Homilías Semana Santa 2008 (Galego)

Xoves Santo de 2008

             Queridos irmáns, celebramos hoxe o Xoves Santo. Neste día, o noso Señor Xesucristo mostrou todo o seu amor aos homes realizando o que quería seu Pai eterno e lle indicaba o Espirito Santo. Fíxoo dun modo singular e único, sen precedente na historia, como os Evanxeos acaban de narrarnos salvagardando todo o esencial dos seus sorprendentes xestos e palabras con respeto exquisito.

             Dando aos seus o seu propio corpo e sangue no pan e no viño da Última Cea, entregáballes todo o que El tiña neste mundo: a súa vida, a súa humanidade enteira e o sacrificio que estaba disposto a facer por tódolos homes. O Señor vai realizar a obra da salvación polo camiño do amor e da amizade, de modo que a vontade e o amor de Deus se manifesten en forma comprensible para o corazón humano, para os discípulos que escoltan as palabras de Xesús probablemente con asombro, pero confían nel, quéreno e obedéceno.

             Xesús sabía perfectamente que os seus necesitábano, que El era e tiña a vida, que era o único que coñecía a verdade de Deus e do home, sen a que non se vive en liberdade; o único que podía entrar no Reino dos Ceos, chegar ata o Pai, a fonte da vida e do amor.

              Non quería deixar de estar cos seus, que, sen El, como dixo un día, non podían facer nada. Quixo, por tanto que os seus discípulos puidesen estar sempre con El, que estivesen nunha unidade real e profundísima con El, e puidesen ter como propio o que era seu, de Xesús. E chegou ata o extremo de darlles o seu corpo e o seu sangue, de pedirlles que aceptasen facer seu o seu amor definitivo ao Pai e ao próximo, e o seu sacrificio pleno, que iba cumprir entregando a vida na cruz. Non quixo que os seus amigos quedasen como compañeiros externos, sen parte no seu destino singular e único, senón que tamén eles puideran presentarse diante do Pai de todo amor tendo nas mans o único sacrificio verdadeiramente aceptable, o único que conduce á resurrección. Quixo Xesús que incluso o sacrificio da súa propia vida pertencese tamén aos seus discípulos, fose o da súa Igrexa, que o celebrará xa por tódolos séculos, segura de ser sempre acollida e escoitada polo Pai.

             Por iso hoxe é o día en que celebramos o misterio de comuñón da Eucaristía e o inicio do ministerio apostólico en medio da Igrexa. Celebramos o gran sacramento da presencia real do Señor, o Amor dos amores, e a graza otorgada á Igrexa de poder celebrar este sacrificio para presentalo ao Pai por mans de sacerdotes. 

            E subliñamos en particular unha das súas dimensións máis fondas: a caridade, a unidade fraterna que Xesucristo fixo presente no medio do mundo para sempre de modo perfecto. Unidade que nós podemos recibir del e na que participamos cada vez que acollemos o seu Corpo e o seu Sangue en santa Comuñón. 

            Do misterio eucarístico brota unha vida nova, caracterizada pola fe e pola caridade, polo amor fraterno. Cando vivimos con caridade, no matrimonio e na familia, na nosa vida profesional e social, cando entregamos algo do noso e somos capaces de sacrificarnos, como signo e expresión da nosa entrega e do amor de todo o corazón, entón, facémonos eco, pequeno, a nosa medida, do inmenso don que temos recibido e recibimos do Señor. 

            Damos un tras ter recibido mil8. Pero deamos grazas a Deus por cada semente de caridade, de valor infinito; e alegrémonos de dar, deamos con alegría, pois estaremos imitando ao Pai eterno, nun mesmo Espírito co Fillo. Entón experimentaremos, no corazón, o gozo da vida verdadeira, que só acada quen coñece o amor de Deus. Para que abunde en nós o coñecemento e o amor, a vida e o gozo; para conducirnos ao banquete do Reino dos Ceos, fundou o noso señor Xesucristo na mesa da Última Cea o sacramento da Eucaristía aquel xoves memorable, que desde entón a Igrexa celebra no mundo enteiro como Xoves Santo.

             Nós temos a graza e a ledicia de poder celebrar este día xuntos, hoxe, aquí. Deamos grazas a Deus por iso e pidámoslle ao Señor que nos conceda participar con fe no seu sacramento e recoñecer con asombro e adoración o don da súa presenza e do seu amor, para que poidamos facer o camiño da vida sempre sostidos pola santa Eucaristía e enriquecidos con froitos de verdadeira caridade e comuñón.

Venres Santo de 2008

             Queridos irmáns, celebramos hoxe o Venres Santo. Hoxe é o día no que entrevemos o misterio do destino e da historia do home. Misterio vivido en toda verdade polo noso Señor Xesucristo. Só o comprende quen mira cos ollos da fe, cos ollos e a libertade abertos á comprensión, dispostos a non deixarse cegar por prexuízos, comodidades e intereses egoístas, desexosos de verdade e de ben. 

             En presenza de Xesús, ante El, nesta hora decisiva, desvelouse o fondo dos corazóns, como profetizara un día Simeón: o dos dirixentes e sacerdores xudeos, que, dominados polo temor e a urxencia de afirmarse a si mesmos e a súa propia posición, condenan a quen non ten dito nin feito mal algún, senón que testimoniou só a verdade sobre Deus e o home; así como tamén o de Pilatos, carente de sentido da verdade e, polo tanto, da xustiza, que se guía só polas conveniencias de manter e xestionar o poder político, por riba do destino das persoas.

             E desvelouse igualmente a debilidade radical do corazón de moitos do pobo, dependentes do poder e das riquezas dos que mandan, das opcións difundidas polos “mestres do pensamento” do momento. Todos condenan a Xesús, alleos á verdade e á xustiza. Cando o home se alonxa de Deus, do Pai, a conciencia perde a referencia que o fai libre, queda sen defensa ante a propia fraxilidade e manipulable polas forzas que dominan as sociedades. O home faise inxusto, condena ao inocente.

             Ata os discípulos mesmos do Señor, que o coñecen, apréciano e confiaban en que tivera éxito, calan, desaparecen ou négano, desorientados ou mergullados nun conflito que os supera. Recordarán as palabras de Xesús, as súas parábolas, as súas advertencias, as súas ensinanzas sobre o Pai e sobre o destino do Fillo do Home? 

            Só quen non cede no seu afecto por Xesús, quen non nega a verdade experimentada e vivida con El, seguirao ata o fin: súa nai, algunhas mulleres, algún discípulo.

             Aínda que humanamente, impotentes, participando do destino doloroso, dramático, do Señor, co corazón quebrantado e humillado, esperando só en Deus. Pero de pé, ao lado da cruz. Contemplando o Misterio máis Grande, o misterio do Amor Infinito de Deus, revelado no corazón humano e sufrinte de Cristo.

             Se ningúen ten amor máis grande que o que da a vida polos seus amigos, como dixo Xesús, hoxe podemos percibir a anchura, altura e profundidade misteriosa do seu amor, que se entregou por nós cando non eramos aínda amigos, senón inimigos. Púxose radicalmente ao noso lado, aínda que iso significase facer propio o noso destino de homes pecadores, pechados a Deus, orgullosos de si mesmos, incapaces de permanecer no amor, e confiados no propio poder.

             Xesús aceptou libremente pasar por desprezos, dores, falta de amor, lonxanía de Deus, escuridades e mentiras; pero fíxoo para dar voz ao noso corazón, insensible e apagado, que apenas é xa capaz de pedir o que realmente precisa, verdade e ben, vida e amor; un corazón que xa non sabe en realidade se pode siquera buscar, se ten sentido pedir, se hai Alguén que poida escoitar e a quen pague a pena dirixirse, se cabe esperar axuda real nun mundo que parece rexerse só pola lei do máis forte. Un corazón que aprendeu a non pedir, a non buscar, a saber non confiar. E así un corazón e unha vida destinada a non cumprirse, carente de esperanza.

             O Señor, en cambio, no seu amor polos homes, é unmilagro de misericordia en medio da nosa historia, destinado a cambiala. El é o Fillo e sabe a quen pedir, en quen confiar e a quen amar. Fala e pide ao Pai, da voz ao noso corazón e ás nosas necesidade máis profundas, presentándose por nós ante El, facéndonos presentes a cada un e pedíndolle a vida definitiva e o amor pleno, porque o Pai é o único que pode salvarnos do mal e da morte, El que é fonte da vida e da misericordia.

             O amor inmenso de Xesús lévao ata o fondo da nosa dor e das nosas escuridades, do abandono radical do pecado e da morte, para, desde aí, clamar con amor e certeza indefectible ao Pai, pedíndolle ser liberado da morte, pedíndolle a vida, o perdón e o amor eterno para os homes.

             E o Pai bo non pode menos que atendelo: escóitao en silencio, recollendo ata o último son e o último instante da súa palabra e do seu sufrimento con misericordia infinita, para responderlle con toda a largueza da paternidade divina.

             Neste día de Venres Santo, por un instante, contemplemos ao Crucificado, sen preocuparnos de máis, cos ollos da fe, pedíndolle que non nos deixe fóra, alleos a esta inmensa obra de amor, de compaixón, de victoria sobre o abandono do pecado e da morte.

             Que a Virxe María, que está ao pé da cruz como nai dolorosa, interceda por nós para que recoñezamos e creamos no amor misericordioso de Deus, revelado plena e definitivamente no seu Fillo Xesucristo, noso Señor e noso Redentor.

