Carta en ocasión do Ano Xubilar Paulino


Queridas irmás e irmáns,

 

A Igrexa universal celebra desde o pasado 29 de xuño o ano xubilar proclamado polo noso Papa Benedicto XVI con ocasión dos 2000 anos do nacemento de S. Paulo. É un ano de especial abundancia de graza e de perdón, no que todos estamos invitados a recibir os dons da indulxencia plenaria, cumprindo as condicións tradicionais, recordadas no decreto da Penitenciaría apostólica.

Para todos nós, na diocese de Lugo, é unha oportunidade singular de experimentar de novo a nosa pertenza ó inmenso pobo de Deus, que pastorea San Pedro cos seus sucesores e que evanxelizou, con sabedoria inspirada, S. Paulo. Celebrando este ano xubilar encontrámonos de novo en unidade con tódolos cristiáns, máis alá de fronteiras xeográficas, políticas, culturais e inclusive temporais; nunha unidade fundamentada no amor do noso Señor Xesucristo, na súa victoria na Cruz e a Resurrección, polo que somos un só corpo e un só espírito.

A indulxencia do ano xubilar pon ante os nosos ollos especialmente o sacrificio e o perdón que fan posible a nosa reconciliación e a nosa comuñón con Deus e cos irmáns. A paz e a unidade da Igrexa, a vida nova dos cristiáns, teñen o seu fundamento no perdón e na misericordia adquiridas para todos nós definitivamente por Cristo no sacrificio da Cruz.

A indulxencia xubilar é un don, é unha participación nos tesouros do amor e da graza que habitan en plenitude na humanidade do noso Señor Xesucristo, que a entrega misericordiosa do seu Corpo e do seu Sangue mereceu ante o Pai. Tesouro do que gozan e no que teñen a graza de colaborar, co seu propio amor, sacrificio e entrega, tódolos que viviron a verdadeira unidade co Señor, en primeiro lugar, a súa Nai, a santísima Virxe María, e logo os apóstolos, con tódolos santos.

Nós temos hoxe ante os nosos ollos especialmente a S. Paulo, espello nítido da misericordia de Deus que o chamou liberándoo da obstinación do pecado, e lle deu unha misión e unha fecundidade apostólica incalculable para o ben de toda a Igrexa. El anúncianos con singular elocuencia o misterio da reconciliación que Deus estaba realizando en Cristo para todos nós.

Estamos, pois, invitados de novo a crer na misericordia divina, na obra de redención e de comuñón realizada por Xesucristo no medio do mundo. Co ano xubilar o Señor aproxímase á nosa vida, aquí e agora, e fai presente a súa oferta de indulxencia e de perdón, pedíndonos que aceptemos entrar en comuñón con El, participar dos seus méritos e dos seus bens, renovar a nosa vida.

Acollamos a graza do ano xubilar. Poñámonos en camiño cara as igrexas nas que se dispensa, expresando así a nosa pertenza ó Pobo do Señor. Acudamos ós sacramentos da reconciliación e da Eucaristía, presentémonos ante o noso Deus persoalmente, coas nosas oracións, segundo as intencións do Papa, polo ben da Igrexa e tamén o noso e o do mundo.

Poderemos apreciar así, de novo, a beleza de ser Igrexa, de ser un só corazón e unha soa alma, de non estar sós e sen esperanza no mundo, senón confiados no Señor e na gran compañía dos seus discípulos, que está tecida de verdade, vida e caridade, e na que se encontra Santa María, S. Paulo e tódolos apóstolos, os nosos santos, e tódolos nosos familiares e benfeitores que viviron en amizade co Señor.

A esta paz e unidade verdadeiras, con Deus e cos irmáns, está destinado todo o universo. O único camiño que leva a esta meta é o aberto pola obra da reconciliación realizada por Cristo Xesús, que S. Paulo anunciou e anuncia aínda constantemente nas súas cartas, e na que podemos participar polo don do Espírito, en especial  agora polo das indulxencias.

Todo ven da graza do noso Señor Xesucristo, do amor do Pai e da comuñón do Espírito Santo. Pidamos a intercesión de Santa María, a Virxe dos Ollos Grandes, e de S. Paulo, para que a Santísima Trinidade nos garde na unidade da fe e da comuñón, feita posible e vivificada sempre pola súa misericordia.

 

 

+ Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo