A Vida Consagrada, Profecía da Misericordia

Celebramos hoxe a Clausura do Ano da Vida Consagrada. Entrastes ademais pola Porta da Misericordia, aberta este ano Xubilar por iniciativa do papa Francisco. Ambos eventos conmemoran o cincuentenario do Concilio Vaticano II, en que a Igrexa quixo saír ao encontro do home do noso tempo polos camiños da misericordia e da liberdade, levando consigo o Evanxeo como única riqueza.

Pois ben, o noso Señor Xesucristo é a Palabra da Misericordia do Pai, pronunciada no noso mundo. El é a profecía en que se expresa plena e definitivamente o corazón de Deus, canto se conmoveu ante o noso sufrimento e a nosa miseria, canto amou ao mundo: entregou ao seu propio Fillo para que asumise todo o noso, para que se fixese home e dese resposta á nosa necesidade de vida verdadeira.

Na festa de hoxe, na Presentación do Señor no Templo, conmemoramos esta ofrenda do Fillo. O xesto é cumprido por María,  que pon a vida do seu neno en mans de Deus, de quen o recibira, e que fai seus así na terra os sentimentos do Pai. Nela, que é a súa Nai, resoa aquela Misericordia paterna capaz de entregar ao Fillo para a salvación do mundo, e que adoita ser tan allea ás nosas mentes e corazóns.

En María, no seu corazón inmaculado, brilla xa anticipadamente o inmenso amor misericordioso que anima toda a existencia do Fillo, de Xesús. El entregouse por nós con todo o seu ser, ata padecer na cruz para redimirnos da morte. María, recolléndoo aquel venres no seu colo, preséntao de novo, desfalecido e morto, ao Pai, sufrindo ela tamén por este sacrificio da Súa vida. Neste xesto supremo que podía realizar como Nai, María aceptaba e compartía a misión do seu Fillo, e ao mesmo tempo a profundidade inmensa do amor do Pai, cuxo corazón non se detivo ante límite algún para vir en auxilio de quen perecía.

María é desde entón Nai e modelo da Vida Consagrada, do que significa compartir a gran Palabra da misericordia divina, tal como a pronunciou Xesucristo, o Señor.

En efecto, a vida consagrada será sempre imitación de Cristo e comuñón con El, será acoller o seu Espírito e ter os seus mesmos sentimentos, seguilo cando se sacrifica pola salvación dos homes. Porque o amor do Señor non se detén ante pobrezas, miserias ou pecados; senón que atopa niso o lugar para a súa maior manifestación. Este é  o misterio do seu corazón, da súa entrega de sí, á que chama a consagrados e consagradas para que a compartan libremente.

Recoñecer e crer neste Don inmenso que o Pai nos fixo ao entregarnos ao seu Fillo, é aprender que a Misericordia existe; máis aínda, que é o fundamento mesmo da Creación e de toda a historia -que así pode ser historia de salvación-, que é Deus mesmo, porque El é Amor.

A entrega da propia vida en resposta a esta Palabra do Pai, pronunciada en modo persoal na vocación de cada un, é o primeiro testemuño dado pola persoa consagrada, por un corazón que nada ama máis que a vontade do Pai, que non ten certeza maior que a súa Misericordia, nin pon a súa esperanza noutro que non sexa Xesús, o Fillo de Deus.

A existencia entregada dos consagrados fálanos así dunha Misericordia real, presente, transformadora, que Deus inscribiu El mesmo, persoalmente e para sempre no noso mundo. A persoa consagrada é, por tanto, profecía dunha Misericordia realizada xa, coñecida, crida e amada.

A celebración de hoxe invítanos a unirnos tamén a nós, como María, á ofrenda do seu Fillo, poñendo a nosa vida ao servizo da Misericordia do Pai; para que podamos ser aquela profecía que é xa tamén presenza e verdade, porque é participación da realidade da Misericordia plena de Cristo.

Todas as formas de vida consagrada, desde o sacrificio de si na oración escondida e contemplativa pola salvación dos homes, ata a entrega que achega o consolo, a luz, o auxilio e a misericordia a quen o necesita dunha ou outra maneira, teñen a misión de manifestar con esperanza e alegría a realidade deste Amor sen límites co que fomos amados e ao que nos é dado a graza de corresponder, de manifestar no noso mundo.

Desexemos non poñer tampouco nós ningún límite ao amor; que os votos e promesas, que as nosas regras de vida, que os sacrificios da fraternidade cotiá, sexan signos e instrumentos da graza poderosa de Deus, que pode conducirnos polo camiño da perfección verdadeira, que é perfección na Misericordia.

Pedimos así unha graza moi grande, e queremos confiar esta necesidade nosa á intercesión da Santísima Virxe María, ao seu Corazón Inmaculado. Pidamos que, como nela, resoe en cada un de nós  o mesmo Espírito e o mesmo Amor polo que Cristo ofreceu todo o seu ser ao Pai para a salvación de todos os homes. Que pola súa Misericordia teñamos verdadeira liberdade ante os apegos e os afáns do mundo, de modo que toda a nosa existencia chegue a ser profecía, manifestación de Misterio do Amor de Deus. E que así a nosa presenza e o noso labor cotián sirvan a facer crible o anuncio do Evanxeo no medio das nosas xentes, que necesitan ante todo, como nós mesmos, experimentar a novidade profunda e consoladora da Misericordia na propia vida.

+ Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo