Liñas de Acción Pastoral 2009

 1. A urxencia dunha fe lúcida no Señor

   Confirmarnos na fe no noso Señor Xesucristo é a nosa primeira urxencia pastoral. Foino sempre, sen dúbida, como testemuña na vida da Igrexa a centralidade da celebración da Santa Misa e dos sacramentos, e do anuncio da Palabra de Deus. Na nosa Diocese de Lugo, esta conciencia expresouse ademais nunha moi antiga tradición de adoración eucarística, que caracteriza a forma mesma da nosa piedade e do noso ser cristián.

   Os cambios experimentados pola nosa sociedade e, en particular, a forte presenza nela de importantes correntes de pensamento de tipo racionalista, con frecuencia decimonónicas, fan que hoxe en día a nosa fe se encontre interpelada, mesmo explicitamente desafiada, por unha comprensión non cristiá da existencia. A moitos hoxe pode parecer evidente que un home adulto non necesita de Xesucristo para vivir; nin polo tanto, da fe, dos sacramentos ou da Igrexa; e, en realidade, que non necesita de Deus.

   Non obstante, a nosa intelixencia só alcanza unha comprensión axeitada da vida, do modo humano de estar no mundo, da nosa verdadeira maneira de ser, cando é iluminada pola fe. E o noso amor é liberado do egoísmo, é aberto a toda a amplitude e profundidade a que está chamado, faise forte e paciente, cando é alentado pola caridade do Espírito.

   A experiencia e a tradición cristiá da nosa terra mostran que é posible construír matrimonios e familias, casas, vidas, e todo un pobo sobre a rocha firme da fe no noso Señor. E que só Nel encontra o home a misericordia e o abrazo que lle devolvan a esperanza cando descobre a súa profunda debilidade, o propio pecado, ou se encontra co misterio do sufrimento, da inxustiza e da morte.

   Non podemos menosprezar ou desprezar a vida e a cultura profundamente cristiá das nosas casas e pobos, da nosa propia historia e de Galicia, en nome de soños irreais ou de utopías ideolóxicas, nas que as construcións se derruban regularmente como edificadas sobre area.

   A harmonía da fe e da razón, que durante séculos fixo posible no noso pobo o madurar de conciencias abertas á verdade e á liberdade, pode seguir axudándonos a sandar as patoloxías do noso espírito; e hoxe, en particular, pode conseguir que os nosos novos e maiores non se deixen levar por un escepticismo para o que a vida do home carece de sentido real.

   En poucas palabras, a lucidez da fe é esencial para o noso camiño como Igrexa, comprender cada vez máis vivamente que en Xesucristo descobre o home a súa vocación, a súa dignidade e o seu destino (GS 22). O ben da persoa e das familias, das aldeas e das cidades, da historia futura do noso pobo, depende de que construamos á luz de Cristo, en comuñón con El.

2. A vida da comunidade cristiá como obxectivo primordial

   O medio polo que o Evanxeo se transmite no tempo é a Igrexa. Obxectivo principal da nosa pastoral será, pois, coidar e promover a vida das nosas comunidades cristiás, para que poidan ser lugares de encontro e focos de transmisión da fe, dunha humanidade renovada no Espírito do Señor. A isto dedícase xa, de feito, o esencial da pastoral diocesana, do traballo dos sacerdotes e parroquias, relixiosos e laicos. E ao seu servizo está a tarefa de todas as delegacións episcopais, participando cada unha ao seu modo, pero todas unidas nunha única misión común.

   A programación de cada delegación será, pois, parte esencial do noso plan pastoral. E, de feito, procuraremos ter en conta os momentos esenciais de cada unha, para poder vivilos coa maior unidade e participación posibles. Coidemos a nosa comuñón como un tesouro precioso; porque non só será unha axuda imprescindible no camiño, senón tamén testemuño ante todos os homes da verdade da fe que nos une, da acción presente do Señor.

   Neste contexto, como obxectivo peculiar deste ano quereriamos introducir unha reflexión sobre a situación das nosas parroquias nas actuais circunstancias de cambio social e relixioso.

   En liñas xerais, proponse tomar en consideración o significado das parroquias situadas en cabeceiras de comarca, como punto de referencia e sostén da vida cristiá e das parroquias da súa zona de influencia, sobre todo rural.

   En particular, fixaremos logo a atención nunha das formas esenciais de realización da misión eclesial: a catequese, que, xunto coa pastoral xuvenil e a de ensino, configura un dos ámbitos esenciais da educación na fe. Como comentamos, este é un desafío radical presente na nosa sociedade contemporánea á vida da Igrexa.

   Volver a mirada á catequese podería servirnos para comprender mellor as esixencias pastorais con que se encontran as nosas parroquias, exemplificadas nunha tarefa esencial, e para intentar responder mellor tamén á necesidade urxente de educar os nosos mozos na fe.

   Relacionado con este obxectivo primario de coidar e promover a vida das nosas comunidades cristiás, encóntrase tamén o traballo, xa iniciado, de revisión da distribución de arciprestados -e zonas pastorais- na nosa Diocese, co fin de favorecer un mellor cumprimento da súa función insubstituíble na pastoral parroquial, e que esperamos poder levar a termo este curso.

3. Outros trazos específicos da acción pastoral

   A pastoral xuvenil será outro trazo prioritario da pastoral deste ano -e do próximo. Polos motivos de fondo que se acaban de mencionar, pero ademais polo que nos piden e ofrecen as circunstancias concretas da vida da Igrexa nestes anos 2010 e 2011, en que celebraremos o Ano Santo Compostelán e a Xornada Mundial da Xuventude en Madrid.

   Non podemos pasar por alto o que significan para a nosa Diocese estas grandes citas eclesiais, que, na súa obxectividade, nos falan do camiño que está seguindo a Igrexa universal, e que, por outra parte, converxen tan claramente coas características e prioridades da nosa vida diocesana. Tanto a pastoral xuvenil como a do Camiño constituirán pois obxectivos prioritarios da nosa pastoral neste ano que comeza.

   O anuncio do ano sacerdotal pola S. S. Benedicto XVI constitúe un terceiro grande acontecemento eclesial que, de novo, responde ás nosas necesidades máis íntimas. Este será pois o último trazo específico das nosas tarefas pastorais neste ano.

   As accións e os xestos ao servizo destes obxectivos máis particulares deste curso serán presentados polos seus delegados de maneira xeral. Pero son obxectivos diocesanos, que afectan á vida de toda a nosa Igrexa, e nos que todos estamos chamados a colaborar.

   É bo recordar, por último, que na tarefa pastoral da Igrexa son necesarias con frecuencia accións singulares, provocadas polos acontecementos da vida social, nacional e internacional. Non podemos deixar de acompañar os nosos fieis naqueles desafíos que se formulan á súa conciencia en medio do mundo, iluminándoos coa luz do Evanxeo. O coidado pastoral é sempre atención e proximidade ás esixencias da vida concreta da Igrexa, non é plenamente programable, sabe que debe estar aberto ao imprevisto.

Conclusión: Un testemuño necesario no mundo

   O campo é grande, a pabea moita e os obreiros poucos. Roguemos ao Señor que mande obreiros a seu pabea, e que todos sexamos servidores bos e fieis, a calquera hora do día ou da vida en que fosemos chamados. Todos nós, todo cristián -e, por suposto, todo consagrado e todo sacerdote- somos hoxe en día testemuñas, máis necesarias ca nunca, da verdade e do amor de Deus no medio do mundo.

   Podemos dar este testemuño na paz dunha esperanza que non defrauda, porque nós mesmos coñecemos o amor do noso Señor Xesucristo e cremos nel, gozámonos na luz da súa verdade, sabemos que El é o verdadeiro Bo Pastor do rabaño e o Salvador do mundo.

   Que a Virxe María, pola que a Palabra divina se fixo presente humanamente na nosa terra, interceda por nós. Que pola súa oración sexamos guiados polo Espírito que fixo posible a predicación apostólica en Pentecoste. E que Ela nos alcance a graza de mirar os nosos irmáns e ver a nosa tarefa pastoral naquela luz en que os seus ollos abertos e grandes consideraban as marabillas de Deus no seu Fillo.

 

Lugo, 23 de setembro de 2009

 Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo