Ante as novas iniciativas lexislativas sobre o aborto

Apuntamentos para a reflexión
Queridos irmáns,
  Estamos estes días axitados polos anuncios de nova lexislación a propósito de cuestións como a pílula postcoital ou o aborto, que inciden profundamente na vida de cada un e da sociedade.
  De modo inevitable somos interpelados todos na nosa conciencia, polo que me parece deber propio do ministerio episcopal axudar aos fieis cristiáns, e a todo home de boa vontade, a escoitar a voz da Igrexa, de modo que ninguén se encontre só á hora de enfrontarse ás campañas e aos grandes medios públicos con que estes desafíos morais se nos presentan na nosa sociedade.
  Todos sabemos que a pílula postcoital é moitas veces un fármaco abortivo, e que ademais non é inocuo para a saúde da muller. Non falarei diso agora, polo tanto, senón só directa e brevemente do aborto mesmo.
  Teredes observado a escaseza e mesmo a ausencia de debate sobre o centro mesmo da cuestión: se se trata ou non de matar a un ser humano, que é diferente da súa nai, a pesar de estar no seu seo en momentos temperáns do seu desenvolvemento. Penso que este debate se silencia, porque non é posible negar o feito razoablemente -é dicir, cientificamente. É evidente que se trata de impedir o desenvolvemento e o nacemento dun ser humano, que só porque xa existe se pretende destruír. Non son necesarios longos discursos a este respecto: trátase claramente dun crime, polo que se nega o dereito fundamental á vida dun ser totalmente indefenso.
  Realizalo afecta sen remedio non só á saúde física e psíquica da nai, senón tamén á vida e comprensión do matrimonio e a familia; e mesmo, e ante todo, á conciencia moral de todos os que participan nel, incluídos por suposto os que o fan posible a longa escala cos medios da lexislación e da política en xeral.
  Ao contrario, todos estamos chamados a colaborar para que o aborto non chegue a cometerse, sexa coa proximidade e a axuda ás nais, sexa salvagardando unha conciencia moral lúcida, que habemos de testemuñar na sociedade, para que se perciba con claridade o inaceptable do aborto, e iso chegue a ter consecuencias en todos os ámbitos da vida, incluídos os traballos dos nosos representantes políticos.
  Pero se hoxe se escamotea ante os nosos ollos o que realmente está en cuestión no tema do aborto, é debido en boa parte á súa presentación como expresión simplemente dun dereito da muller e da súa liberdade.
  Debemos comprender igualmente a gravidade destas formulacións, pois aféctannos a todos. Aínda deixando sen mención aquí o que isto significa para a concepción do dereito e do Estado en España, que é de inmensa importancia, non podemos deixar de observar que tal presentación do aborto coma un dereito recorta de modo grave a liberdade de todos.
  En efecto, na nosa sociedade non hai unanimidade ningunha nestes temas. Moitos, se non a maioría, ven a gravidade moral do aborto. Agora ben, declarándoo un dereito, non só se desvía a atención da verdadeira cuestión, senón que se imposibilita un diálogo aberto, no que saian á luz as tomas de posición de cada un e de todos; xa que non se pode poñer un dereito en discusión.
  É dicir, presentando neste modo a lexislación sobre o aborto, estase a facer unha grave presión sobre a liberdade de pensamento, así coma sobre a liberdade de expresión e de educación. Pois non cabe negar os dereitos doutros nunha sociedade democrática, nin educar aos nenos e mozos máis que no respecto dos dereitos fundamentais. E risco existe tamén de que vexan negada a súa liberdade de conciencia médicos, farmacéuticos, enfermeiras, psicólogos e todos os que teñan que ver co proceso do aborto. En resumo, a declaración de tal inexistente dereito por quen ostenta o poder político tende a limitar gravemente a liberdade de todos.
  Convén que, como fieis cristiáns e como persoas libres e responsables na nosa sociedade, comprendamos realmente o que está en cuestión con esta iniciativa lexislativa. Resulta imprescindible que conservemos a claridade do xuízo das nosas conciencias, tendo en conta todos os aspectos da vida que están implicados. Esta breve carta quere só ser unha pequena achega a esta tarefa urxente.
  E, por outra parte, sería igualmente de grande irresponsabilidade non se preocupar por aqueles asuntos públicos que afectan gravemente o presente e o futuro da nosa sociedade, e ás formas mesmas da nosa vida en liberdade e democracia.
  Como cristiáns e como persoas, como cidadáns, non podemos limitarnos a ser espectadores pasivos, senón que estamos chamados a participar de modo activo nestes debates, nos que está en xogo o dereito á vida de moitos e a dignidade das nosas propias conciencias, e que serán sen dúbida determinantes para o ser da nosa sociedade.
Lugo, a 18 de mayo de 2009
  
+ Alfonso Carrasco Rouco
Bispo de Lugo