Líneas de Acción – Equipo pastoral 2011-2012

A Familia lugar de evanxelización

 

INTRODUCIÓN

 

  Estimamos necesario priorizar e reflexionar o traballo pastoral sobre o matrimonio e a familia.

Vivimos nunha época na que as familias se enfrontan a múltiples desafíos, unha época na que incluso poderiamos dicir que se dan crecentes ataques contra a familia e contra a vida. A tendencia a poñer en dúbida a institución familiar, a súa natureza e misión, o seu fundamento sobre o matrimonio (unión de amor e de vida entre un home e unha muller) está, por así dicilo, xeneralizada. Esta tendencia está presente tamén nos medios de comunicación, e incluso se ve reflectida no noso ordenamento xurídico. A fecundidade padeceu un desmoronamento, especialmente palpable no noso mundo rural. A ruptura dos matrimonios é algo cotián. O aborto fere profundamente a alma dos pobos e as conciencias das persoas. As “unións de feito” constitúen un problema cada día máis estendido.

 

 A familia preséntase como o problema obxectivamente máis grave e inquietante ante o que se atopan as sociedades europeas e, por suposto, a española e a galega. Non podemos esquecer que esta realidade afecta profundamente ás persoas, nos aspectos esenciais da existencia. Dáse como unha “debilidade” da familia que provoca que se estean disolvendo as relacións esenciais que constitúen á persoa. Non temos máis que pensar nunha certa “dimisión” de moitas familias respecto da educación dos fillos ou o coidado dos maiores.

 

  Tamén podemos constatar que non se vive, na familia, en relación á fe e á Igrexa. Así, tendo en conta a centralidade da misión e identidade da familia na transmisión da fe o Papa Benedito XVI definiu a situación actual como de “EMERXENCIA EDUCATIVA”. Así, é evidente “a crecente dificultade que se atopa para transmitir ás novas xeracións os valores fundamentais da existencia e dun correcto comportamento, dificultade que existe tanto na escola como na familia, e pódese dicir que en todos os demais organismos que teñen finalidades educativas” (Benedito XVI: Discurso á Asemblea diocesana de Roma, 11-VI-2007).

60

  Non se trata de deixarse levar polo pesimismo, pero si que é necesario partir da realidade que están vivindo as familias na nosa sociedade. A preocupación da Igrexa polos problemas matrimoniais e familiares fúndase na idea que a Igrexa ten acerca da dignidade do matrimonio e da familia. Segundo o ensino do maxisterio, o matrimonio e a familia son institucións naturais das que dependen as primeiras e máis necesarias funcións da existencia e da convivencia humana. O Concilio Vaticano II inclúe o tema do matrimonio e a familia entre “as necesidades

máis urxentes deste tempo”. Así, a tarefa evanxelizadora, inherente ó ser da Igrexa, conleva a preocupación polas persoas e polas realidades máis importantes que afectan ó seu ser, como son todas as relacionadas coa familia: o matrimonio, a vida, a educación dos fillos… e aportar a necesaria luz da fe respecto da dignidade da persoa, o matrimonio e a familia.

 

 O Evanxeo do matrimonio e a familia non ten como termo a súa predicación: diríxese necesariamente a fomentar a vida en Cristo dos matrimonios e as familias que conforman a Igrexa de Cristo. É nelas onde a comunidade eclesial se comprende a si mesma como a gran familia dos fillos de Deus. “A Igrexa considera o servizo á familia como unha das súas tarefas esenciais”. Esta convicción, manifestada polo Papa Xoán Paulo II, afecta o modo como a Igrexa organiza e dirixe a súa propia misión no medio do mundo. Debe ser, en efecto, un principio inspirador e director de toda a pastoral da Igrexa (DPF 1). Conscientes desta responsabilidade os bispos españois publicaron diversos documentos e comunicados sobre a importancia do matrimonio e a familia na Evanxelización e a súa conexión cos problemas actuais da nosa sociedade; así como sobre o necesario replantexamento que isto supón na planificación e realización das accións eclesiais.

 

  Por iso, ante a actual situación na que, evidentemente, tamén se dan realidades moi positivas e esperanzadoras, crémonos urxidos a priorizar a pastoral familiar na nosa Diocese durante os próximos anos. Trátase de axudar a restaurar o valor do matrimonio e da familia, verdadeira “Igrexa doméstica”, e “familiarizar” as mesmas estruturas pastorais da nosa Igrexa. Non é outra cousa que o patentizar a imaxe da Igrexa como familia. E isto buscando o modo como a Igrexa pode mostrar a Boa Noticia de Xesús ás familias, ser fonte de vida para as familias, e, á súa vez, como as familias cristiás poden chegar a ser protagonistas da evanxelización da Igrexa.

 

  Así, propoñemos como OBXETIVO XERAL:

 

Axudar ás familias a vivir o plan de Deus sobre elas e o cumprimento da súa

misión no mundo.

 

 Obxetivo que cremos debería ser asumido como prioridade polas diferentes vicarías e delegacións, así como polas parroquias e arciprestados.

61

Para iso destacamos como OBXETIVO CONCRETO, para este ano 2011-2012:

 

Formar ou renovar a “rede” de apoio e acompañamento pastoral ás familias.

 

  Destacando o papel dos arciprestados e zonas pastorais, especialmente no rural, como espazos de promoción coordinación e execución da acción pastoral común, e tamén como estruturas que poden resultar de gran axuda para a pastoral familiar, xa que moitas veces as parroquias illadas non teñen capacidade para ofrecer os elementos necesarios para a vida das familias.

  Trataríase de ir dando pasos na nosa Diocese para asumir “unha pastoral familiar

concibida como unha dimensión esencial de toda evanxelización” (DPF 3).

  Este obxetivo concreto, á luz do Obxetivo Xeral que propoñemos, podería ser incorporado ás distintas programacións pastorais e ser traducido en accións concretas de cada vicaría, delegación, arciprestado ou parroquia.

 

 E propoñemos, como ACCIÓNS CONCRETAS E COMÚNS a nivel diocesano, para este ano, que deberíamos asumir positivamente todos:

1. Elaboración dun calendario de celebracións – encontros especiais de familias nas distintas zonas pastorais.

2. Coidar a acollida e acompañamento das familias que solicitan os sacramentos e preparar con esmero as celebracións, os sacerdotes.

3. Visita ás familias, ós enfermos, ós anciáns…

4. Promover os movementos, grupos e asociacións familiares.

5. Facilitar materiais para favorecer a formacion e a celebración de xornadas como o día do pai e da nai, o día dos avós, fomentar e espertar a vocación dos fillos a vocación do sacerdocio e vida consagrada… nas Parroquias e Arciprestados.

6. Encontro de familias, escola e catequistas.

7. Iniciar o proceso para crear un Centro de Orientación Familiar.

8. Vixilia da Inmaculada.

9. Xornada da Familia.

10. Xornada da Vida.

+ Alfonso Carrasco Rouco
Bispo de Lugo