Ante a LII Campaña de Mans Unidas (+ Alfonso Carrasco Rouco)

   Co slogan O seu mañá é hoxe, Mans Unidas celebra unha nova campaña, para a que escolleu como obxectivo a redución da mortalidade infantil.

   Ante todo, debemos alegrarnos pola perseveranza desta organización, dos seus membros e colaboradores, que nos propoñen, un ano máis -e serán xa cincuenta e dous-, ofrecer unha axuda real aos nosos irmáns que sofren as consecuencias da miseria e da fame, síntese das inxustizas do mundo.

    A bondade das súas iniciativas recibiu recentemente un recoñecemento público extraordinario co Premio Príncipe de Asturias. Pero nós recoñecémola cada ano, porque percibimos como ilumina as nosas conciencias e nos leva a poñer en práctica as esixencias da caridade. Cada campaña axúdanos así no que constitúe o noso tesouro máis persoal, porque que sería das nosas vidas sen unha conciencia esperta para a verdade e as necesidades dos demais, e sen o alento do amor sostendo o noso corazón?

   Non fagamos obxección da crise social e económica que vivimos, porque esta non debe poñer en cuestión a caridade. Ao contrario, nas orixes dos nosos problemas está sen dúbida o egoísmo en moi diversas formas, tales como a avaricia, elevada ademais a criterio de acción e de vida, o desprezo dos demais, expresados na mentira e a insolidariedade, ou o individualismo radical, que nega o valor mesmo das relacións máis íntimas e familiares. A crise ha de levarnos a cuestionar, máis ben, o egoísmo, que destrúe a responsabilidade e a confianza, as posibilidades da construción económica e social. As circunstancias que vivimos fan máis necesario para todos, se cabe, que vivamos en caridade.

    A campaña sobre mortalidade infantil alértanos de novo sobre graves problemas de xustiza e de incumprimento de dereitos fundamentais que se dan no noso mundo; e invítanos hoxe a un xesto de participación persoal, cada un na medida das súas posibilidades, para facer posible o mañá de moitos nenos. Poñeremos así en práctica a caridade, expresando en particular a súa profunda dimensión de solidariedade e de gratuidade, que ha de ser exercitada concretamente para non quedar só en palabras, o que a faría irrelevante tamén para a nosa propia vida.

   As urxencias implicadas na mortalidade infantil, que levan consigo a necesidade de múltiples atencións ás nais, poden resoar ademais de modo particularmente forte nas nosas conciencias. Por un lado, porque os máis débiles interpelan máis directamente o noso corazón. E por outro porque todos na nosa sociedade necesitamos crecer tamén no aprecio e a valoración da vida dos nenos -rexeitados tan masivamente a través dos diferentes medios e ata políticas abortivas-, así como no respecto e coidado das necesidades das nais, aínda cando se formulen de modo moi diferente entre nós.

   Grazas, pois, de novo a Mans Unidas pola súa LII campaña, por todo o seu traballo e polos esforzos de todos os que colaboran nela. O Señor pagarállelo. Como sabemos igualmente que bendice as mans do que dá con alegría e o corazón que non se pecha ao seu irmán. Xa que con todo xesto de caridade o imitamos e o seguimos a El, que por librarnos da morte se entregou a si mesmo e do seu amor esperamos todo.

 

Lugo, 17 de xaneiro de 2011

+ Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo