O SACRAMENTO DA CONFESIÓN NO ANO SACERDOTAL

Escudo Bispo

 Queridos irmáns, 

           Encontrámonos celebrando o "ano sacerdotal" que foi convocado polo noso Papa Benedicto XVI con ocasión dos 150 anos da morte de San Juan María Vianney, o santo cura de Ars.

           A Igrexa, e polo seu medio noso Señor, subliñou así a importancia que ten nestes momentos a vida sacerdotal, a situación persoal e espiritual dos sacerdotes. É clave para toda pastoral, para o anuncio do Evanxeo e, polo tanto, para o futuro dos nosos pobos. O florecer das nosas comunidades, a participación activa e o protagonismo dos laicos, non poñen en cuestión, senón que presupoñen a misión dos presbíteros; máis aínda, deste florecer e madurar dos cristiáns xorde o aprecio pola presenza dos sacerdotes, así como novas vocacións a este ministerio.

         San Juan María Vianney comprendeu e fálanos do misterio da identidade sacerdotal como dun reflexo do corazón mesmo de Xesucristo, da súa entrega plena á obra de salvación do mundo, tal como se expresou na Última Cea e se realizou no camiño pascual da cruz e da resurrección. Pero no seu ministerio parroquial destaca logo, en particular, a súa dedicación apaixonada ao sacramento da confesión, ao servizo sacramental do perdón e a liberación do mal, como medio da salvación persoal. No centro da súa vida e da súa santidade sacerdotal está o misterio da misericordia redentora, do amor divino que se abaixa e vén ao encontro da nosa liberdade, ofrecéndolle a curación –non necesitan médico os sans, senón os enfermos; non viñen a chamar a xustos, senón a pecadores1– e abríndolle o camiño da súa plena verdade na relación con Deus.

          A convocatoria deste ano xubilar lévanos, pois, a volver a mirada a esta dimensión esencial do noso ministerio, que non perde nunca a súa actualidade: somos ministros da reconciliación. Nestes mesmos termos puido definir Pablo o seu apostolado: Todo procede de Deus, que nos reconciliou consigo por medio de Cristo e que nos encargou o ministerio da reconciliación. Porque Deus mesmo estaba en Cristo reconciliando ao mundo consigo, sen pedirlles conta dos seus pecados, e puxo en nós a mensaxe da reconciliación. Por iso, nós actuamos como enviados de Cristo, e é como se Deus mesmo exhortase por medio de nós. En nome de Cristo pedímosvos que vos reconciliedes con Deus2.

            A pesar dos moitos cambios culturais e a través de todos os nosos esforzos de renovación pastoral, o sacramento da reconciliación segue formando parte do corazón mesmo do noso ministerio.

            Nada se fai sen o encontro de cada un co Señor, sen a experiencia persoal do seu amor, a súa luz a propia vida adquire importancia definitiva, descobre ter un destino propio e bo, faise capaz de deixar atrás o mal, a mentira, a inxustiza e o odio, e de abrazar a fecundidade profunda do ben. A nosa tarefa pastoral pouco froito daría sen este descubrimento da "Boa Nova" do Señor que chama e fai posible o cambio de mente e corazón, a renovación e a dignidade profunda dunha vida destinada a realizar a verdade no amor3.

           O encontro con Xesús, o Fillo de Deus feito home, o asombro que brota sempre de novo ao tomar conciencia de que El quixo nacer e morrer pola nosa pequena persoa, é sempre dalgún modo o primeiro para o que escoita e cre no Evanxeo. Pero iso non seguiría sendo verdade moito tempo, se non conmovese a propia vida e lle dese o novo fundamento da fe en Cristo e a dinámica da esperanza e da caridade. Se non abrise dalgún modo a nosa condición humana á xustiza e santidade verdadeiras4, que significaría a fe para a vida real de cada un?

            No centro da pastoral está facer posible este encontro co Señor, como unha compañía concreta coa que é posible compartir a propia vida xa sen medo ningún, sen necesidade de esconderse un mesmo, de negar nada do que un é, nin sequera o propio pecado, por grande que sexa.

           Trátase certamente de actitudes e vivencias persoais, da alma e da fe de cada un, que se expresan ante todo na oración. Por iso, sen dúbida, ser sacerdote significa sempre radicalmente un servizo á oración dos fieis: ensinándolles e introducíndoos ás pregarias fundamentais, educándoos ao costume de rezar en determinados momentos do día con regularidade, orando con eles e, moi particularmente, por medio das celebracións litúrxicas, nas que, unidos como Igrexa, vivimos en relación con Deus o curso enteiro do ano, os eventos da vida, e facémonos partícipes dos grandes misterios da nosa salvación.

            Sen poder presentar ante o Señor a nosa vida, as súas necesidades máis fondas, o que nos urxe e abafa, que podería significar que cremos na súa presenza amorosa, que quere acompañar e salvar a nosa vida?, que tería que ver a fe coa nosa realidade cotiá? Á oración do cristián pertence sen dúbida a acción de grazas e a loanza, como primeira resposta ante o amor do Señor, e a petición e a intercesión constantes, como expresión da nosa confianza verdadeira Nel e no seu interese por nós. Vividas en presenza de Deus, todas as cousas cambian, todas serven para o ben5.

            Pode quizais comprenderse así a sabia pedagoxía da Igrexa con respecto ao sacramento da reconciliación. O cristián, cando se arrepinte, deixa de negar os seus pecados, deixa de escondelos, preséntaos ante o Señor, ponos á luz do seu amor, pedíndolle a misericordia do seu perdón poderoso, a graza de seguir ou volver vivir na súa compañía.

            A confesión dos pecados é parte esencial da verdade da nosa vida cristiá. Se a fe que vivimos non afectase ao noso pecado, deixaría de significar unha esperanza certa de vida nova, non nos renovaría, máis aínda, non se referiría sequera á nosa vida real.

            De aí a importancia desta dimensión intrínseca ao noso ministerio pastoral. Os nosos fieis -todos os homes- necesitan tamén hoxe unha resposta á presenza do mal na propia vida, necesitan a experiencia liberadora da misericordia radical de Cristo, que abre sempre camiños de vida a cada un.

            O abandono da confesión persoal dos pecados é quizais un dos grandes síntomas da división tráxica entre a fe e a vida.

            A Igrexa universal insiste por iso na necesidade para cada un de participar no sacramento da penitencia. Xa dende o concilio Laterano IV pídeselles aos cristiáns que se acheguen a este sacramento polo menos unha vez ao ano, para entrar en comuñón con Cristo. Nada cambiou nos fundamentos da relación do home con Deus, na obra redentora de Xesucristo, que segue sendo o mesmo, onte e hoxe.

            A ocasión deste aniversario do noso santo patrón, San Juan María Vianney, invítanos a recordar de novo esta verdade fundamental do ministerio parroquial.

            Debemos coidar o sacramento da confesión. É necesario que prediquemos de novo sobre o misterio do perdón dos pecados, sobre a necesidade de vivilo persoalmente como dimensión íntima da nosa relación con Cristo, sobre a necesidade de que toda a nosa vida estea iluminada pola súa graza, é dicir, pola fe Nel e polo gozo do seu amor. Debemos predicar a Cristo, anunciar a súa misión a favor dos homes, o que non fariamos axeitadamente sen falar da súa obra de redención e reconciliación dos homes con Deus.

             As costumes celebrativas polas que se fai posible que os fieis non cheguen nunca realmente a dar este paso persoal, á confesión dos propios pecados, deben desaparecer6. Debemos facer un esforzo, tamén de planificación das nosas tarefas e de colaboración mutua, para facilitar a confesión dos fieis, para invitalos a poñer así a súa vida nas mans de Cristo, coa franqueza e a sinxeleza de quen non oculta nada ante quen sabe que o ama e de quen espera todo ben.

             Con respecto á terceira fórmula da celebración da reconciliación, baste, en fin, recordar canto prevé a disciplina da Igrexa. Só se xustifica en casos de necesidade grave e non pode ser, por suposto, a forma ordinaria en que unha comunidade cristiá viva o misterio do perdón. Na nosa Diocese non se presentan ordinariamente circunstancias que xustifiquen o uso desta terceira fórmula; polo que, seguindo os pasos do meu querido predecesor, Fray José, recordo que o seu uso non está permitido, salvo que se presenten imprevisibles necesidades graves7.

             O noso Papa, Benedicto XVI, quixo que este "ano sacerdotal" estea caracterizado pola experiencia da misericordia. As indulxencias xubilares son especialmente xenerosas cos sacerdotes, e a súa aplicación aos fieis laicos é tamén moi ampla na nosa Diocese, segundo o recente decreto diocesano aplicativo.

              Estamos invitados a aproveitar, con responsabilidade particular, este tempo de graza. É un bo momento para que nós mesmos, os sacerdotes, recibamos a graza do perdón dos pecados e da indulxencia. Busquemos e ofrezamos tempos e modos para facelo. Será un grande ben para as nosas propias persoas e para os fieis aos que fomos enviados como pastores.

               E procuremos aproveitar este ano para ofrecer unha vez máis o sacramento da reconciliación aos nosos parroquianos. As circunstancias, sobre todo no rural, poden facer diminuír as ocasións que teñen os nosos fieis de confesarse. Aproveitemos, por exemplo, as celebracións que se propoñen os xoves para rezar unidos nas parroquias polos sacerdotes, e determinemos un tempo concreto en que esteamos a disposición para o sacramento da confesión, de modo que os nosos parroquianos poidan lucrar tamén doadamente a indulxencia xubilar.

              Onde sexa posible, nas parroquias máis grandes, nos santuarios e, por suposto, na nosa Catedral, poñamos este ano especial atención no exercicio deste ministerio da misericordia, intentando ademais presentalo na súa beleza, como obra do amor redentor e forma de sanación e renovación da vida no encontro persoal co Señor.

              Que a intercesión de San Juan María Vianney nos axude a comprender e a vivir mellor a grandeza do ministerio que o Señor Xesús nos confiou, facéndonos participar do máis fondo do seu corazón e da súa obra redentora.

             Que a Virxe María, raíña dos apóstolos e nai dos discípulos do Señor -dos sacerdotes- por vontade do mesmo Xesús na cruz, nos alcance a graza da docilidade ao Espírito, para que percibamos e entendamos o que El quere transmitirnos neste ano sacerdotal, e para que nos faga posible vivilo unidos, na paz e a alegría da comuñón fraterna, que é a da nosa Igrexa en Lugo e a de toda a Igrexa universal.

Lugo, a 22 de outubro de 2009

 

+ Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo

 

1 Mc 2,17

2 2Co 5,18-20

3 Ef 4,15

4 Cf. Ef 4,22-23

5 Rm 8,28

6 Dende o solemne maxisterio de Trento, a Igrexa insistiu sempre na necesidade da confesión persoal dos pecados mortais. Cf. Catecismo de la Iglesia católica, nn. 1455-1458

7 Poden verse os nn. 1483-1484 do Catecismo de la Iglesia católica