Mons. Alfonso Carrasco: Vixilia pola Vida Nacente

O sábado 27 de novembro o Papa Benedito XVI abrirá o novo ano litúrxico coa celebración dunha “Vixilia pola vida nacente” na Basílica de San Pedro, coincidindo coas Primeiras Vésperas do primeiro Domingo de Advento, tempo de vixilante e alegre espera do Nacemento en Belén de Xesús noso Señor.

O noso Papa pediu que todos os bispos diocesanos de cada Igrexa particular presidamos celebracións análogas, que involucren aos fieis nas súas respectivas parroquias, comunidades relixiosas, asociacións e movementos.

É un chamamento que quere servir ao anuncio do “Evanxeo da vida”, que se converteu nos nosos días nunhatarefa urxente para os cristiáns, chamados a ser as sentinelas dun porvir no que o respecto e a defensa da dignidade de todos sexan o fundamento da sociedade verdadeiramente humana”. (Nota da Subcomisión para Familia e Vida, 2002)

Na Diocese de Lugo queremos unirnos á iniciativa do Santo Pai e propoñemos a celebración dunha vixilia semellante. Celebrarémola na nosa Catedral Basílica, e invitámosvos a preparala tamén en cada arciprestado. Enviaravos o material correspondente a Delegación Diocesana de Pastoral Familiar.

A oración pola vida é algo que se fai dende sempre na Igrexa. Respondendo a invitación do Papa, asumiremos o noso compromiso de acoller e anunciar a boa nova da familia e a vida, e conscientes de que todos, en cada parroquia, “temos que facernos cargo do outro como persoa confiada por Deus á nosa responsabilidade… tendo unha preferencia especial por quen é máis pobre, está só e necesitado. O servizo da caridade á vida debe ser profundamente unitario: non se poden tolerar unilateralidades e discriminacións, porque a vida humana é sagrada e inviolable en todas as súas fases e situacións”. (Evangelium Vitae)

Esta vixilia extraordinaria é unha oportunidade importante para que os fieis das nosas parroquias, coas comunidades relixiosas, as asociacións e os movementos, crezan na fe en Deus noso Pai e na intelixencia dos perigos que ameazan á "vida nacente" na nosa sociedade e desafían á nosa conciencia moral, e, con caridade acolledora, saiban responder a todas as necesidades dos que esperan hoxe o nacemento dun fillo.

Expresaremos así a nosa esperanza, que alenta especialmente no Advento, de que a existencia de cada un é un ben verdadeiro, un don do Pai celestial, que a todos mira con agarimo e amor e a todos chama a unha plenitude de vida, de gracia e de paz.

+ Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo