e a igualdade real entre tódolos fillos de Deus. Porque nunca debemos esquecer que unha sociedade con valores é unha sociedade con futuro, como nos lembra tamén o Cartel do día Nacional da Caridade deste ano.

A grande festa do Corpus Christi é día especial de Caridade, da súa celebración pública nas nosas rúas e da súa manifestación concreta con tódolos irmáns, e en primeiro lugar con aqueles máis necesitados, no corpo e na alma. A Igrexa na súa sabedoría non quere que separemos a nosa fe na Eucaristía dun amor efectivo polo noso proximo, seguindo o claro ensino de Xesús: o que fixestes a un destes meus irmáns mais pequenos, fixéstesmo a min (Mt. 25,40).

Unir a adoración do Corpo de Cristo coa acollida e a axuda ao noso irmán, presenza do Señor para nós, é polo tanto dar o mellor testemuño da nosa fe.

Que a participación nesta grande festa do Santísimo Sacramento, corazón dende sempre da nosa cidade e da nosa Diocese, fortaleza en todos a alegria na fe, a constancia na esperanza, e o alento dunha caridade que non pasa xamais.

 

 

 

 

+ Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo