Liñas de acción – Equipo pastoral 2010-2011

1. A relación con Cristo como punto de partida

   A comunidade cristiá vive da alegría da fe en Xesucristo resucitado. A memoria da súa Encarnación, das súas ensinanzas e obras, da súa paixón e resurrección conforman dende Nadal a Pascua, cada domingo e cada festa, o ciclo de encontros e asembleas litúrxicas que estruturan a nosa vida crente e a das nosas comunidades parroquiais.

   Esta relación con Deus, que habita nos nosos corazóns, determina a forma do noso comportamento cotián, da nosa existencia.

  Por iso, a conservación viva da propia fe é a nosa primeira tarefa pastoral; e axudarse niso os uns aos outros é a primeira obriga da caridade fraterna.

   O testemuño da fe e da comuñón, fundada en Cristo, debe preceder sempre e fundamentar toda a actividade do cristián e, particularmente, toda tarefa pastoral.

   Este é o único punto de partida posible, se queremos ir ao encontro dos demais e comunicar aos homes do noso tempo a Boa Noticia de Xesús, vencendo a tentación de limitarnos ao que xa temos, ou cremos ter, como propio e seguro: sería unha morte anunciada” (Benedito XVI, Homilía en Porto, 14-05-2010).

   Sempre será prioridade pastoral fundamental facer memoria viva da nosa comuñón en Cristo, da que provén todo envío na Igrexa; doutro modo, “canto tempo perdido, canto traballo postergado!” (Benedito XVI, Ib.).

   “Estamos chamados a servir á humanidade do noso tempo confiando unicamente en Xesús”. Por iso é tan significativo deixarse iluminar pola súa Palabra, escoitala máis atentamente e permanecer fieis a ela, non se afastar nunca do Pan da súa presenza e servilo co respecto debido nas celebracións litúrxicas. “Isto converteranos en testemuñas e, aínda máis, en portadores de Xesús resucitado no mundo, facéndoo presente nos diversos ámbitos da sociedade” (Benedito XVI, Ib.).

2. Procurar a proximidade da comunidade cristiá

   Por iso resulta tan relevante a construción das nosas comunidades, en primeiro lugar parroquiais, nas que é posible recibir a Palabra de Deus e os sacramentos, xunto coa testemuña da vida en comuñón dos cristiáns.

   Esta foi sempre a preocupación primeira que guiou a vida pastoral da Igrexa; e este obxectivo fundamental da misión apostólica, que todos poidan recibir a proposta cristiá, ten hoxe para nós especial actualidade.

   Dados os grandes cambios demográficos e sociais, todas as accións pastorais fundamentais non poden xa realizarse en cada un dos templos parroquiais da nosa Diocese; non obstante, todos os nosos fieis deben ter a posibilidade de participar na vida da Igrexa de modo próximo. É dicir, todos han de ter preto o anuncio da Palabra de Deus, o don dos sete sacramentos, a posibilidade dunha educación na fe e o lugar dunha vida na comuñón da caridade.

   Por iso, debemos coidar especialmente aquelas comunidades parroquiais que poidan ser referencia e apoio para outras máis pequenas, de modo que para todos sexa doado o acceso aos bens necesarios para a existencia cristiá.

   E cultivemos nos nosos fregueses a conciencia da grande importancia de participar na medida do posible na vida da comunidade eclesial, sobre todo nos momentos principais da educación na fe e da vida sacramental e litúrxica.

   Para o noso futuro, para as nosas parroquias e a nosa Igrexa -e, polo tanto, para o futuro da nosa sociedade- é decisivo que os nosos fieis garden unha fe viva e relevante para as súas vidas, o que non poderá ser senón edificando sobre a Palabra de Deus e os sacramentos, en primeiro lugar a Eucaristía.

   Debemos gardar clara esta conciencia nós mesmos e invitar sempre aos nosos fieis a seguir construíndo a súa existencia apoiados no Señor, como único fundamento sólido.

3. Outros trazos específicos da acción pastoral

   Neste sentido pode comprenderse tamén a prioridade dada neste curso pastoral á catequese. Con ela podemos dar pasos concretos neste camiño de construción das nosas comunidades. Porque na catequese están en xogo o coñecemento da Palabra de Deus e a educación na fe, en primeiro lugar de nenos e mozos.
    De feito, a catequese, na que están implicados igualmente familias e catequistas, é un modo fundamental de introdución á vida cristiá, ao coñecemento do Evanxeo e ao amor ao noso Señor, á participación na comunidade eclesial e parroquial. É un dos ámbitos principais da nosa misión pastoral, e particularmente urxente para responder aos desafíos da transmisión da fe hoxe.

  Por outra parte, a importancia do cambio que adoptamos a propósito da catequese de confirmación, co acordo dos Arciprestes e do Consello presbiteral, obríganos tamén a darlle prioridade neste curso.

  Pídovos, por iso, a todos unha atención moi especial aos nosos procesos catequéticos, sobre todo de iniciación cristiá. Pois sen a participación de todos, sacerdotes e laicos, non será posible tampouco a catequese que os nosos fieis necesitan. Ningún esforzo dedicado ao seu coidado e renovación será perdido, nas parroquias e arciprestados, nas Escolas de catequistas e dende a nosa Delegación de Catequese.

  E, dada a relevancia desta actividade pastoral, poderemos dar pasos así, ao mesmo tempo, no camiño de coordinación e de unidade necesario para que respondamos ás esixencias da actual situación parroquial.

 Esta tarefa educativa converxe obxectivamente ademais cunha segunda prioridade pastoral deste ano, a que significa a celebración da Xornada Mundial da Xuventude en Madrid en agosto do ano 2011.

   É de novo unha ocasión excelente para invitar aos nosos mozos a encontrarse cunha experiencia grande e rica de Igrexa nova, que os anime a iniciar ou continuar con maior certeza un camiño de fe.

   Por outra parte, estes acontecementos singulares pedirannos a nós un traballo de preparación ao longo do curso. Fagámolo con xenerosidade, axudados pola Delegación de Pastoral Xuvenil, pensando no ben dos nosos mozos, na súa vida e na das nosas parroquias e pobos. Acollamos esta ocasión, que nos ofrece o noso Papa Benedito XVI, como un don da Providencia, que pode dar moito froito, como a semente que cae en boa terra.

Conclusión: Un labor animado pola esperanza

   Toda mirada cara ao futuro, como a implicada nesta que se dirixe ao novo ano pastoral, está sempre iluminada para os cristiáns pola esperanza. É dicir, pola certeza da fe, de saber en quen confiamos e como enriqueceu as nosas vidas, e polas expectativas dos moitos bens que o Señor nos dispensará neste novo tempo que se desprega ante nós.

  Mirando cara ao futuro espértase, pois, o desexo profundo do corazón, colmado de razóns para esperar e de gratitude polo xa recibido, que non se derruba a pesar dos ventos contrarios e as tempestades.

  A acción pastoral é unha expresión privilexiada, querida para cada un polo Señor, deste dinamismo misioneiro do corazón, dunha persoa que non desexa ser acalada, senón comunicar a lúcida alegría da súa esperanza, compartir o máis importante que leva na alma, dar forma ás súas relacións e á súa existencia segundo o amor do Señor en que creu.

  Non podemos sobrevivir sen dinamismo misioneiro, sen asumir o labor pastoral de corazón, certos da fe e movidos polo amor, buscando o encontro e o diálogo cos nosos irmáns, aínda que estean afastados da fe.

  Non aceptemos censurar o máis humano, onde se manifesta o noso Salvador, censurando o noso propio corazón, acollendo como propia a sospeita sobre a nosa fe e a nosa Igrexa de quen aínda non gozou na súa vida do esplendor e a beleza do Evanxeo, do Amor de Deus.

  Camiñemos unidos un ano máis, como servos bos e fieis enviados á viña do Señor. Axudémonos mutuamente na reflexión e no esforzo, na fe e na esperanza. Oremos pola nosa Igrexa. E, por intercesión de santa María, Nai de Deus, pidamos ao Señor fidelidade a nosa misión, un corazón que teña a graza de saber dicir que “si” aos seus designios, que nos comunica sempre como un don especial, que se fai só aos amigos.

+ Alfonso Carrasco Rouco
Bispo de Lugo