Homilia no día do Ofrenda a Xesús Sacramentado 2012

Homilía en resposta á Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento – Lugo junio de 2012

 

Excelentísimo Sr. Oferente,

Queridos irmáns no Episcopado,

Emmo. Card. Arcebispo de Madrid,

Presidente da CEE

Ilustrísimo Cabido Catedral

Queridos irmáns sacerdotes e membros de institutos de vida consagrada

Excmas. e Ilmas. Autoridades,

Queridas irmás e irmáns no Señor,  

 Dende os inicios mesmos da fe cristiá, percibiron os crentes o esplendor da presenza daquel que viñera ao mundo nacendo do seo da Virxe María, concibido por obra do Espírito Santo. Amárona e defendérona contra as obxeccións e as especulacións de poderosos e intelectuais que, aínda que cristiáns, pensaban segundo a sabedoría do mundo da súa época, sometían a fe ao que lles parecían esixencias irrenunciables da gran filosofía grega.

 Pero a fe sinxela soubo sempre salvagardar, xa dende aquela gran crise arriana, o máis esencial: en Xesús é Deus mesmo, é o Fillo de Deus quen nos amou, quen se fixo o noso igual e deu a súa vida na cruz para salvarnos. Máis tarde, en contexto diverso, propoñerá San Agustín esta mesma intelixencia da fe, advertindo: este é o horrible e oculto veleno do voso erro, que pretendedes facer consistir a graza de Cristo no seu exemplo, e non no don da súa Persoa[1].

 A encarnación do Fillo, o don da súa Persoa é a perla preciosa, a sabedoría escondida dende o principio dos séculos en Deus[2] e revelada agora para a nosa gloria. En Xesús están encerrados todos os tesouros[3]: a gratuidade, o amor, o sacrificio, a comuñón, as arras da vida eterna. Coa súa Presenza véñennos todos os dons; pois Aquel que non reservou o seu propio Fillo, senón que o entregou por todos nós, como non nos dará todo con él?[4].

 Esta fe esencial, revelada polo Pai aos pequenos e escondida aos sabios e entendidos[5], permanecerá sempre na historia. E será sempre defendida polos fieis. Isto é verdade de forma particular en Lugo, onde, dende que conservamos memoria, o ímpeto do corazón busca defender quen é Xesús e o misterio inmenso do don da súa Persoa, que El fixo explícito e perenne na Última Cea. A nosa Catedral Basílica, por providencia divina, é como un monumento a esta fe sinxela, que só sabe abandonarse e que só quere adorar ao Deus que é o "Amor dos Amores", a Xesús Sacramentado.

 A presenza do Señor, que está connosco todos os días e que contemplamos no Santísimo Sacramento, ilumina toda a nosa humanidade, renovándonos cun alento de verdade e de amor. Ante El, o mellor de nós mesmos florece: o afecto polos nosos seres queridos, a certeza do destino bo da propia vida e o amor aos irmáns. Tamén o sentido da xustiza, o respecto ante a dignidade e os bens fundamentais dos demais, sálvanse e fortalecense así; pois as tentacións do egoísmo, da deshonestidade e a indiferenza, quedan vencidas unha e outra vez cando se está preto de Cristo na Eucaristía.Nestes días, en que a proximidade e a atención ao que sofre e ao necesitado é unha urxencia evidente na nosa sociedade, necesitamos de novo algo máis que un exemplo ou que un simple ensino sobre os nosos deberes. Necesitamos a presenza amiga de Aquel que, entregándose por nós, nos testemuñou o amor máis grande, espertando o noso ser a unha fe e a unha esperanza viva en Deus. Necesitamos renovar cada día a nosa mente, os nosos anhelos de verdade e de xustiza, permanecendo en comuñón con Xesús, que quixo asumir a nosa natureza humana, para liberarnos do mal. Brotará así sempre de novo o milagre da verdadeira comuñón dos irmáns, na que cada un encontre unha man fraterna nas seus necesidades[6].

 O esplendor da presenza de Cristo brilla sobre o rostro dos crentes: Todos nós, coa cara descuberta, reflectimos a gloria do Señor e ímonos transformando na súa imaxe con resplandor crecente[7]. É unha luz de fe e de esperanza, un manancial inesgotable de gratuidade, de capacidade de sacrificio, de amor aos demais, de caridade que non pasa nunca[8]. Na súa Presenza, somos, en verdade e para sempre.Por iso, a nosa fe ve na humildade escondida do sacramento da Eucaristía a sabedoría e o amor máis grande, o ben máis sagrado, o corazón mesmo do mundo. É certamente unha Presenza escondida, pero aberta a quen saiba valorar este Amor máis que todas as riquezas do universo, e descubrir ao mesmo tempo con estupor que tamén a nosa persoa vale para El máis que todas as riquezas e merece todos os sacrificios.

 A fe verdadeira, que percibe o esplendor profundo desta Presenza imprescindible, buscou sempre expresar o propio amor no modo de acoller e adorar este misterio. Dende os inicios da súa historia, Lugo e Galicia fixérono na Capela maior desta Catedral. Coa Ofrenda destinada a manter perpetuamente viva neste altar a luz das velas, facemos un xesto pequeno de recoñecemento e de acción de grazas a Xesús Sacramentado, a quen só se pode responder axeitadamente co amor e a entrega de todo o corazón.

 Admirando a beleza restaurada desta Capela maior, dedicada polos nosos pais ao enaltecemento da divina Eucaristía, recordamos que a nosa arte, nos seus mellores logros e nos seus materiais máis valiosos, non pode realmente expresar a gloria que latexa no Sacramento. Pero non podemos deixar de manifestar o afecto profundo da nosa fe, aínda que os nosos medios non se adecúen á grandeza do seu don e da súa Persoa. Correspóndense, en cambio, coa nosa pequenez, co noso modo de ser e a nosa sensibilidade.

 Así pois, co máis belo da nosa arte, con toda a alma, damos grazas ao Deus feito home; e procuramos facer visible aos nosos propios ollos o esplendor da súa Presenza, para gardar memoria viva de El, de Xesús o noso Señor, de modo que a luz da súa gloria permaneza e brille sempre nos nosos corazóns.

 De todo iso é un eco vivo a tradición da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, que atravesa os séculos.Que esta Catedral e a cidade de Lugo, que toda Galicia poida conservar para sempre, por providencia divina, o privilexio inmenso de enraizar a súa identidade e a súa historia no Misterio da fe, escondido dende antes dos séculos e revelado polo Pai aos sinxelos.

 Que o noso futuro se constrúa así sobre rocha, sen medo aos ventos e as tempestades da nosa época, e rico de caridade verdadeira, pola que abunde a xustiza e a paz nas nosas cidades e para o noso pobo.Pedimos hoxe aquí a Xesús Sacramentado a graza desta fidelidade e firmeza do corazón -expresada no noso lema: hic hoc mysterium fidei firmiter profitemur- e a de Súa proximidade e protección constante, para Vd. Sr. Oferente e a súa familia, para Lugo, para as cidades e pobos do Antigo Reino de Galicia, e para cada un de nós. Que tamén nestes tempos difíciles poidamos gozar todos da certeza e da alegría da Súa presenza real, do tesouro da súa amizade e da súa graza, por intercesión da súa Nai e a nosa Nai, a Santísima Virxe María dos Ollos Grandes.

Lugo, a 17 de xuño de 2012

+ Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo


[1] Cf. S. Agustín, Contra Iulianum. Opus imperfectum
[2] Cf. Ef 3,9; Col 1,26
[3] Cf. Col 2,3
[4] Rm 8, 32
[5] Cf. Lc 10,21
[6] Cf. Hch 2,44-45; 3,34-35
[7] 2Co 3,18
[8] 1Co 13,8