A urxencia de vivir a caridade

O xoves día 15 de xaneiro, celébrase clausura do 50 Aniversario da fundación de Caritas en Lugo e o 750 Aniversario da Festa de Corpus. Ás 20 h na Catedral terá lugar a Eucaristía presidida polo Bispo para conmemorar estes dous actos.

 

A urxencia de vivir a caridade

 

Neste ano recentemente acabado celebramos o 50º aniversario da fundación da nosa Caritas diocesana. Menos coñecido quizais sexa que tamén este ano se cumprían 750 da festa de Corpus Christi, instituida para toda a Igrexa polo Papa Urbano IV o 11 de agosto de 1264.

É unha coincidencia extraordinaria, sobre todo para a nosa Igrexa en Lugo, que puxera desde moi antigo ao Santísimo Sacramento no centro do seu Altar maior e da súa existencia cristiá.

Por iso, queremos concluír este ano do cincuentenario de Caritas cunha celebración que recorde tamén aquel feito singular que estableceu a tradición da festa do Corpus. Será o vindeiro xoves, 15 de xaneiro, na nosa Igrexa Catedral de Lugo.

Os tempos que vivimos e os acontecementos aos que nos vemos obrigados a asistir subliñan a urxencia de manter viva a conciencia desta unidade entre o íntimo da nosa fe e a caridade fraterna.

Somos testemuñas nos nosos días, e moi vivamente grazas aos medios de comunicación, de expresións atroces de desprezo da vida, a dignidade e a liberdade de moitos irmáns nosos. Preséntase ante os nosos ollos, coma se fose de novo un espectáculo, a persecución, o sufrimento e o martirio de tantos cristiáns. É un feito que interpela profundamente a todo home de ben. Nós, como cristiáns, confiamos sempre en Deus, en cuxas mans está a historia, e alegrámonos pola vitoria dos que souberon defender a súa fe e o seu corazón ante a violencia destructora. Pero ninguén pode quedar indiferente ante estas expresións de crueldade, defendidas ata públicamente como forma correcta de ser home e de honrar ao seu Deus.

Os atentados sufridos na nosa sociedade, e recentemente en Francia, fixéronnos sentir a todos ademais a profunda inxustiza desta violencia

Experimentar tan de cerca esta dor pode axudarnos tamén a comprender a de moitos outros, que noutras partes do mundo, en Oriente Medio en primeiro lugar, pero tamén en África ou Asia, ven as súas casas e cidades ocupadas militarmente ou bombardeadas e destruídas; ou se atopan refuxiados, entre mil penalidades e privacións, ou morren ata de fame.

Que importante é, pois, manter a unidade entre a nosa fe en Deus e a nosa vida na caridade fraterna! Que importante non esquecer que as nosas obras reflicten a nosa conciencia, quen somos e que cremos!

En efecto, existe sempre unha fe íntima, unhas conviccións profundas no corazón, que se refiren a Aquel ou aquilo que recoñecemos como o valor verdadeiro que move a nosa vida e funda a súa dignidade. Esta fe e estas conviccións orientan o noso modo de actuar, aínda cando non sempre sexamos plenamente consecuentes con elas.

É un gran privilexio, xa que logo, pertencer a un pobo que profesa a súa fe en Deus adorando ao Santísimo Sacramento; é dicir, ao Deus que nos amou ata entregarse completamente por nós e ensinarnos o seu camiño de caridade. El fixo sagrada a persoa de todos aos que amou así.

Celebrar o Corpus, poñer ante os nosos ollos e os da cidade, esta presenza real de Deus connosco, é proclamar este amor, feito de misericordia, de entrega e de vitoria sobre a morte; e é recoñecelo como o criterio da nosa actuación, da construción da nosa casa, da nosa convivencia. Oxalá todos os homes puidésemos gardar no corazón o tesouro desta convicción profunda sobre Deus e sobre a existencia humana!

Que a celebración destas efemérides, o cincuentenario de Caritas e os 750 anos da festa de Corpus, reavive o íntimo da nosa conciencia en quen nos confesamos cristiáns e permítanos comprender a urxencia da nosa presenza, do testemuño da nosa vida para os homes do noso tempo.

Que todos podamos crecer na percepción da unidade radical existente entre a forma da fe que profesamos e o modo de comportarnos co noso próximo. A caridade vivida é, ao final, un criterio certísimo e moi doado de comprobar, para discernir a verdade das conviccións que guían a nosa existencia.

De feito, a caridade é a nosa única vía de salvación, de plenitude humana: a caridade daquel que nos amou e a das nosas persoas na acción cotiá.

Invito, pois, a todos a participar nesta celebración do próximo día 15, na que queremos unir a adoración do Deus a quen recoñecemos como o “Amor dos amores”, e o esforzo común, cotián e consciente, de vivir a caridade na nosa terra.

 

Alfonso Carrasco Rouco

 

Bispo de Lugo