As Xornadas Mundiais da Xuventude (+Alfonso Carrasco Rouco)

Introdución

As "Xornadas Mundiais da Xuventude" son unha realidade novidosa, un fenómeno pastoral que xorde e se desenvolve nos últimos 25-30 anos por impulso fundamentalmente do Papa Xoán Paulo II, e que chega a alcanzar unha grande influencia na pastoral xuvenil recente e mesmo na vida e a misión da Igrexa toda. Aparecen como un acontecemento singular, non previsto, que caracteriza a historia eclesial contemporánea.

No seu conxunto, as Xornadas fixeron aparecer ante os ollos de todos a faciana dunha Igrexa nova e, polo tanto, con futuro; animaron a moitos, tentados polo cansazo, e fixeron imposible a redución da fe a un fenómeno no fondo obsoleto.

A celebración dunha nova Xornada Mundial da Xuventude constitúe seguramente un momento de graza, un kairós para a Igrexa universal, e é un regalo, un don providencial para a Igrexa particular que a recibe -neste caso, España e Madrid.

Por suposto, os froitos dependen tamén do traballo pastoral anterior e posterior, da atención e o interese posto polos responsables da pastoral xuvenil na preparación e logo no aproveitamento do que este encontro puidese significar.

En todo caso, cada JMJ sitúanos ante unha nova xeración de mozos, en novas circunstancias sociais, que interpelan a nosa paixón pastoral e a nosa capacidade de proposta.

1. Un acontecemento xurdido dun carisma profético

As JMJ foron unha grande opción profética de Xoán Paulo II. Todo carisma é dado á Igrexa ao servizo da aventura de comunicar a fe nas circunstancias de cada momento. Isto é válido para calquera don carismático, dende, por exemplo, o da oración contemplativa ao do servizo radical dos máis abandonados, no que resplandece ante o mundo o amor de Cristo. Pero toda a tradición, seguindo o ensino da Escritura, e en particular de Paulo, situou no centro da vida carismática á profecía: dar testemuño de Cristo- respondendo aos signos dos tempos.

Dalgún modo, isto sucedeu ante os nosos ollos nas JMJ, que significan aceptar de verdade o desafío da humanidade nas súas circunstancias concretas, o dunha xuventude cunha dinámica vital que parecía afastala da fe, confiando no Señor.

En efecto, as Xornadas teñen a súa raíz nunha aposta decidida polos mozos, que Xoán Paulo II levará adiante ata a súa morte con celo extraordinario. Significan un vir ao encontro do propio da xuventude con toda seriedade, valorando radicalmente as características da súa humanidade, como abertas a descubrir en Cristo unha plenitude de significado.

Dende o inicio do seu pontificado, o Papa anunciara solemnemente que o home é "o camiño da Igrexa", un home no que a súa realidade, dignidade e destino só se esclarece realmente no encontro con Xesucristo, o Verbo encarnado. Este peculiar carisma seu manifestarase dende o primeiro momento tamén con respecto aos mozos, nunha mirada que sabe ver os trazos típicos da súa humanidade, e valóraos radicalmente como camiño para a Igrexa.

Antes incluso das Xornadas, dicía xa: "vós sodes o futuro do mundo, a esperanza da Igrexa. Vós sodes a miña esperanza". E afirmará logo: "temos necesidade do entusiasmo dos mozos, temos necesidade da alegría de vivir que teñen os mozos. Nela reflíctese algo da alegría orixinal que Deus tivo ao crear ao home. Esta alegría é a que experimentan os mozos en si mesmos. É igual en cada lugar, pero é tamén sempre nova, orixinal". A pesar dos estudos sociolóxicos que describen á xuventude con cores escuras, el escribirá: "Nos mozos hai un inmenso potencial de ben e de posibilidades creativas". Sinálalles como ideal a busca da verdade, a beleza, a xustiza e a solidariedade, e engade: "Confirmo a miña convicción: aos mozos correspóndelles a difícil, pero excitante tarefa de transformar os 'mecanismos' fundamentais que, nas relacións entre individuos e nacións, favorecen o egoísmo e o abuso, e facer nacer estruturas novas, inspiradas na verdade, na solidariedade e na paz".

Nesta mirada, aquí brevemente exemplificada, que percibe con sorprendente agudeza os trazos profundos da xuventude, desvélase a caridade e tamén un carisma propio de Xoán Paulo II. En efecto, froito dun don carismático pode ser precisamente a iluminación do corazón humano, sacar á luz o seu auténtico modo de ser, abríndoo á escoita do Evanxeo.

Pois ben, esta opción profética de Xoán Paulo II polos mozos, esta valoración da súa vida e misión no mundo, esclarecida e afirmada definitivamente á luz de Xesucristo, encontrou unha concreción sorprendente nas JMJ.

Con ocasión do Xubileu dos Mozos (1984) e do Ano internacional da Xuventude declarado pola ONU en 1985, terá lugar un encontro do Papa con grandes grupos de mozos. De aí xurdirá a idea e o desexo de volver encontrarse cunha xuventude que, a pesar dos grandes cambios dos anos 60 e 70, respondía por miles a esta invitación. Tras as primeiras tentativas, as JMJ alcanzarán en Santiago de Compostela (1989) a súa forma madura.

2. Un acontecemento feito posible pola presenza dunha testemuña

As Xornadas Mundiais son momentos singulares de escoita e de diálogo co home de hoxe -cos mozos- e de comunicación da fe. Neles manifestouse sen dúbida un carisma, que no seu núcleo é profecía. De aí o significado catalizador da testemuña, do que acolle e transmite o don da palabra do Señor, e que era concretamente Xoán Paulo II.

O modo en que xorde o acontecemento das JMJ, o seu método propio era o método propio do cristián. Era un erro a acusación de personalismo ou ver nas JMJ só unha manifestación máis do fenómeno xuvenil e inmaduro de veneración dun ídolo. Dende o inicio, o Señor comunícase a través da humanidade das súas testemuñas, movida polo Espírito Santo, e así actuou Xoán Paulo II, respondendo con fidelidade sinxela e singular ás esixencias da súa misión pastoral. Os mozos recoñeceron os acentos que viñan do Espírito do Señor, escoitárono e seguírono. De feito, diso non xurdiron festas ou momentos insignificantes de aplauso dun ídolo pasaxeiro, senón verdadeiros "laboratorios de fe" nova, con significado para a marcha de toda a Igrexa.

Neste sentido, as JMJ non comezaron como unha parte programada dun plan pastoral, senón por unha iniciativa profética de Xoán Paulo II. E chegaron a ser o que son pola participación dos mesmos mozos: "Ninguén inventou as xornadas mundiais dos mozos. Foron eles quen as crearon. Esas xornadas, eses encontros, convertéronse dende entón nunha necesidade dos mozos en todos os lugares do mundo. As máis das veces foron unha gran sorpresa para os sacerdotes e mesmo para os bispos. Superaron o que eles mesmos se esperaban".

A perplexidade ou a dúbida ante as JMJ eran comprensibles ao inicio, pois non resultaba doado entender que significaban ou que podían chegar a ser. Pero o acontecemento das Xornadas impúxose pouco a pouco ante os ollos de toda a Igrexa, xerando unha sorpresa positiva, polo seu éxito entre un gran número de mozos e pola súa permanencia no tempo.

A sorpresa provén sobre todo de ver manifestarse inesperadamente dinámicas profundas que non souberamos ver ou adiviñar na vida eclesial, vinculadas co xeito de ser e as expectativas crentes de xeracións de mozos. Neste sentido, a sorpresa era unha interprelación, coñecemos de verdade aos mozos? estamos preto deles? tomamos en serio o que son? por que non responden así ante a presenza eclesial de cada día?

Pero a sorpresa é profundamente positiva, porque pon de manifesto as potencialidades do Señor, que segue mobilizando e renovando a vida no presente, en correspondencia coas expectativas tamén dos mozos.

Esta positividade encóntrase tamén na dimensión eclesial dos encontros, que poñen de manifesto unha dinámica profunda vinculada á figura do Papa, que se manifesta como testemuña da fe na súa humanidade, e permite aparecer o rostro dun Pobo de Deus novo. O camiño da fe desvélase así como un camiño de Igrexa, profundamente persoal e ao mesmo tempo comunitario, unindo recoñecemento, afecto e escoita persoal cunha gran realidade de unidade eclesial.

3. Unha experiencia da universalidade da fe

Desta xenialidade pastoral, deste xesto profético, non só se temía ou criticaba un posible personalismo excesivo, que faría infrutuosas as Xornadas para a vida pastoral ordinaria, senón igualmente, polos mesmos motivos, o seu carácter masivo.

E, non obstante, a experiencia das JMJ mostrou tamén o infundado deste temor. As Xornadas desvelaron ter un valor particular precisamente como encontro masivo; porque en realidade non foron a reunión superficial dunha masa, dunha multitude de persoas sen vínculos intrínsecos, senón dun pobo, profundamente articulado. Foron momentos de encontro e testemuño mutuo entre grupos de parroquias, asociacións e movementos, pobos e mesmo nacións enteiras.

Isto ten unha importancia extraordinaria para os mozos cristiáns de hoxe, que a miúdo viven a súa fe en soidade ou como pequenas minorías, e cunha experiencia eclesial que non só pode parecerlles a eles senón que ademais é declarada por moitos ao seu arredor como insignificante para o home e a sociedade. Pois a fe confortase e reforzase así, vendo cos propios ollos a realidade dunha Igrexa nova e crente, estando persoalmente en presenza dun gran fenómeno de fe que anima, dá sentido e forza á vida de moitos mozos do mundo enteiro. O mozo ve que a fe é real.

O encontro de pobos e nacións nas JMJ mostra logo a dimensión universal da Igrexa de moitas maneiras, necesarias todas para o vigor da fe do mozo -e da de todos os fieis. En primeiro lugar, porque a fe maniféstase como unha experiencia posible e verdadeira tamén para un mozo de hoxe, e ademais en calquera parte do mundo. Contén a promesa da verdade e do ben para calquera circunstancia da vida, e nunha forma chea de beleza e alegría. Ser cristián non retira ao mozo do mundo, senón que lle permite ser el mesmo en plenitude nova, en calquera lugar ou país, e nunha fraternidade que supera fronteiras dun modo incomparable con calquera outra cousa.

Nas JMJ o mozo recibe a confirmación de que se pode ser cristián e moderno, vivir como tal no presente con dignidade plena. Isto é esencial, cando a modernidade, o vivir cos tempos, se identifica por moitos con posicións e formas de vida non cristiás. O cristián sería o mundo antigo, que envelleceu e que estaría a desaparecer. Non é posible crer, e menos ao mozo, sen estar certo que a propia fe se corresponde coas necesidades e esixencias do presente e abre de verdade o futuro.

A multitude de mozos presentes nas Xornadas pon de relevo esta universalidade tamén doutro xeito. Porque mostra na práctica que a fe non é un asunto privado, senón que pode manifestarse publicamente, tamén nun mundo democrático, e constituír un principio de renovación da sociedade. Esta foi a experiencia no medio das grandes cidades do noso mundo, todas conmocionadas sempre polo testemuño de vida, de alegría, de fe e de unidade que fan presentes os mozos, en forte contraste cunha sociedade en que a xente bota de menos precisamente estas realidades. O cambio de faciana das cidades e dos seus ambientes pola presenza masiva dos mozos das JMJ, confirma a estes na bondade de vivir pública e pacificamente a propia fe, como gran contribución á renovación da nosa sociedade; e responde así á obxección habitual segundo a cal a fe cristiá non pode pretender expresarse no ámbito público, debe reducirse ao privado, para non violentar as opinións de ninguén.

4. Unha chamada a recoñecer a Xesucristo e a crecer na fe

Certamente, a experiencia necesita de reflexión e maduración.

A iso contribúe normalmente a estrutura das Xornadas, marcadamente catequética, e a vontade explícita de recoñecer en Cristo, na cruz de Cristo, ao único ante quen se esclarece o corazón e o destino de cada home; o único que pode unir a todos nun único gran pobo, o único de quen quere ser testemuña o Papa, que non fala nin quere falar de si mesmo.

As Xornadas son inevitablemente un anuncio enorme do Señor Xesús como o único salvador do mundo, como a resposta verdadeira ás esixencias do ser humano, nun tempo en que non é posible crer xa en ningún gran sistema ou utopía, e no que se tendería -os mozos tenden- a un simple materialismo utilitarista, a un hedonismo que resulta triste.

 

 

As Xornadas anuncian explicitamente a Xesucristo no corazón do mundo novo, pero tamén ao mesmo tempo a nosa sociedade e a nosa Igrexa; e anúnciano ademais a través da presenza desta gran cantidade de mozos, da súa humanidade movida pola fe.

Xoán Paulo II puxo a Cruz dos Mozos, puxo a Cristo, no centro dos encontros, acompañado polo Icono da súa Nai, tipo e modelo da Igrexa. Benedito XVI insiste igualmente nos contidos fundamentais das JMJ, na necesaria seriedade da preparación e da reflexión, antes e despois da súa celebración, para evitar o risco de asimilalas a simples ocasións de festa e diversión. Por suposto, esta insistencia non pon en discusión o evento, que segue constituíndo unha saudable provocación á nosa Igrexa e á sociedade.

Sen dúbida, as JMJ interrompen o discorrer pastoral das nosas parroquias e comunidades, interpelan e ofrecen novos impulsos á pastoral xuvenil. Non nos ofrecen receitas, nin substitúen o traballo de cada día. Pero interpelan aos que son responsables da pastoral xuvenil e a todos os educadores, para que non se deteñan na busca de formas de educar ás novas xeracións; para que crean nos mozos, na posibilidade de que a súa humanidade encontre en Cristo a plenitude de vida á que está chamada; para que acepten de novo o reto de comunicar o Evanxeo, xeración tras xeración, camiñando no medio e co apoio de todas as riquezas da experiencia pastoral da Igrexa, simbolizadas dalgún modo no grande encontro das JMJ.

5. Prioridades pastorais das JMJ

 

         a) A persoa de Xesucristo é o centro da acción evanxelizadora.

Isto ha de ser así en primeiro lugar para os axentes de pastoral mesmos; pois se non, como xurdirá neles a vocación profética, o desexo de saír ao encontro do mozo?

Temos de recordar sempre que non hai fórmulas máxicas -nin polo tanto técnicas marabillosas- que nos salven, senón só unha Persoa e as certezas que ela nos infunde. Este será sempre o método cristián, para a fe do axente de pastoral e para toda acción evanxelizadora: nada acontece sen a persoa concreta, sen a súa humanidade, cargada de certezas ao estar apoiada en Cristo.

Por outra parte, tampouco o mozo aceptará menos que iso; non aceptan moralismos ou fórmulas de pseudosabedoría humana, e as utopías políticas xa llelas propoñen outros. Non se poñen en movemento nin cambian por discursos culturais, senón pola presenza e o encontro coa persoa que lles fai manifesta unha esperanza de vida nova.

b) Experimentar a racionalidade da fe, a súa beleza, a súa concordancia profunda co home, a vida e o mundo.

Non se acolle a fe, que implica sempre unha conversión do corazón, sen a experiencia da verdade e a beleza, de ser introducido de modo gratuíto e bo en relación coa realidade espléndida do mundo; sen descubrir como a compañía do Señor, a través dos seus, introduce ao uso da propia razón e á alegría da liberdade verdadeira.

Nas Xornadas, os mozos ábrense a outras cidades e continentes, ao horizonte do mundo. Isto debe ser un signo da luminosidade, do razoable da fe, que introduce á realidade e fai posible a vida en toda a súa grandeza. Os mozos queren a vida e o mundo; non crerán sen a promesa e a experiencia da verdade e a beleza. Non apostarán a súa liberdade por Xesucristo só en nome de preceptos e dun maior control moral.