Domingo de Pascua 2008

             Queridos irmáns: celebramos hoxe o Domingo de Pascua, o día da Resurrección. Non hai festa máis grande que esta, cumio de tódalas festas, principio da alegría na historia, que resona na paz e no gozo propios de cada domingo do ano. Xesucristo resucitou. Moveuse a pedra, está baleira a tumba e cambiou o destino irremediable da debilidade humana. Celebramos a victoria definitiva, ao mesmo tempo, de Deus e do home, a victoria da vida sobre a morte, do amor sobre o odio, da verdade e do ben sobre a mentira e a inxustiza. 

            O fondo deste misterio é o Amor, é Deus que é Amor, é o amor e a xustiza no corazón humano de Xesús. O home fora creado a imaxe de Deus, e non chega a ser el mesmo por camiño diferente que o do amor.

             Aínda máis, agora sabemos que a creación enteira é obra do amor divino, cheo de intelixencia e de sentido. O pecado e a morte desfigúrana e levan ao home á confusión, a xulgala caótica, dominada pola violencia. Pero a resurrección de Cristo devolve tódalas cousas á súa verdade: veñen de Deus, son boas e destinadas ao ben. Sabemos que todo contribuirá ao ben de aqueles que aman a Deus4. Xa non aceptaremos o que proclama o pecado, a iñorancia, a morte ou o odio, seguros da súa aparente victoria, pretendendo, con arrogancia, explicarnos como vivir. Estamos certos de que todo pertence a Deus Pai e é dado ao home para unha existencia no amor. 

            Este foi o camiño recorrido e aberto para sempre por Xesús, polo Fillo de Deus feito home. Consciente de vir do Pai e volver a El, de que todo pertence ao Pai bo, que lle puxera todo nas súas mans, Xesús afronta con total liberdade a vida e a morte. Facendo participar aos seus irmáns da súa unidade e a súa relación co Pai, dilles: todo o meu é voso e o voso meu. Neste amor asumíu a nosa morte e presentou a nosa necesidade de perdón e de vida ao Pai, e foi escoitado; o Pai respondeulle segundo a medida propia da plenitude divina. Se na cruz, como home, Xesús lle confiara todo, o Pai deulle tamén todo a Xesús: a vida eterna, confiándolle a responsabilidade definitiva sobre seus irmáns e sobre o mundo.

             Xesús resucitado é o Señor, a fonte de esperanza para todo home; porque resucitou o mesmo que morreu por nós, nun amor misericordioso sen límite, e porque, por tanto, resucitou e vive para sempre Aquel que é médico, pastor, salvador verdadeiro para todo o que acode a El. E porque resucitando acadounos o verdadeiro destino do home e da historia: a comuñón plena con Deus e, por tanto, a participación na súa gloria e na súa vida definitiva.

             Ollando ao Resucitado temos xa esperanza en toda circunstancia e para sempre, na vida e na morte. Ninguén nin nada pode arrincarnos da súa man. Non aceptamos xa pensar no home cunha dignidade menor, nin na vida cun final diferente do encontro con Cristo. Nós non esperamos a morte, senón a chegada gloriosa do noso Señor, a plenitude dun amor e dunha comuñón que comezaron en medio mundo e que vivimos en tódalas súas expresións, cheas de beleza, como signo e promesa dunha realidade aínda menor.

             Xesús será tamén quen teña a responsabilidade final sobre o mundo enteiro, o Señor e Xuíz do universo. A verdadeira medida con que se medirá a historia é a súa, a única plenamente humana, conforme á vontade de Deus, a mesma medida que El mesmo nos deu a coñecer vivindo en amor e verdade, como o Evanxeo nos mostra sempre de novo. Acadar a vida será entrar no seu abrazo misericordioso. O Pai puxo todo nas súas mans, e nel temos un acceso cercano e humanamente comprensible a tódolos bens que Deus quere darnos.

             No mundo existe sempre a tentación de rexeitar a Xesús, de negar que o necesitamos, de afirmar outros poderes na vida. Pero nós non nos opoñamos ao Resucitado, a Xesucristo. Non recoñezamos nin adoremos a outro señor, a outros presuntos guías da historia, outros mestres dos homes. Só ante Xesús se descubre o home plenamente a si mesmo, entende a súa vida e o seu destino, é afirmado en toda a súa dignidade sorprendente. 

            Toda a historia está xa impregnada da súa luz e na súa luz temos que vivila, como se reflicte en cada domingo e en tódalas nosas festas: hai un Pai bo e un designio bo sobre a historia, no que os homes poden participar amando a Deus e ao próximo coma noso Señor nos amou e nos ensinou, como nos fai posible cada día coa gracia do seu Espírito. Esta é a regla da vida, que a fai invencible e libre. 

            Grazas sexan dadas a Deus, que nos a a victoria en noso Señor Xesucristo.