Homilía no día da apertura da Puerta da Misericordia na Catedral de Lugo

 

Inauguramos hoxe, na nosa Catedral, o “Xubileo extraordinario da Misericordia”, xunto co noso Papa Francisco e toda a Igrexa universal.

A ocasión deste Xubileo é a celebración do 50º aniversario de clausura do Concilio Vaticano II, cuxa intención central foi o encontro e o diálogo da Igrexa co home e o mundo de hoxe, nunha linguaxe e unhas formas adecuadas á nosa cultura. O contido e as formas foron resumidas polo noso Papa nunha palabra: Misericordia; e, convocando este Xubileo, insistiu na necesidade de que toda a Igrexa descubra de novo que a misericordia é o corazón da fe e o camiño para seguir.

Certamente é fácil que nos limitemos a considerar a misericordia como algo bo, aínda que sentimental, como unha dimensión engadida ou secundaria nas loitas e tarefas da nosa vida cotiá. Todo nos conduce a iso no noso mundo, que parece rexerse pola lei do máis forte e proponnos constantemente estes exemplos como imaxe da felicidade.

E, con todo, a vivencia da misericordia está no centro de toda existencia cristiá. Aínda que a historia persoal ten sempre acentos propios e diversos, a fe de cada un xorde ao recoñecer con asombro e agradecemento, que no corazón da nosa experiencia hai un xesto de bondade inmensa, hai un amor inmerecido que quixo vir ao noso encontro coa promesa dunha fidelidade para sempre.

En realidade, isto é o único que corresponde ás esixencias máis fondas de cada un: unha amizade, un amor, que non depende de circunstancias, que permanece máis aló da pobreza ou da riqueza; que non sexa derrotado pola morte e poida iluminar o camiño da vida.

A fe sabe que este amor entrou na nosa historia, como un encontro feliz un día; como unha compañía constante, capaz de perdoar, de soster toda a existencia. É algo que se fai moi visible nestas festas do Nadal: canto amou Deus ao mundo, a cada un de nós! Canta tenrura en querer nacer de María, en Belén, facendo súas nosas pobrezas!

Desaparece entón a escuridade interior, do non saber para que vivir, para que sufrir ou sacrificarse. Desaparece o medo, porque o amor do Señor é fiel e toma como cousa propia a nosa historia. El compadecese das nosas miserias e, en primeiro lugar, da nosa infidelidade, da ambigüidade e falsidade do corazón, do pecado cometido; sabe perdoar.

Esta é a verdade máis grande, testemuñada por Xesús o Señor, e contemplada aquí nesta Catedral no “misterio” da Eucaristía: como quen ama, quixo quedar connosco, chegando ata a cruz e a resurrección, para asegurar a nosa vida, a nosa vitoria sobre o mal, a inxustiza e a morte.

Desta vitoria sobre as nosas miserias e a nosa infidelidade é mostra, en primeiro lugar, a nosa fe no Amor misericordioso de Deus.

Sabemos xa que esta misericordia é o primeiro. Non venceremos na vida por ser máis fortes ou máis astutos, máis ricos ou con menos escrúpulos; tal camiño será sempre o da nosa derrota, porque quedamos encerrados e servos dos poderes deste mundo, para os cales a nosa persoa como tal non pode contar nada.

Venceremos porque somos amados polo Señor da vida, que é fiel e cumprirá as súas promesas. Non renegar desta verdade profunda da nosa vida, do Amor que quixo compartir as nosas miserias e as nosas esperanzas, é o primeiro xesto moral que define á nosa persoa.

Seremos entón libres, porque ninguén pode arrebatarnos ao que é a paz do noso corazón. E teremos por criterio de xuízo: amar como El nos amou.

Saberemos que a toda persoa haberá de facérselle xustiza, que ningunha está esquecida sobre a superficie da terra, e que ningunha debe ser deixada soa coas súas pobrezas e as súas miserias. Apreciaremos como o máis belo o amor fraterno, a fraternidade vivida, na que os uns levan os pesos dos outros.

Rexeitaremos que poida construírse a vida ou un mundo mellor co desprezo das persoas, dos seus bens e dereitos fundamentais, explotando as súas pobrezas, usando de inxustiza, na teoría de que o fin xustifica aos medios, de que só importa o éxito e o poder.

Saberemos acompañar ao outro no seu traballo, sostelo nas súas dificultades, consolalo nas súas tristezas, aliviando e levantándoo da miseria, tamén con sacrificios que non se miden polo propio egoísmo.

Gardemos vivo o íntimo do noso corazón. Non esquezamos a misericordia do Señor, que, por El, o Amor enraizouse no noso mundo para sempre e salvarao.

Esta é a Porta da vida, feita nesta terra de reconciliación e perdón, de cambio e renovación, como don daquel que nos ama. Procuremos pasar por esta Porta, non o deamos por descontado. Busquemos este perdón e esta renovación de vida, confesando os nosos pecados, abrindo a nosa existencia á misericordia. O noso corazón iluminarase cunha esperanza nova, descubrirase capaz de obras boas, cheas de amor verdadeiro.

E pidámosle que volva a nós os seus ollos misericordiosos á Santísima Virxe María, á Virxe dos Ollos Grandes, a quen tantas xeracións rezaron aquí a Salve, para que, como ela, saibamos gardar sempre memoria viva da Misericordia do seu Fillo, grazas á cal se renova tamén en nós aquel amor paciente que non desespera nunca da salvación do mundo, e polo que o Fillo de Deus baixou do ceo á nosa terra humilde.