 

          c. A humanidade -o mozo- é o camiño da Igrexa

     As JMJ recórdannos que a Igrexa, e os responsables da pastoral xuvenil, deben comprender e valorar a importancia da xuventude, non deixar de saír ao seu encontro, non pasala por alto.

        Dicía Xoán Paulo II: " Que é a xuventude? Non é soamente un período de vida correspondente a un determinado número de anos, senón que é, a vez, un tempo dado pola Providencia a cada home, tempo que se lle deu como tarefa, durante o cal busca, coma o mozo do Evanxeo, a resposta aos interrogantes fundamentais; non só o sentido da vida, senón tamén un plan concreto para comezar a construír a súa vida. Esta é a característica esencial da xuventude. Ademais do sacerdote, cada educador, comezando polos pais, debe coñecer ben esta característica e debe saber recoñecela en cada rapaz ou rapaza; máis aínda, debe amar o que é esencial para a xuventude".

Estamos chamados ao esforzo de poñer as enerxías na pastoral xuvenil, a traballar con paixón verdadeira, buscando o mozo e acompañándoo. Esta actitude é unha expresión da caridade pastoral, da esperanza e a confianza, e resulta imprescindible, para que os mozos se sintan realmente apreciados polo que son e para que poidan entrar nunha relación de confianza.

Este "crédito de confianza" na súa humanidade, non significa, por suposto, silenciar a verdade do Evanxeo; pois os mozos perciben tamén o posible baleiro, a reticencia ou a inseguridade da proposta. O mozo desexa amor e verdade. En palabras de Xoán Paulo II, "se en cada época da súa vida o home desexa afirmarse, encontrar o amor, nesta deséxao dun modo aínda máis intenso. O desexo de afirmación, non obstante, non debe ser entendido como unha lexitimación de todo, sen excepcións. Os mozos non queren iso. Están dispostos tamén a ser reprendidos, queren que se lles diga si ou non. Teñen necesidade dun guía e queren telo moi cerca".

Conclusión

As JMJ son a síntese feliz, profética, deste encontro do mozo coa persoa de Xesucristo. El é o guía que cada un necesita, e que se manifesta moi preto na persoa do Papa, e en moitas outras que constitúen a realidade da Igrexa concreta para cada un. Pero o instante en que se ilumina esta conciencia, ou se confirma definitivamente, é de valor extraordinario. Por iso as Xornadas son en primeiro lugar, momentos de encontro e testemuño, acontecemento vivo para moitos mozos, que descobren a existencia do Señor na alegría e o esplendor dun pobo novo ao que ven cos propios ollos. E son tamén laboratorio de fe, momentos intensos de realización de pastoral xuvenil, en que se manifesta o verdadeiro método cristián, que sempre interpela cada un: os mozos queren un guía e queren telo preto, un guía movido pola paixón que xermola da verdadeira caridade, do Espírito do Señor.

As nosas Igrexas necesitan o testemuño e as riquezas da JMJ, que pola súa proximidade nos interpela este ano particularmente. Que o Señor faga de Madrid 2011 un acontecemento de renovación e de graza para os nosos mozos e para os nosos responsables de pastoral xuvenil; para todos os sacerdotes, quizais xa maiores ou cansos que poderán alegrarse contemplando o froito bo dos afáns pastorais, e para toda a nosa Igrexa, tentada ás veces pola desesperanza e o cansazo.

Os carismas son dados á Igrexa para responder ás súas necesidades e urxencias, ante todo na transmisión da fe. Isto é tamén así no caso das JMJ, que veñen ao encontro do gran desafío que a xuventude formula hoxe á Igrexa. Acollamos as Xornadas como unha graza para o noso tempo, en primeiro lugar para moitos mozos, pero tamén para a renovación da nosa caridade, do noso alento e do noso método pastoral.

+ Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo