Somos Igrexa Diocesana

Tras os momentos extraordinarios vividos nos últimos meses grazas á vinda do noso Papa Benedito XVI a Santiago como peregrino e a Madrid á Xornada Mundial da Mocidade, a nosa conciencia de ser todos Igrexa ten unha vivacidade e unha alegría renovadas.

Somos Igrexa como un Pobo unido polo Señor na fe e nos sacramentos, aquí, nas nosas parroquias e comunidades, como Diocese de Lugo; e por iso tamén en comuñón cos irmáns de todos os países e do mundo enteiro, como puidemos experimentar de modo especial acolléndoos nas nosas casas, véndoos polas nosas rúas, seguindo as celebracións de Catro Ventos.

Este tesouro de fe e de vida está presente sempre así, como Igrexa diocesana, feita de parroquias, como casas que poden abrir as súas portas a quen o necesita, para mostrar a hospitalidade e o amor que veñen do Señor, do mesmo Deus, e que habitan entre nós, dándonos esperanza de vida eterna.

Só somos Igrexa como unidade concreta de amigos e irmáns, unidos ao redor da mesa do Evanxeo e da Eucaristía, presididos polos sucesores dos apóstolos, o Papa, o noso Bispo e sacerdotes. E así somos anuncio de Boa Nova para o mundo.

Puidémolo contemplar este verán pasado no esplendor da gran comunidade xuvenil de Madrid. Pero vémolo e verémolo tamén no día a día das nosas familias e traballos, da nosa capacidade de acollida e atención ao irmán, ao pobre, ao enfermo, ao desamparado, ao que perdeu a fe e a esperanza. O misterio da Caridade, enraizado para sempre no mundo pola Cruz do Señor, pode vivificar todo o que somos e resplandecer en tempos escuros.

Vivamos, pois, como membros da nosa Igrexa diocesana, lucense e universal. Venzamos incomprensións, perdoemos ofensas, busquemos consolo e forza no Señor. E sexamos responsables, participemos “ante todo nas celebracións dominicais e nos sacramentos”, colaboremos cada día man a man.

Expresión desta pertenza e colaboración será sen dúbida a nosa contribución económica. As achegas dos seus fieis é a parte máis importante do sostemento da Igrexa. A mellor forma de colaborar é unha achega periódica persoal ou familiar, abonada por domiciliación bancaria, na contía que pareza oportuna segundo a situación de cada un.

Permanecer unidos no Señor, contar coa súa graza e a súa ensinanza, deixarse guiar por El e camiñar na comuñón dos irmáns, nunha palabra, ser Igrexa, permitiranos a todos construír as nosas casas sobre rocha, facer delas fogares vivos e acolledores, tamén en tempos tormentosos e difíciles.